Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

'San Simón 200 días', de Queixería Daniberto

26/6/2021

0 Comentarios

 
San Simón da Costa Daniberto / queixosdegalicia.comImagen'San Simón da Costa 200 días', de Queixería Daniberto
​
​Queixo: 'San Simón da Costa -200 días de curación-,
de ‘Queixería Daniberto’
Procedencia: Rúa Pude, 2 / San Simón da Costa /
Vilalba (Lugo)
DOP: San Simón da Costa
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 Tamaños dispoñibles:
- 1 quilogramo, aprox.




Tipo de queixo//Descrición: O queixo de vaca curado San Simón da Costa durante 45 días (son 30 no caso do 'bufón', que pesa arredor da  metade) conta cun irmán maior, que se somete a 200 días de curación. Se os dous primeiros transmiten xa o pleno e rotundo sabor que lle dá o afumado con madeira de bidueiro, o máis requintado -se acaso-  concentra esencias e sabores e convértese para os seus amantes nun novo capricho para o padal. É, fundamentalmente -pola fortaleza do seu sabor- quintaesencia deste queixo lucense da Terra Chá.

A súa elaboración é reducida, polo tempo de espera para dispor del. Así que convén pedir o produto con tempo, porque non esta dispoñible todo o ano. E esta circunstancia non é exclusiva da Queixería Daniberto, senón doutros fabricantes da Denominación de Orixe Protexida lucense, que o teñen no catálogo para os tempos de maior consumo, como pode ser a celebración da propia feira de exaltación deste queixo.

O afumado,  con labras de bidueiro, dalle a este queixo un característico e  diferenciado sabor que, segundo destaca o produtor, convérteo nalgo exclusivo, que o diferenza de todos os queixos galegos e, practicamente, de todos os do mundo. É argumento válido para o de 45 días e, por suposto, para o de 200 días de curación, xa que se resalta aínda máis o sabor e o recendo dun xeito de conservación de sempre para os galegos: o do fume.   
 
Como o resto dos queixos acollidos á Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, presenta unha codia afumada, dura e inelástica, dun a tres milímetros de grosor. A pasta coa que está elaborado ten unha textura fina, graxa, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela. É unha pasta suave ao corte - máis sólida no caso do San Simón de 200 días de afumado-, cun aroma e sabor característicos nos que o efecto do fume de bidueiro  xoga un papel fundamental.

Para a elaboración deste queixo, amparado pola DOP San Simón da Costa, emprégase  leite natural e enteiro, cun procedemento ancestral que - se se atende ás lendas  que se van mantendo dunhas xeracións a outras- remóntase aos pobos da civilización castrexa, que poideran proceder das tribus celtas e que se situaron nos montes da Serra da Carba e do Xistral.

Suxestións de consumo e conservación: Como todos os queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, é un produto ideal para as sobremesas e para degustar a calquera hora do día. E  tamén acaído para traballar na cociña, sen máis límite, case, que o que veña marcado polas habilidades  e bo facer dos cociñeiros, que non dubidan en aproveitalo para elaborar salsas exclusivas, e mesmo coa propia cuberta do queixo, perfectamente comestible.

Marida á perfección con viños galegos tintos e brancos, ou cunha boa cervexa. E como nesta caso estamos a falar dun queixo máis intenso, cabe pensar en caldos algo potentes, que diso temos tamén excelentes mostras.

E falando de irmáns maiores' a deominación apunta que, por primeira vez, xa viu a luz un limitado número de pezas, froito dun "cuidadoso e laborioso proceso de elaboración que durou máis dun ano", xunto o que corresponde co seu período de curación. Estes queixos só se poden adquirir baixo petición e encargo previos.

Queixería Daniberto pon especial énfase na produción de todos os seus produtos, coidando valores de antano e tentando ser fiel á tradición. Busca tamén ampliar mercado e chegar a padales distintos, polo que nos últimos anos sacou novas propostas. Pero o San Simón e o Queixo de Tetilla seguen a ser os seus reclamos máis fortes cara a un consumidor esixente.
Os queixos afumados - mesmo o 'San Simón de 200 días de curación'- están inscritos DOP do mesmo nome, e están acollidos a Galicia Calidade, un selo da Xunta que certifica a orixe galega do produto e a súa calidade. Actualmente son unhas 140 empresas a arredor de 600 produtos ligados a este certificado da Comunidade Autónoma.
0 Comentarios

'Tetilla', de Queixería Daniberto

19/6/2021

1 Comentario

 
'Tetilla' de Queixería Daniberto / queixosdegalicia.comQueixo Tetilla, de Queixería Daniberto
​​
​Queixo: 'Tetilla',
de Queixería Daniberto

Procedencia: Rúa Pude, 2 / San
​Simón da Costa / Vilalba (Lugo)

DOP: Queixo Tetilla

Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 




Tipo de queixo//Descrición:  O queixo Tetilla Daniberto, da Denominación de Orixe (DOP) Queixo Tetilla, é produto que o fabricante resalta fundamente cara ao consumidor como artesanal e que conta cunha denominación recoñecida a nivel europeo. É, como os seus compañeiros de DOP, un produto san e equlibrado, cun sabor moi especial que convence a  padales variados e esixentes.

