Entre as novidades, destacou a presentación dun queixo de untar, obra da Sociedade Cooperativa Hoxe, de Lalín. Trátase dun produto novo que está a demandar o mercado e do que o xerente da queixería, Lito Andión, sinala que " non lle quero chamar torta do Casar" pero pode servir a idea "para que a xente teña unha referencia, porque non hai ningún tipo de referencia deste queixo en Galicia", argumenta.
Ten un sabor cítrico, resulta moi fácil de comer e, pola súa textura, préstase especialmente para untar. Na presentación, hoxe domingo, empregouse o pan de millo. Ao ser especialmente cremoso convértese, xa que logo, nun queixo ideal para untar, co parecido á torta do Casar no que se refire só á textura, pero totalmente distinto no seu sabor.
A previsión é polo á venda no prazo dun mes, aproximadamente, pero "pouco a pouco", porque en principio non é doado de facer. Inicialmente estará só nalgunhas tendas - para o cliente que o demandou- e, con posterioridade, iráse incorporando a toda a rede de distribución da queixería.
Entre as propostas queixeiras desta nova edición da Semana Verde, estivo a da Cooperativa Condado-Paradanta, que prepara novos produtos, como a crema de requeixo, que este domingo tiveron oportunidade de degustar moitos visitantes do feiral. Está preparado tamén para comercializar o "cremoso de requeixo, para acompañar doces e salgados", segundo destaca o xerente da cooperativa, Alejandro Martínez.
O proxecto está xa desenvolvido "no papel", valorado e presupostado, e búscase agora o financiamento, mentres se está xa cos permisos de obra para axustar o obradoiro á elaboración destes novos produtos. O mes de setembro deste ano é a referencia coa que se traballa inicialmente para presentalo todo na cooperativa.
A idea é que o consumidor final poida levar por separado o requeixo das Neves e as cremas. E hai tamén hai unha liña como base para a elaboración de pratos e sobremesas destinadas aos restaurantes de Galicia. Nestas novas propostas é parte fundamental o chef Fran Sotelino, xerente e propietario do catering Bluemoon Gastro.
'San Roquiño', de Daniberto
Entre as novidades do feiral estivo tamén a doutro novo produto da queixería vilalbesa Daniberto, 'San Roquiño' -un queixo curado de leite pasteurizado de vaca que tamén tiveron oportunidade de probar e mercar os visitantes da Semana Verde- ou os recentes tamén da Cooperativa Caprina Galega, con propostas como o queixo semicurado de cabra con pemento doce ou o elaborado con arandos.