A.S.Rocha
Ata última hora non se soubo o lugar da entrega dos premios da XXVI Cata dos Queixos, nin da XXII Cata dos Meles. Foi este mediodía no santiagués hotel da Quinta da Auga, e actuou como mestre de cerimonias o conselleiro do Medio Rural, Xosé González. Os gañadores absolutos foron a Queixería vilalbesa Don Crisanto (polo seu 'Tetilla' e o seu 'San Simón das Costa'), Queixos Castelo das Brañas (polo seu 'Cebreiro'), a Queixería lalinense Pazo de Anzuxao ( polo seu 'Arzúa-Ulloa') e Arqueixal, (por un 'Arzúa-Ulloa' curado , elaborado por Xosé Luis Carreira Valín en Palas de Rei).
Houbo máis galardóns e, no Queixo 'Tetilla', a Queixería Barral, de Arzúa, recibiu o trofeo de prata; e Queixerías do Eume, das Pontes de García Rodríguez, obtivo un 'bronce'. O reparto rematou cun trofeo de prata para a Queixería Queinaga (Curtis) e outro de bronce para Barral, nos dous casos polos seus 'Arzúa-Ulloa'.
Na Cata dos Meles, na categoría multifloral, o premio de ouro foi para 'O poder das flores' (Javier Carreiras Cuadrado) e na de meles monoflorais para 'Meles J.S. (Souto Vivo C.B. /mel de eucalipto).
"Evento de referencia"
No acto, o conselleiro do Medio Rural cualificou este consurso de catas como "un dos eventos de referencia" para productores e envasadores da comunidade e, "por suposto, tamén", para os consellos reguladores de queixos con denominación de orixe galega e para a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.
Campaña de promoción
Xosé González presentou a campaña de promoción 'Os Catro Grandes de Galicia', que dixo que "busca fomentar o consumo dos queixos galegos con certificación de calidade nestas datas". A campaña, que conta cun investimento da Xunta de 400.000 euros, comeza este domingo, e desenvolverase nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal.
Falou tamén dunha maior proxección das liñas agroalimentarias galegas, coa fin de salvagardar a súa calidade. Ademais, dixo que hai a previsión de investir máis de 4,7 millóns de euros en axudas para os consellos reguladores en materia de funcionamento, control de calidade ou comercialización dos seus produtos.
Resaltou o impulso da calidade, a investigación, a excelencia e a comercialización dos produtos galegos cara ao futuro plan de actuacións, xunto co Plan Apícola Galego - que se porá en marcha en 2024- ou a futura Lei de Calidade Alimentaria de Galicia -en trámite parlamentario- da que sinalou o conselleiro que "permitirá asentar a produción de proximidade, san e sostible, e de calidade, vencellándoa ao mesmo tempo á recuperación e mobilización da terra".
Menú degustación
A entrega de premios de hoxe rematou cun menú degustación elaborado con produtos das Denominacións de Orixe Protexidas, Indicacións Xeográficas Protexidas, Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica de Galicia. Cos premios no peto para uns, as excelencias gastronómicas retiveron a moitos asistentes ata a sobremesa, que tamén a houbo.
Camiño do Nadal -amparándose no labor dos catadores- seguro que no maxín de moitos amantes dos queixos galegos soarán con máis insistencia referencias como 'Don Crisanto', 'Castelo', 'Anzuxao', 'Arqueixal', 'Queinaga', 'Barral', 'Eume'…, os mellores deste ano para as mellores ocasións de 2024.