Ten no seu olor e sabor o toque de suavidade que buscan moitos entusiastas dos queixos, cunha textura cremosa que o converte en ideal para desfrutalo en calquera momento do día. É un  queixo semicurado, elabordo con leite de vaca, e ten un período de maduración mínimo de sete días.

Falamos dun queixo cunha codia fina e elástica, de menos de 3 milímetros de espesor, cunha cor amarela palla natural e sen mofos. O seu aroma, é suave e lixeiramente acedo e con lembranzas ao leite de procedencia. O sabor e lácteo, manteigoso, lixeiramente acedo e salgado suave.

Suxestións de consumo e conservación: Este queixo ten esa peculiar forma cónica cóncava-convexa, dos 'Tetilla', máis achaparrado que outros da denominación -pero sempre dentro dos parámetros esixidos- que lle da unha particular vistosidade. Recomenda Queixería Daniberto que se conserve o seu 'Tetilla' na parte baixa do frigorífico e que se saque unha hora antes de que se teña previsto consumilo. Con isto, garantízase que estea  pleno de sabor e totalmente preparado organolepticamente para sorprender o padal.

Na cociña, no hai máis que atender as propostas que da a propia DOP Queixo Tetilla, que non só aporta información sobre as delicias deste produto coas receitas dos mellores cociñeiros, senón que busca incentivar "o cociñeiro que levas dentro", que non deixa de ser un paso cualitativo no consumo dun queixo que está recoñecido como o mais internacional dos galegos.
​
E para unha breve mostra, os rotundos enunciados de dúas receitas: 'Rolo de tenreira galega reenchido de algas e queixo Tetilla ao mencía' ou 'Pescada de Celeiro con repolo, gratinada con Queixo Tetilla', para a ocasión o que fabrica Queixería Daniberto.

O 'Tetilla' de Daniberto forma parte de Galicia Calidade, firma da Xunta de Galicia que certifica a calidade -avalada pola orixe galega, a elaboración na Comunidade Autónoma, a materia prima ou o deseño galego- dos produtos e servizos que sexan merecentes desta distinción, unha vez que se contraste mediante os controis establecidos. Daniberto ten tamén baixo o paraugas da marca de garantía Galicia Calidade os queixos que fabrica na denominación San Simón da Costa.

1 Comentario

'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao

13/6/2021

0 Comentarios

 
Queixo ,Arzúa-Ulloa', de Anzuxao /queixosdegalicia.com'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao
​
​
Queixo: 'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao

Procedencia: Madriñán, 2  
Lalín (Pontevedra)
DOP: Queixo Arzúa-Ulloa
​
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
​
​Tamaños dispoñibles: 800 gramos,
1 quilogramo, 2 quilogramos,
​3,7 quilogramos​


Tipo de queixo//Descrición: Queixo de pasta branda, de sabor suave e poucos ollos. En liña co resto dos produtos da queixería e tamén coas demandas dos seus consumidores, ten algo menos de sal que a maioría dos queixos á venda no mercado.

​Para a súa elaboración emprégase leite de vaca pasteurizado, procedente de produtores rexistrados na comarca de Lalín. Priorízase o leite de vacas en pastoreo, algo que non fai máis que darlle valor engadido ao produto final, con queixos máis amarelos que melloran a textura e o sabor.

 Suxestións de consumo e conservación: Este, como os restantes queixos da Denominación de Orixe Protexida (OPE)  Arzúa-Ulloa, ten na cremosidade e na suavidade dúas das súas principais características, e convértese en produto para todo tipo de padales (trátase da segunda denominación de orixe que máis vende en toda España). Só a calquera hora do día, para a sobremesa,  ou acompañado co tradicional complemento do marmelo. Pero ten tamén, cada vez máis, unha maior aceptación na cociña, onde pode resolver pratos como o mellor dos complementos e mesmo como protagonista. A modo de exemplo, sinala o fabricante que se presta para elaborar unha tortilla francesa, para darlle corpo a unha sopa de verduras ou, se buscamos experiencias novas, para degustalo en compaña dunha boa bica de Trives; haberá que probalo, xa que é recomendación expresa de Lácteos Anzuxao.
​
A conservación deste queixo debe buscarse, como na maioría dos casos, en lugares frescos, como as adegas e, no seu defecto, gardalo no frigorífico, onde é fundamental mantelo protexido -por exemplo, cun pano  lixeiramente humectado, para evitar que se reseque, sobre todo se xa está aberto-. Débese ter a precaución de retiralo da neveira coa suficiente antelación para que se poida degustar a temperatura ambiente, o que permitirá apreciar plenamente as súas bondades, que non son poucas  nos Arzúa-Ulloa.

O queixo 'Arzúa-Ulloa'de Lácteos Anzuxao conta con diversos recoñecementos e galardóns e, desde finais de 2016, este produto dispón do certificado de Galicia Calidade, un selo impulsado pola Xunta de Galicia que destaca a queixería lalinense que lle aporta recoñecemento e un plus de prestixo cara ao consumidor que se comproba alí onde chega o derivado lácteo. Tamén lle permite participar nas diferentes accións de promoción que desenvolve Galicia Calidade. Do mesmo recoñecemento goza o seu queixo 'Tetilla'. O selo Galicia Calidade duplicou o número de produtos que certifica e triplicou case o de empresas nestes últimos seis anos, segundo datos deste mesmo mes de xuño.  
0 Comentarios

'Tetilla', de Lácteos Anzuxao

6/6/2021

0 Comentarios

 
Queixo Tetilla de Anzuxao / queixosdegalicia.comQueixo Tetilla, de Lácteos Anzuxao
​​
Queixo: 'Tetilla', de Lácteos Anzuxao

Procedencia: Madriñán, 2  
Lalín (Pontevedra)
​
DOP: Queixo Tetilla
​
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
​
​Tamaños dispoñibles: A peza deste
queixo ten arredor dun quilogramo




​Tipo de queixo//Descrición: Queixo de pasta cremosa e uniforme, con poucos ollos e sabor lácteo. Cortiza fina e elástica. Este 'Tetilla', en liña co resto dos productos da queixería e tamén coas demandas dos seus consumidores, ten algo menos de sal que a maioría dos queixos á venda no mercado.

​O tempo de maduración dos queixos de Tetilla e dun mínimo de oito días, contados a partir do seguinte ao da súa elaboración.  o 'Tetilla' que vende Lácteos Anzuxao ten un peso aproximado dun quilogramo pero, como o resto dos  acollidos a Denominación de Orixe Protexida -sexa cal sexa o seu peso-, poderá cortarse nas tendas de venda polo miúdo en calquera porción, sempre e cando a operación de corte se faga diante do consumidor no momento da venda.

 Suxestións de consumo e conservación: A degustación deste queixo é óptima nunha franxa de temperatura entre os 16 e os 18 grados, polo que, como no caso do resto dos queixos, debe sacarse do frigorífico -se é o caso-  o tempo suficiente para que non estea frío en boca. Isto permitirá apreciar todas as súas características organolépticas. 

Sen olvidar o seu tradicional papel como queixo de sobremesa, o 'Tetilla' ten un gran potencial culinario, desde os aperitivos ao seu papel nos fogóns; deste gratinados a recheos de produtos tan diversos como pementos, canelóns, cogomelos ou verduras. Pero as súas posibilidades parecen non ter máis límite que o do propio cociñeiro ou cociñeira para entrar en propostas como afumados, herbas aromáticas, tortas, purés, pasteliños, pinchos…

Tal e como recomenda a propia Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla, os mellores lugares para a conservación deste produto son as adegas ou subterráneos frescos e ventilados. Pero como isto  non é o habitual, o lugar máis adecuado é o frigorífico. A temperatura, na neveira, debe oscilar entre os 5 e os 8 graos centígrados, polo que a parte baixa é a mellor para gardar o queixo. 

O queixo Tetilla de Lácteos Anzuxao conta con diversos recoñecementos e premios. Un dos últimos  é o 'Premio Alimentos de España Mejores Quesos del año 2019',  na súa modalidade de mellor queixo de vaca madurado.
​
Desde finais de 2016 este produto dispón do certificado de Galicia Calidade, un selo impulsado pola Xunta de Galicia que destaca a queixería lalinense que lle aporta recoñecemento e un plus de prestixo cara ao consumidor que se comproba alí onde chega o produto. 
0 Comentarios
    Logo da páxina Queixos de Galicia  / queixosdegalicia.com

    Queixo a Queixo

    Todos os queixos que se poden atopar en Galicia, un a un, irán aparecendo neste apartado.

    Arquivos

    Julio 2023
    Mayo 2022
    Enero 2022
    Diciembre 2021
    Junio 2021
    Mayo 2021
    Abril 2021
    Marzo 2021
    Febrero 2021
    Enero 2021
    Noviembre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Junio 2020
    Mayo 2020
    Enero 2020
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Septiembre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Enero 2017
    Septiembre 2016
    Abril 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Noviembre 2015

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia