Non é preciso saír da comunidade autónoma galega para atopar queixos dun gran valor gastronómico, avalados sempre por miles de consumidores, peero convén ir coñecendo tamén como se traballa e como se avanza na produción de queixos que non sempre están a disposición do groso dos amantes do produto. É este o caso dos queixos de ovella O Balido, que obtivo nada menos que dúas medallas de ouro o pasado ano na dita competición internacional.
Esta firma de Lalín, con gandaría propia desde marzo pasado, xa obtivo na edición desde mesmo certame unha medalla de prata en 2016. Era daquela o primeiro galardón para un queixo de ovella galego. Pero non houbo que esperar moito para novos recoñecementos, porque agora, son dúas as medallas de ouro as logradas.
Cortes de Muar, queixos para vivir
A queixería Cortes de Muar, asentada en terras silledendes, é unha nova e novidosa fábrica que prepara queixos artesanais, cunha produción limitada, de leite de vacas que pastan libremente nas pradarías da zona. Do seu obradoiro saen propostas como 'Mimosa', queixo do país, suave e cremoso, feito con leite pasteurizado e premiado xa coa medalla de ouro no World Cheese Awards de 2014.
Outro dos produtos, 'Marigold' é un queixo vello, feito con leite de vaca cru, madurado en pano, con manteiga de nata durante oito meses. Tamén hai neste último caso, un recoñecemento do World Cheese Awards, unha medalla de prata en 2013. E viñeron agora dous novos galardóns para os seus produtos, unha medalla de ouro e outra de prata.
E hai nesta exclusiva canastra internacional galega a presenza doutros novidosos productos, como os que aporta a Cooperativa Como Cabras, con centro de produción na localidade ourensana de Castro Caldelas. Os que pidan estes queixos de cabra deberán aportar a referencia Touza Vella. Trátase dun queixo artesán de pasta prensada, elaborado con leite cru da propia cooperativa, o que aporta o maior control sobre a trazabilidade e a calidade do produto. Os animais críanse en réxime de corte aberta e pastan en liberdade.
O resultado é un artesán graxo, cunha curación de cando menos dous meses, capaz de engaiolar o xurado dun certame tan prestixioso, con produtos elaborados que presentan unha cortiza enmohecida natural, sen tratamento químico, que contribúe á formación de sabores e aromas moi especiais, que se traduciron nunha medalla de plata e unha de bronce no World Cheese.
Tampouco é Queserías Sarrianas novata nesta importante proba, xa que recibiu en 2014 un galardón do Word Cheese Awards, cunha distinción polo seu queixo de Tetilla. O xurado concedeulle agora, en 2017, unha medalla de prata ao seu queixo curado de ovella.
Entre outras propostas, esta empresa lucense presenta, a través de 'Quesar', queixos de Tetilla, Gouda, graxo de vaca, barra de vaca/cabra, barra Edam, de vaca/cabra, semicurado e queixo curado. Na proposta 'San Salvador', teñen os amantes do producto queixo de barra, queixo madurado de vaca e queixo Tetilla, e a través da marca 'Q-Sana', leite condesada enteira.
A máxima desta empresa lucense, fundada en 2003, e ofrecer productos de "óptima calidade" combinando tecnoloxía avanzada e a mellor das propostas da tradición artesanal do agro galego.
No reparto de galardóns de 2017 está igualmente a Queixería Casleiras, do municipio lucense de Vilalba. Está fábrica defende con éxito nos seus productos da denominación San Simón da Costa propostas respectuosas con medio natural, tradición, innovación e, en definiva, alta calidade como lema.
A queixería, que ten na exportación un dos seus principais activos, conseguiu no certame unha medalla de bronce.
A queixería Catadoiro de Vilalba está tamén entre os galardoados cos premios do concurso mundial. Nesta ocasión, obtivo un bronce na categoría de queixo afumado curado de leite de vaca.
E xa logrou o mesmo recoñecemento no ano 2006. Para e empresa, distincións como a que acaba de conseguir non fan senón darlle folgos para seguir mellorando nunha calidade que, dito sexa de paso, xa ten máis que demostrada.