A.S.R.
A Festa do Queixo de Arzúa volveu responder ás expectivas, chegando a superar incluso as cifras de anos pasados. Así que o recinto feiral 'Terra do Queixo' rebosou este domingo e durante horas houbo que esperar quenda para mercar nos máis de sesenta postos e escoller entre centos de propostas. O cartel musical da fin de semana congregou tamén a milleiros de asistentes incondicionais, ávidos da boa música, e sen ter que pasar polo portelo. E da asistencia, un dato ben significativo, os máis de corenta autobuses que se achegaron ata a vila coruñesa con xente disposta a desfrutar da xornada.
E aínda que fixo frío, e chuviscou de vez en cando, parece que as inclemencias non botaron para atrás a ninguén, xa que nos postos de venda a pé de rúa, no comercio e na hostalería locais houbo tamén unha importante resposta, que supón un considerable retorno por cada euro que se gastou. Pero isto non é novidade, senón unha constante de edicións anteriores.
Este encontro de promoción do queixo da denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa chegou este ano á súa 49 edición, polo que de cara a 2025 xa se falou días atrás de crear unha comisión de traballo para ofrecer daquela unha celebración á altura que a ocasión merece.
Control do gasto e…, da carteira
E xa se sabe que, en acontecementos coma este, que logran reunir un ano con outro uns 50.000 visitantes, é convinte axustar os gastos, sen esquecer non lle dar facilidades aos amigos das carteiras alleas.
Cara ao mediodía do domingo, despois de varios pequenos furtos e alomenos dúas billeteiras que cambiaron de dono, a megafonía do recinto da 'Feira do Queixo' repetíu, no nome da Policía Local, e cada pouco tempo, iso tan recomendado en concentracións populares de 'ter coidado coas carteiras', non formar rodopíos e tapóns nos cruces do recinto feiral, camiñar con fluidez e, xa postos,: "mercar queixo". O consello foi acollido na práctica con 'división de opinións'.
'Arzúa para todos'
Son datos aínda provisionais: a produción do queixo Arzúa-Ulloa medrou un 4,67 por cento por riba do 2022, un novo rédord e 5 anos consecutivos subindo. En resume, 4.445.000 queixos producidos e certificados en 2023, que traducido en quilogramos supón 4.018.000.