Queixo: 'Fresco', de Queixos Estevo
Procedencia: Narón nº 7, Becerreá (Lugo)
Tipo de leite: Leite crú de vaca
Tamaños dispoñibles:
Redondo, de 500 gramos de peso
Este queixo elaborouse inicialmente con leite da raza holstein e agora está variando á raza jersey, porque para facer queixos esta última aporta máis graxa e máis proteína do leite. Ten este fabricante unha pequena produción, que se vende en Becerreá (Lugo), atendendo tamén clientela cara a capital da provincia e, sobre todo, cara aos Ancares. O obxectivo último é transformar en queixo todo o leite das arredor de 40 vacas da cabana gandeira, atendendo especialmente ás características dun produto fresco cara a súa comercialización en tendas e supermercados. O queixo, ao estar envasado ao vacío, ofrece un mes de garantía para o consumo.
Unha vez aberto, o segredo da súa conservación pasa por tapalo cun pano lixeriamente húmido na neveira para evitar que se reseque. Pero hai consumidores aos que lle gusta curalo no propio refrixerador, con que se vai creando unha tona e vai adquirindo un grao máis cremoso.
Suxestións de consumo e conservación: É un queixo pouco graxo, baixo en sal, pensado para a sobremesa e que se presta tamén para traballar na cociña. Elabórase con iogur (que fai o papel do callo). Algúns restaurantes utilizan este 'fresco' para a elaboración de tartas e tamén para preparar salsas. E préstase tamén para untar.