Queixo: ‘San Simón da Costa’,
de Queixería Casleiras
Procedencia: Cabanas s/n - Oleiros, Vilalba (Lugo)
DOP: San Simón da Costa
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tamaños dispoñibles:
-San Simón da Costa (1 a 1,1 quilogramos)
-Bufón: (0,600 quilogramos)
O seu gran segredo está, precisamente, no afumado, que lle dá unha cor, olor e sabor que o fan totalmente distinto aos demais queixos.
Casleiras garante unha curación mínima destes queixos que duplica a estipulada polo consello regulador e dispón de laboratorio propio para sometelos a controis nas distintas etapas de seguridade.
Suxestións de consumo e conservación: O queixo de Casleiras, de abrirse para o seu consumo inmediato, non ten problemas de conservación. No caso de que quede algún tempo aberto, a recomendación é metelo na neveira. Pero, se está enteiro, a mellor conservación do San Simón é fóra do frigorífico, nun lugar fresco, onde pode pasar -cos lóxicos controis- moito tempo.
Na cociña, é ideal para preparar pratos diversos -ata onde chegue a imaxinación e as boas artes culinarias-. Así, por exemplo, emprégase cada vez máis para facer salsas ou raiados, co que se lle consegue dar un realce e un sabor moi especiais, por exemplo, acompañando á carne. Recomenda o fabricante para tomar con este queixo un viño branco de calquera das cinco denominacións de orixe galegas, aínda que combina perfectamente cos tintos e, desde logo, cunha boa cervexa.
Como todos os da DOP San Simón da Costa, este queixo ten diversos e importantes premios, entre os que resalta o fabricante como o máis importante o ‘ouro’, en 2012, na Wold Cheese Awards.
Galardóns a parte, este queixo está baixo a supervisión de Galicia Calidade, marca de garantía que certifica a calidade de produtos e/ou servizos que pola súa elaboración na Comunidade Autónoma, pola súa materia prima ou polo deseño galegos, merezan esa distinción, unha vez contrastada mediante os controis fixados. Este selo considerase unha referencia de confianza para os consumidores.
Trátase da primeira queixería de Galicia en conseguir o selo de Galicia Calidade, recoñecemento que ten unha especial forza nas vendas cara ao exterior, sen esquecer o apoio recibido en todo o relacionado coa promoción.