A.S. Rocha
As mulleres galegas porán o vindeiro domingo, 3 de marzo, en Arzúa, (A Coruña) o " broche de ouro" da 49 Festa do Queixo, en palabras de Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes do país. Na proposta, ademais da actuación da cedeiresa, inclúese a intevención de De Vacas (sesión vermú) e Fillas de Casandra (concerto de peche). Hai na chiscadela de Guadi unha aposta polas matriarcas, "aloitadoras, conquistadoras, billantes activistas da vida cotiá…". Será a mellor música, só con pasar pola taquilla 'de balde', e a cuberto, por se chove. Pero quedaría incompleto o repertorio se non se incluíuse o pregón mañá sábado da actriz viguesa María Vázquez, e tamén das actuacións de Tu Futura Ex Mujer, La Plazuela, Grande Amore e unha das bandas do momento: Arde Bogotá. E, por resumir, se saíran gastronómica e culturalmente 'a bailar', Guadi Galego apostaría sen reservas por un Arzúa-Ulla e por 'chea de vida'. Sexa.
Pregunta.- É a segunda vez que vén a este festival; música e queixo casan ben…
Resposta.- Ai!, o queixo casa ben con todo (rí a fartar). O queixo, se é o de Arzúa, casa ben, con auga, con viño e con música…
P.- Entón, o seu queixo galego de cabeceira debe ser…
R.- O Arzúa. Sempre.
P.- En Cedeira non hai fábricantes de queixo…
R.- Non, non hai, así que non hai que quedar ben. Eu son do Arzúa.
P.- E se houbese que emparellar este queixo cunha canción súa, cal sería?
R.- Unha canción miña que poida ir ben co queixo…, co queixo…, chea de vida, non? (Volve rír)
P.- Podemos remitir ao lector a un enlace para compartir esta canción mentres enceta un queixo que se sabe suave, cremoso e dun amplo mundo de sensacións gustativas…
R.- Si, moi ben.
Mil nenos cantando 'chea de vida'
P.- Cantas veces viu ese emblemático vídeo '1.000 nenos e nenas cantan chea de vida'?
P.- Vino, vino…, os meus fillos vírino máis que eu, coido, porque aos nenos gústalle ver nenos, entón, chámalles moito a atención. É fermoso.
R.- Foi unha idea de Ramón Bermejo, mestre director de coro.
P.- Mestre, como vostede…
R.- En excedencia…
P.- E como ve a incorporación dos escolares ao consumo dun alimento tan completo como o queixo galego, hai que ter algún coidado?
R.- Ben, no caso dos escolares, menos coidado, porque non teñen colesterol.
P.- Parece que se consome pouco queixo nos colexios, pero tamén está moi baixa a cota do consumo en xeral dos galegos.
R.- Eu subo a media. Na miña casa consómese moito queixo, por hábito.
'Síntese Horizonte'
P.- No plano profesional, cales son as súas propostas a corto/medio prazo?
R.- Estamos presentando unha xeira que se chama 'Síntese Horizonte' que é específica para teatros. Logo estamos adaptando todo ese repertorio para poder facer en espazos mais para fóra, como este que imos facer en Arzúa; de feito, esta é nosa primeira adaptación.
E imos tocar por toda a xeografía do país, con moitas ganas, mostrando a nosa música de autora que especifiquei antes - na presentración da festa do queixo Arzúa-Ulla-; unha autora de cincuenta anos, que teño 25 de carreira, moitas cancións e que continúo a ter ilusión, o que coido que segue a ser importante desde a madurez, mostrar a ilusión e desexo de seguir creando e cunha expectativa moi alta, porque está funcionando moi ben e hai moitas ganas de velo e a saber se lle chega á xente, cun equipo íntegramente galego e nove persoas enriba do palco, que case non se estila xa…
P.- Unha superestrutura en danza…
R.- Para o que hai, somos unha superestructura; só en equipo humano somos unha estrutura grande para o que é o habitual. Seguramente somos o equipo máis grande que vai enriba do palco neste festival.