Daniel Pérez Pérez, presidente da DOP San Simón da Costa e responsable da Queixería Daniberto
A suba dos prezos hai tempo xa que deixou de ser novidade. O sector lácteo está sometido a esa mesma presión e con el a fabricación de queixo. O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, Daniel Pérez, aporta algunhas claves sobre a situación, que ten na escaseza de materia prima para a elaboración do produto ou na alza dos prezos algúns dos principais problemas.
Gonzalo S. Lourido
PREGUNTA.- Que supón para vostede un premio da Cata de Queixos de Galicia, tanto para a promoción como para as vendas?
RESPOSTA.- Un premio recoñece sempre o bo traballo da xente que está con nós e supón un aliciente para seguir loitando. Desposis destes últimos anos de crise, de pandemia e agora coa guerra, a mensaxe é que temos que seguir vivindo e temos que seguir mellorando e crecendo, para deixar un legado para a xente que veña detrás, algo moi importante na nosa sociedade.
P.- Cal foi o galardón nesta edición?
R.- Tocoume un 'bronce' en queixo Tetilla. Presenteime en San Simón e en Tetilla e o recoñecemento foi para o Tetilla.
P.- Como espera que vaia este ano para os fabricantes do queixo San Simón da Costa?
R.- É un ano de cambios. O leite aumentou moito de prezo. É normal, porque levabamos moitos anos cun prezo moi baixo. O que temos que buscar é un equilibrio entre as vendas e os beneficios. Que gane o gandeiro, que gane o queixeiro e que o prezo do queixo chegue ao consumidor final a un prezo razoable.
P.- A falta de leite empeza a ser un problema para as queixerías da Terra Chá?
R.- Falta leite porque no campo, a xente é cada vez máis maior e moita abandoa a produción leiteira. O leite ten que ter un valor digno para que o campo gañe diñeiro e para que esta xente estea cómoda para facer un traballo que é moi duro, moi sacrificado, e que estes traballadores poidan ter, insisto, unha vida moi digna.
Unha solución
P.- Cal cré que é a solución a este problema?
R.- A solución é subir o prezo e pagar o leite ao prezo ao que hai que pagalo, subir o prezo do queixo, como soben outros produtos. Eu non son economista, pero penso que, se sobre todo, a xente vai seguir apostando por un producto de calidade como o queixo San Simón da Costa.
P.- Pero, se hai menos leite, fabricarase menos queixo. Haberá que pagar máis para que non se venda noutro lado e para que non se resinta a produción?
R.- Efectivamente. E logo, se o leite ten valor, o gandeiro tampoco vai sacrificar gando antes de tempo. Ou sexa, que se o gandeiro gana diñeiro, o queixeiro ten que ganar diñeiro e o produto ten que chegar a un prezo como deus manda ao mercado, como produto de calidade.
P.- Como prevé que quede a situación cara a este 2023 para a súa queixería?
R.- Eu, en particular, confío en manter os números e en seguir mellorando. Seguir formando persoal e aguantar un ano máis. Como dicía Luis Aragonés, hai que ir aguantando partido a partido…