Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • Cebreiro
  • San Simón Costa
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

'San Simón 200 días', de Queixería Daniberto

26/6/2021

0 Comentarios

 
San Simón da Costa Daniberto / queixosdegalicia.comImagen'San Simón da Costa 200 días', de Queixería Daniberto
​
​Queixo: 'San Simón da Costa -200 días de curación-,
de ‘Queixería Daniberto’
Procedencia: Rúa Pude, 2 / San Simón da Costa /
Vilalba (Lugo)
DOP: San Simón da Costa
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 Tamaños dispoñibles:
- 1 quilogramo, aprox.




Tipo de queixo//Descrición: O queixo de vaca curado San Simón da Costa durante 45 días (son 30 no caso do 'bufón', que pesa arredor da  metade) conta cun irmán maior, que se somete a 200 días de curación. Se os dous primeiros transmiten xa o pleno e rotundo sabor que lle dá o afumado con madeira de bidueiro, o máis requintado -se acaso-  concentra esencias e sabores e convértese para os seus amantes nun novo capricho para o padal. É, fundamentalmente -pola fortaleza do seu sabor- quintaesencia deste queixo lucense da Terra Chá.

A súa elaboración é reducida, polo tempo de espera para dispor del. Así que convén pedir o produto con tempo, porque non esta dispoñible todo o ano. E esta circunstancia non é exclusiva da Queixería Daniberto, senón doutros fabricantes da Denominación de Orixe Protexida lucense, que o teñen no catálogo para os tempos de maior consumo, como pode ser a celebración da propia feira de exaltación deste queixo.

O afumado,  con labras de bidueiro, dalle a este queixo un característico e  diferenciado sabor que, segundo destaca o produtor, convérteo nalgo exclusivo, que o diferenza de todos os queixos galegos e, practicamente, de todos os do mundo. É argumento válido para o de 45 días e, por suposto, para o de 200 días de curación, xa que se resalta aínda máis o sabor e o recendo dun xeito de conservación de sempre para os galegos: o do fume.   
 
Como o resto dos queixos acollidos á Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, presenta unha codia afumada, dura e inelástica, dun a tres milímetros de grosor. A pasta coa que está elaborado ten unha textura fina, graxa, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela. É unha pasta suave ao corte - máis sólida no caso do San Simón de 200 días de afumado-, cun aroma e sabor característicos nos que o efecto do fume de bidueiro  xoga un papel fundamental.

Para a elaboración deste queixo, amparado pola DOP San Simón da Costa, emprégase  leite natural e enteiro, cun procedemento ancestral que - se se atende ás lendas  que se van mantendo dunhas xeracións a outras- remóntase aos pobos da civilización castrexa, que poideran proceder das tribus celtas e que se situaron nos montes da Serra da Carba e do Xistral.

Suxestións de consumo e conservación: Como todos os queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, é un produto ideal para as sobremesas e para degustar a calquera hora do día. E  tamén acaído para traballar na cociña, sen máis límite, case, que o que veña marcado polas habilidades  e bo facer dos cociñeiros, que non dubidan en aproveitalo para elaborar salsas exclusivas, e mesmo coa propia cuberta do queixo, perfectamente comestible.

Marida á perfección con viños galegos tintos e brancos, ou cunha boa cervexa. E como nesta caso estamos a falar dun queixo máis intenso, cabe pensar en caldos algo potentes, que diso temos tamén excelentes mostras.

E falando de irmáns maiores' a deominación apunta que, por primeira vez, xa viu a luz un limitado número de pezas, froito dun "cuidadoso e laborioso proceso de elaboración que durou máis dun ano", xunto o que corresponde co seu período de curación. Estes queixos só se poden adquirir baixo petición e encargo previos.

Queixería Daniberto pon especial énfase na produción de todos os seus produtos, coidando valores de antano e tentando ser fiel á tradición. Busca tamén ampliar mercado e chegar a padales distintos, polo que nos últimos anos sacou novas propostas. Pero o San Simón e o Queixo de Tetilla seguen a ser os seus reclamos máis fortes cara a un consumidor esixente.
Os queixos afumados - mesmo o 'San Simón de 200 días de curación'- están inscritos DOP do mesmo nome, e están acollidos a Galicia Calidade, un selo da Xunta que certifica a orixe galega do produto e a súa calidade. Actualmente son unhas 140 empresas a arredor de 600 produtos ligados a este certificado da Comunidade Autónoma.
0 Comentarios



Dejar una respuesta.

    Logo da páxina Queixos de Galicia  / queixosdegalicia.com

    Queixo a Queixo

    Todos os queixos que se poden atopar en Galicia, un a un, irán aparecendo neste apartado.

    Arquivos

    Mayo 2022
    Enero 2022
    Diciembre 2021
    Junio 2021
    Mayo 2021
    Abril 2021
    Marzo 2021
    Febrero 2021
    Enero 2021
    Noviembre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Junio 2020
    Mayo 2020
    Enero 2020
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Septiembre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Enero 2017
    Septiembre 2016
    Abril 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Noviembre 2015

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia