Xa se están desenvolvendo as xornadas formativas complementarias sobre a análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP), impartidas pola experta catadora Salomé Beiroa. son catro xornadas formativas dirixidas a aqueles que teñen coñecementos na materia. As prazas están cubertas, pero tamén se celebran seis xornadas máis de iniciación para as que aínda se admiten inscricións. A formación é -en todos os casos- gratuíta, e está dirixida ao sector e industria agrogandeiros.
A primeira das sesións complementarias celebrouse xa no Centro de Formación e Expermientación Agroforestal (CFEA), en Sergude, Boqueixón ( A Coruña). A segunda desenvolveuse os días 6 e 7 de setembro en Vilalba (Lugo). O 13 e 15 deste mes repítese a actividade en Lamas de Abade (Santiago/A Coruña) e os días 20 e 22 en Lalín (Pontevedra). O horario é, en todos os casos, de cinco da tarde a nove do serán.
Estas catro sesións están dirixidas a aquelas persoas que ou ben cursaron o ano anterior a formación inicial, ou ben xa posúen coñecementos previamente ao curso.
O obxectivo desta actividade formativa -que conta con dez sesións (seis de iniciación e catro complementarias)- é “achegar a industria e o sector agroalimentario a uns produtos excepcionais” como son os queixos galegos con DOP (o queixo San Simón da Costa, o queixo do Cebreiro, o queixo Arzúa-Ulloa e queixo Tetilla). Son as catro Denominacións coas que conta Galicia en materia queixeira.
Prazas libres na formación de iniciación
Calquera persoa vinculada ao sector pode inscribirse gratuitamente nas actividades e non só quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén aquelas produtoras e produtores lácteos, comercializadores e outros.
Resalta Salomé Beiroa que “malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del á industria”.
Como xa queda dito, para as catro primeiras xornadas -as de formación complementaria- o prazo está pechado-. Pero queda algunha praza para as de iniciación, para o que é preciso escribir a [email protected] ou ben cubrir o seguinte formulario en liña (https://i.gal/formacionqueixos2021)
Nas sesións formativas abórdanse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade. Do labor encárgase Salomé Beiroa, que conta cunha longa traxectoria como catadora destes produtos no Panel de Cata da Xunta de Galicia desde hai 15 anos.
Os colaboradores
A formación en análise sensorial dos queixos galegos con DOP conta co financiamento de fondos europeos (Feader), da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), así como coa colaboración dos Consellos Reguladores do Queixo do Cebreiro, Queixo Tetilla, Queixo Arzúa-Ulloa e Queixo San Simón da Costa, entre outras entidades e institucións.