Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

"A Festa do Queixo move entre 150.000 e 180.000 euros"

12/2/2020

0 Comentarios

 
José Luis García López, alcalde de Arzúa
José Luis García, alcalde de Arzúa / queixosdegalicia.com
O alcalde arzuano considera que a Festa do Queixo de 2019 foi das mellores que recorda
Antonio S. Rocha
A 45 Festa do Queixo de Arzúa abrirá as súas portas oficialmente o próximo venres 28 de febreiro, xornada na que –previsiblemente- se celebrarán actividades como o Concurso de Tapas e Petiscos, que entra na decimocuarta convocatoria. Pero como sempre, a programación concéntrase na fin de semana, cun amplo programa de actos do feiral -a punto de coñecerse- e unha manchea de actividades musicais baixo o amparo neste caso do Festival do Queixo de Arzúa. Axustar e encher de contidos cada programa requiere tempo  e  unha boa asignación económica, aínda que o que empeza sendo gasto termina por converterse en inversión, que se espera todos os anos que “teña o máximo retorno á economía”, resalta o alcalde deste municipio coruñés, José Luis García López.

Pregunta.- Cada ano hai propostas novas entre os queixos…
Resposta.- Si, todos os anos procuramos que haxa algunha novidade con respecto ao queixo. Algunha variedade nova, para que a xente que xa é habitual da festa encontre algo distinto que probar e que mercar.

P.-Cómo se está abordando o control de queixos que non hai moitos anos se vendían no feiral sen ningún tipo de rexistro?
R.-  Aquí é un tema que está superado. Primeiro, estan as queixerías industriais e logo están os produtores lácteos tradicionais (PLT), e todos teñen que ter o rexistro sanitario. Non hai ningún queixo dentro do recinto que non teña o seu correspondente rexistro sanitario. 

P.- Que destacaría entre as novidades ofrecidas nas últimas edicións?
R.- A música é xa algo tradicional e sempre tratamos de facer unha boa programación neste sentido;  e no mundo xa dos queixos, o que máis se está resaltando por parte do público e dos propios medios de comunicación é, por exemplo, un mapa xigante de Galicia elaborado con queixo ou a escultura do queixo.

P.- Por todo isto en marcha e ofrecer unha proposta capaz de atraer a milleiros de visitantes ten un presuposto elevado e moito traballo?
R.- Pois si, moitos meses de traballo. Tan pronto como acaba a festa tomámonos unhas semaniñas de descanso e xa empezamos a pensar na festa do ano seguinte. O orzamento varía, movémonos sempre arredor duns números, porque os grupos que traemos -a programación musical  é a que maior orzamento ten-  son grupos que sempre están en torno aos mesmos cartos. A festa móvese entre os 150.000 e os 180.000 euros.

P.- E con iso fanse milagres?
R.- Si, e hai que pensar tamén que é unha inversión e esperamos todos os anos teña o máximo retorno á economía.

P.- Por así dicilo, a música é o pozo sen fondo, vai todo o orzamento para ela…
R.- Non todo, pero vai gran parte.

P.- Pero paga a pena, porque foi un reclamo co que se tivo un acerto pleno para a proxección do queixo…
R.- Pois si. É a edición de 2019 non houbo queixa, se non foi o mellor ano foi desde logo un dos mellores que eu recordo. 
​
Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.com
José Luis García sinala que non hai ningún queixo dentro do recinto feiral que non teña rexistro sanitario
0 Comentarios

"Fixemos o queixo máis grande do mundo"

5/2/2020

1 Comentario

 
​Ramón Roldán, responsable de comunicación da Festa do Queixo de Arzúa
Ramón Roldán Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.com
Ramón Roldán é o responsable de comunicación da Festa do Queixo de Arzúa, que nunhas semanas entra na súa 45 edición
Gonzalo S. Lourido
A conta atrás para a celebración do primeiro encontro  popular deste ano dun queixo galego xa hai algún tempo que está en marcha. O municipio coruñés de Arzúa vai queimando etapas e na letra pequena aparece xa  a data da convocatoria da 45 edición da súa Festa do Queixo: desenvolverase o 29 de febreiro e o 1 de marzo. A  menos de catro semanas do inicio do evento, a presentación oficial do tan presumiblemente longo como completo programa ten que estar moi próxima. Entre os que están no allo, Ramón Roldán, responsable de comunicación do encontro, avanza que volverá haber equilibrio entre queixo e música. E logo…, a ver que pasa?; entre as sorpresas das últimas edicións está a dun queixo que se alguén non o desminte, pasa por ser "o máis grande do mundo".

Pregunta.- A música ten un efecto multiplicador no queixo?
Resposta.- A festa naceu co queixo; logo sumouse a música e agora é o concepto, queixo máis música. Xa non se entende unha cousa sen a outra. Entón, a base, loxicamente, segue a ser o queixo. A importancia principal está na festa do queixo, pero  o festival gañou tanta forza que nós queremos seguir dándolle peso, por iso apostamos por meterlle unha carpa, que antes non había, unha produción moi mellorada e traer o mellor plantel de grupos que se poida.

