A XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa tivo, posiblemente, o mellor ano. O tempo axudou esta fin de semana en Vilaba e os visitantes contáronse por milleiros, de tal xeito que se o sábado sorprendeu xa a asistencia, este domingo -ao peche da edición- as expectativas volvíanse superar. E como noutras feiras do queixo galegas, a xente veu para desfrutar pero tamén para mercar. Camiño das dúas e media da tarde, pouco antes do sorteo de cestas dos produtos das sete queixerías locais asistentes, quedaba patente tamén o éxito de vendas.
Aínda que á espera dos datos oficiais definitivos, todo apunta a que festa desta fin de semana foi a máis concurrida desde que se celebra, segundo as primeiras impresións do secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (CRDOP) San Simón da Costa, Ángel Ramil, ou do presidente da Asociación de Fabricantes, Javier Piñeiro.
As queixerías sinalan que as ventas foron nesta edición moi importantes, xa que tal e como recoñece Javier Piñeiro, "a xente , sobre todo, vén comprar" e "ninguén se vai sen un queixo". Indica neste sentido que o feito de que haxa moita xente non significa, necesariamente, que haxa moitas vendas, pero nesta caso "hóuboas", asegurou.
Recuperación
As vendas, debido á pandemia, experimentaron unha baixada, pero agora estase producindo unha recuperación plena, tanto no mercado nacional como no internacional. De feito, as estimacións falan dun incremento de arredor do 15 por cento en 2023, no que as nove queixerías desta denominación de orixe rexistraron unha produción de 610.000 pezas e unhas vendas por valor de cinco millóns de euros.
Nos dous últimos años, polos efectos da pandemia e do desproporcionado encarecemento das materias primas, a suba estivo entre os tres e catro euros. Pero o San Simón segue a manter uns prezos moi competitivos. Así, este domingo, a tradicional peza dun quilogramo de peso estaba entre os 15 e 18 euros, o 'bufón' chegaba ata os dez euros e o San Simón de larga curación ata os 20 euros.
A recuperación chegou tamén o ano pasado ás vendas internacionais, e a principios de 2024 "incluso se está a vender máis", con arredor dun 5% de suba, aínda que o incremento global triplica a referida porcentaxe.