A.S.Rocha
Pola parte que lle toca ao nome común e ao xentilicio, o requeixo da Capela é produto para comer e para cantar. Para trasfegar -iso si, como mandan os canons do bo gourmet-, un requeixo coma este precisa de culler; e para os que lles vaia o sabor cara a fruición -que parece que son moitos tamén- o de cantar ten que ser, de sempre e moi natural: a capela. Con vimbios coma estes volveu brilar hoxe unha festa con 33 anos vida, que teñen escaparate na Cooperativa do Campo Capela e no concello local. Milleiros de visitantes, arredor de 7.000 racións de beberaxe medio-sólida vendidas e un mercadiño de 'case todo' complementaron
o cartel anunciador.
O pregón foi obra do humorista, monologuista e, en definitiva, artista galego Xan Veiga, un arzuán que fixo unha particular loanza gastronómica do produto anualmente ensalzado. Amagos de choiva incluídos, a presenza de visitantes medrou pola tarde.
E a ameaza de choiva non foi impedimento, segundo Vanesa Seco Franco -administrativa e voceira da Cooperativa do Campo Capela- quen cifra en arredor de 90.000 litros os utilizados mensualmente na produción dos distintos queixos que se ofertan.
Onde mercar
Os queixos da Cooperativa do Campo Capela - a según dos que se trate- pódense atopar no Corte Inglés, en Gadisa ou en Carrefour. O requeixo, en concreto, véndese en Gadis e en Carrefour.
Pero a venda de todos os produtos desta marca, búscase que estean en pequenas tendas que atendan a "filosofía e tradición" da marca, sen esquecer puntos de venda en Madrid ou Valencia, engade Vanesa Seco. Esta marca fai envíos e conta tamén coa atención de venda por internet.