P.- Neste dualidade, a música non acabará comendo ao queixo?
R.- Xamais. Teñen que complementarse.

P.- Nen tampouco que no futuro poida ir cada un pola súa parte?
R.-Non, por que isto ten que estar fusionado. E dicir, que a xente que ven mercar queixo poida escoitar música, e aqueles que veñen escoitar música teñan a oportunidade -porque o recinto feiral está aberto- de mercar queixo. Que non estean separadas as dúas cousas.

P.- A feira do queixo é o motor e permite financiar outras actividades, como as do apartado musical…
R.- Efectivamente. Se vai ben a actividade feiral, a musical vai ben, chova ou non chova. Insisto no da carpa, porque a xente xa tiña antes o costume de vir con auga ou sen ela. E vai ben, porque a xente acode e, ademais de mercar queixo, consome na hostalería. Queda a durmir, queda a xantar. Os supermercados quedan valeiros, os estancos quedan valeiros…, entón, a feira faise para que Arzúa recupere -pero non directamente o concello- e que os propios veciños, hostelerios, empresarios, recuperen e fagan unha boa caixa a fin de semana. E xuntar ademais do promocional o económico, que é o importante.

P.- E no promocional, como funcionan as cousas?
R.- Temos corenta produtos promocionais, desde un euro. Pode ser para nenos, unha libretiña, un lápis, unha mochila, de todo…, ata camisetas, pratos…, todo iso é poder de marca. A marca da festa do queixo vai estampada en todos os produtos e quen os compra e os pon, como no caso das camisetas, vai por aí orgulloso da festa do queixo.

P.- En termos económicos, canto pode mover a feira?
R.-E difícil calcular, nós pasámoslle enquisas aos expositores, preguntándolles cantos quilos e cantas pezas de queixos venderon?, pero non todos os venden en pezas, porque hai queixos grandes que se cortan en anacos. Entón, preguntamos en quilos. E son sinceros, porque cando venden din que venden, e cando no venden din que non venden. E hai unha pregunta para quen estivo en anos anteriores, se vendeu máis ou menos. Esa é a nosa referencia.

P.- E como medir a asistencia?
R.-  O acceso a todo e gratuíto, co que contabilizar as persoas e difícil, porque non temos un torno ou unha venda de entradas que nos diga que pasaron 'tantas' personas, pero si sabemos a capacidade da carpa, por as medidas que ten, e sabemos que estando moi apretadiños caben catro persoas por metro cadrado; e entón, multiplicando vemos que hai máis de cinco mil persoas nos concertos e que por aquí, a fin de semana, van das trinta mil ás corenta mil personas entre concertos e queixo durante os dous días.

O queixo máis grande

P.- E nestes anos ten que haber moitas anectodas?
R.- Pois entre as anécdotas pode ser que Queixería Barral, o Clube de Fútbol de Arzúa - CSD Arzúa -  e o Concello, cada vez fan cousas máis creativas. Fixemos o queixo máis grande do mundo; a partir da escultura da queixera, que está en pedra; fixémola en queixo. E  na edición de 2019 tocoulle ao mapa do queixo en Galicia, que ten 4.500 litros de leite, pesa 450 quilogramos e ten representados o Camiño de Santiago e os monumentos máis importantes de catro principais cidades galegas. E iso chama moito a atención. Non sei se chamarlle anécdotas, pero reclamo si que son.

P.- Estas grandes reproducións vendéronse logo ao detalle…
R.- Estas pezas tan grandes teñen que curar, porque levan moito leite, pero logo partíronse en pequeñas porcións para a súa venda.

P.- No campo musical, hai previsións para aumentar espazos?
R.- Un máis grande non, porque esta carpa é das máis grandes de Europa. Traémola de Portugal. Ten quince metros de alto, vintecinco de fondo e esta é a capacide axustada para o espazo que temos para a xente que acode.
P.- Cal foi o caché máis elevado que se pagou por un grupo musical?
R.- Iso creo que é cousa máis do produtor musical…

P.- Pero é algo de dominio público…
R.- Si, pois arredor dos veinte e moitos mil, preto dos trinta mil euros, pero eu creo que cando se pagan esas cantidades, compensa. 

A Queixeira de Arzúa / queixosdegalicia.com
'A queixeira', copia da de pedra que está no centro da vila, pasa por ser o queixo máis grande nunca fabricado, con 730 quilogramos de peso
1 Comentario
    Queixo e mantel / queixosdegalicia.com

    Firma Invitada

    Os queixos estimulan a inspiración para degustar e escribir. Non só o seu sabor, textura... Tamén un asunto de mesa, queixo e mantel.

    Arquivos

    Enero 2024
    Noviembre 2023
    Junio 2023
    Abril 2023
    Febrero 2023
    Enero 2023
    Octubre 2021
    Julio 2021
    Febrero 2020
    Diciembre 2019
    Mayo 2019
    Octubre 2018
    Septiembre 2018
    Julio 2018
    Mayo 2018

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia