Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • Cebreiro
  • San Simón Costa
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Bo-Queixo, premio en sabor e vendas

26/1/2023

0 Comentarios

 
Isabel García Couto, responsable de elaboración de Bo-Queixo
Isabel García, de Bo-Queixo / queixosdegalicia.com
Isabel García, cunha medalla nas mans na última Cata dos Queixos de Galicia
A.S.Rocha

Bo-Queixo (Boqueixón, A Coruña)  vén de acadar unha medalla de bronce na última Cata dos Queixos de Galicia. Non é, desde logo, ocasional, porque o fabricante acapara dous premios de ouro máis. Para os consumidores -e neste caso especialmente para os amantes dos queixos- a cata anual das catro denominacións de orixe protexida, aporta información. Boa información. A queixeira, Isabel García, di que un galardón trasládalle aos seus  produtos valor engadido, e moito.


Pregunta.- Que lle aporta o novo premio que acaba de conseguir  nesta última  Cata dos Queixos de Galicia?

Resposta.- Desde a nosa perspectiva, a nós, que é a segunda vez que recibimos o 'ouro', aumentáronnos as vendas un trinta por cento.

P.- Nesta última edición o recoñecemento foi dun 'bronce' para o queixo Arzúa-Ulloa que producen...

R.- Si. E aínda que se trata duna medalla de bronce, segue a aportar máis vendas, porque a xente ve que estamos na liña recoñecida. Entón, o 'boca a boca' sempre axuda a ese aumento das vendas.

P.- Bo-Queixo non adoita acudir ás feiras do queixo agás a do Arzúa-Ulloa. Podemos falar dun mercado xa establecido; contan con seguir medrando?

R.- Non. Realmente, tivemos moitas propostas para medrar, pero preferimos seguir apostando pola calidade e polo pequeno que por industrializar moito e, ao mellor, perder o mimo e a atención que lle adicamos ao queixo da nosa casa.

P.-Nestes últimos años a queixería creceu?

R.- Sen querer aumentar moito, o certo é que a queixería medrou, porque os clientes seguen pedindo; chámannos, porque queren seguir tendo o noso queixo e, entón, cada ano aumentamos un pouquiño.

P.- Fóra diso, non teñen en mente sacar novos produtos?

R.- Non, en principio estamos completos coa fabricación de Arzúa-Ulloa e Tetilla.

P.- Cantos litros de leite procesan ao mes na fabricación do queixo?

R.- Arredor dos 25.000 litros.

P.- Que manda nas vendas, o Tetilla ou o Arzúa-Ulla?

R.- O Arzúa-Ulloa ten máis saída, polo menos para a nosa fábrica. O Tetilla elabórase pero é un pouco de tempada. Na  época do verán, co turismo, o reclamo dun queixo galego lévao a Tetilla. Diariamente, aquí, nos supermercados, a xente que leva queixo para a súa casa consome moito máis Arzúa-Ulloa que Tetilla.  

P.- Bo-Queixo ten gandería propia?

R.-  Non, agora xa non.

A suba do prezo do leite

P.- E como está a influír na queixería a suba do prezo do leite?

R.- Moito, porque a alza do leite repercute na produción do queixo. Entón, se o leite sobe dez céntimos, no queixo hai que contar que son oitenta céntimos. E está repercutindo tamén a materia prima.

P.- Pódese ir trampeando a situación con pagar máis; vai habendo leite?

R.- Por agora, nós non temos problemas de abastacemento.
​ 
Bo-Queixo / queixosdegalicia.com
Foto de familia dos impulsores de Bo-Queixo, na entrega de premios da Cata dos Queixos de Galicia 2022
0 Comentarios

"Falta leite para producir queixo"

5/1/2023

0 Comentarios

 

Maikel Fernández Cuba, copropietario de Queixería Prestes

Maikel Fernández, de Prestes / queixosdegalicia.com
Maikel Fernández, de Queixería Prestes, sinala que España é deficitaria en produción de leite

Antonio S. Rocha

 Os fabricantes de queixos galegos empezan  a notar unha falta crecente da materia prima para elaborar os seus produtos. O problema empeza a ser cada vez máis preocupante, porque a situación leva aparellado un incremento do prezo do leite. E xa se sabe, o resultado final é un queixo máis caro. Para Maikel Fernández, copropietario da queixería vilalbesa Prestes, trátase "dun problema de raíz e grande". A súa mensaxe: "ir polo próximo, polo local"  e que o campo acabe por ser unha aposta de futuro, "porque o agro, é unha forma de vida", conclúe.


Pregunta.- Prestes acadou este ano unha medalla de prata nos Premios da Cata de Queixos 2022 de Galicia. Traducirase o premio nun incremento das vendas?

Resposta.- Tanxiblemente, é difícil de medir. Pero, ao final, se segues a estar nos medios e que falen de ti, Prestes soa, a xente asocia e algún incremento das vendas entendo que se debe producir.

P.- Pero non para falar, por exemplo, dun 10 ou un 15 por cento máis…

R.- Non, pero o recoñecemento máis grande é estar aí, seguir aí, algo que non deixa de ser unha cousa positiva e que se agracede, loxicamente.

P.- Prestes ten varias tendas en Galicia…

R.- Si, en Vilalba, en Santiago e en Vigo.

P.- E como está a resultar a experiencia.En Santiago, por exemplo, nótase o tirón turístico?

R.- Santiago é turístico pero temos a nosa clientela xa fiel, do día a día, que é a que nos axuda. O turismo é moi agradable, porque che dá ese salto de poder vender un pouquiño máis pero, realmente, o cliente de todos os días é o noso cliente.

P.- Vigo, que aporta?

R.- En Vigo imos da man de El Corte Inglés. A nosa tenda está dentro do seu lineal, dentro da charcutería da Gran Vía, e alí está Prestes, coa súa propia marca. Esta tenda mantense estable todo o ano. E a de Vilalba é a referencia de sempre, onde tes a clientela de sempre é, como quen di, a matriz das tendas.

P.- Cómo foi o ano 2022 e como se presenta o 2023?

R.- O 2022 foi un ano complicado, con falta de materia prima e unha alza de prezos tremenda en todo. Para o 2023 o que pedimos é, primeiro, saúde e despois que se vaian estabilizando as cousas, polo ben de todos, tanto consumidores, como produtores, como gandeiros…, como todo o mundo.

Problemas para abastecerse de materia prima

P.- O prezo do leite disparouse. Na denominación San Simón da Costa está causando serios problemas para producir queixo?

R.- Este ano, entre a alza do valor da carne, a alza de fertilizantes e materias primas para os gandeiros e a seca levaron a un cúmulo de circunstancias que ao final vemos que en 2022 a redución de leite en Galicia está sendo  de arredor dun 4 por cento, o cal é moi importante.  E hai outra cousa, somos deficitarios en España e non hai quen venda leite de fóra do país, co que resulta complicado xa só abastecerse de materia prima.

P.- Albíscase algunha solución; será cuestión de tempo, de pagar máis polo leite?

R.- É cuestión das dúas cousas. Primero de pagar máis e despois que a xente do campo aposte por el e siga traballando aínda que non sexa atractivo. Hai que meter a xente un pouco en verea, porque o campo é un modo de vida, pero está sendo complicado mobilizar xente que traballe o campo. Entón, seguirán os que están; medrarán se se paga máis, lóxicamente, e volverá aumentar un pouquiño o leite. Pero eu penso que o problema é de raíz e é grande.

​Queixo algo máis caro

P.-  Entón, seguiremos tendo queixo, pero será máis caro?

R.- Posiblemente si; non será das cousas máis caras pero si máis caro.

P.- En todo caso, un queixo como o da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa ten un prezo moi asequible comparado con outros nacionais e internacionais…

R.- Desde logo, aínda que a suba fose o nunca visto nos últimos anos o certo é que os prezos dos queixos galegos eran sensiblemente máis baixos que os do resto do Estado español e xa non digamos de Europa.

Agora, o noso queixo foi subindo un pouquiño. Esperamos que se manteñan os prezos e que se estabilice todo o sector.

P.- E quen controla os prezos, o propio mercado?

R.- Agora mesmo o prezo está a controlalo o mercado, pero o normal na propia denominación é que o intentemos controlar nós.

P.- O certo é que un queixo de barra estase a por ao nivel dos prezos,  por exemplo, das denominacións de orixe protexidas…

R.-Exactamente. Esperemos que a situación axude á xente a ver o que hai e que aposte polo de cerca, polo quilómetro cero.  
​
Queixería Prestes / queixosdegalicia.com
Maikel Fernández -segundo pola esquerda-, nos preparativos para a foto de familia dos premios Queixos de Galicia, o pasado 17 de decembro
0 Comentarios
    Queixo e mantel / queixosdegalicia.com

    Firma Invitada

    Os queixos estimulan a inspiración para degustar e escribir. Non só o seu sabor, textura... Tamén un asunto de mesa, queixo e mantel.

    Arquivos

    Junio 2023
    Abril 2023
    Febrero 2023
    Enero 2023
    Octubre 2021
    Julio 2021
    Febrero 2020
    Diciembre 2019
    Mayo 2019
    Octubre 2018
    Septiembre 2018
    Julio 2018
    Mayo 2018

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia