Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

'Arzúa-Ulloa curado', de Queixería Artelac

30/7/2023

0 Comentarios

 
Arzúa-Ulloa curado, de Artelac / queixosdegalicia.comQueixo 'Arzúa-Ulloa curado', fabricado por Artelac


​Queixo: 'Arzúa-Ulloa curado', 
de Queixería Artelac.

​Procedencia: Outeiro - Amoexa, 3  27579 - Antas de Ulla - Lugo.

​Tipo de leite: Leite de vaca pasteurizado.

Tamaños dispoñibles: Redondo,
de 800 gramos de peso.




Tipo de queixo//Descrición: Artelac elabora con leite enteiro pasteurizado de vaca, na súa explotación de Antas de Ulla (Lugo), este queixo curado, que ten un periodo de maduración de seis meses. O medio ano de repouso nos andeis do fabricante, convérteo nunha desas pezas codiciadas polos amantes do queixo Arzúa-Ulloa, que outras queixerías desta Denominación de Orixe Protexida (DOP) galega poñen tamén no mercado. De feito, o curado é un dos  tres tipos de queixo amparados por esta DOP, xunto co Arzúa-Ulla de Granxa (que se prepara na súa totalidade con leite de vacas procedente da propia explotación) e o Arzúa-Ulloa de sempre,  que ten unha maduración mínima de seis días.

Ten forma cilíndrica e unha cor amarela intensa. A súa pasta é moi compacta e destaca no nariz o seu aroma a manteiga, cunha sensación olorosa penetrante e con certo picante. Na boca, predomina o gusto a manteiga, con lixeiras notas a vainilla e froitos secos. O seu sabor é algo máis salgado e o seu amplo periodo de curación fai que se caracterice pola súa dureza, de difícil corte e que se pode fracturar en estelas, principalmente nos bordos, segundo recalca para este tipo de queixos a propia DOP Arzúa-Ulloa.
 
Suxestións de consumo e conservación: Como todos os Arzúa-Ulloa, esta proposta dá un excelente xogo nas sobremesas e un bo viño tinto galego de certo corpo pode converterse nun dos seus mellores aliados.
 
Unha vez aberto, un consello para a súa conservación pasa por tapalo cun pano lixeriamente húmido no frigorífico, pero non hai que olvidar que é queixo moi curado que debe ser degustado sen as demoras que se lle poden dar a un Arzúa-Ulla cuns días de maduración.

 A Queixería Artelac ten acaparado diversos premios. Un dos últimos foi a distinción de ouro nas Catas de Galicia de 2021 na modalide, precisamente, de Arzúa-Ulloa curado.
0 Comentarios

'Arzúa-Ulloa', de Queixería Diqueixa

14/7/2023

0 Comentarios

 
Queixo Arzúa-Ulloa de Diqueixa / queixosdegalicia.comFotoQueixo Arzúa-Ulloa fabricado por Diqueixa


Queixo: 'Arzúa-Ulloa', de Queixería Diqueixa
​
Procedencia: Parque Empresarial Monterroso P:1.06. Monterroso -  Lugo.
​
Tipo de leite: Leite de vaca fresco, pasteurizado.

​Tamaños dispoñibles: Redondo, de 0,5, 0,9 e 3,2 quilogramos de peso






​Tipo de queixo//Descrición: Trátase dun queixo de sabor suave, lixeiramente salgado e cun máis que interesante toque acedo para quen guste deste matiz. Sobre as súas características internas reflicte o produtor que presenta unha pasta uniforme, de cor branca marfil, sen fendeduras nin regañas e, se acaso, con algún pequeno ollo.
 
É queixo que na liña de moitos Arzúa-Ulloa ofrece unha cremosidade que se funde na boca e que permite apreciar con inmediatez esa gama de sabores á que nos ten afeitos esta denominación de orixe protexida galega. Polo demais, ten este queixo monterrosino  unha codia fina e elástica, de cor amarela pálida.
 
Suxestións de consumo e conservación: Como todos os Arzúa-Ulloa, é proposta para saborosas sobremesas e cada vez máis socorrido para sorprender na cocina, con aportacións gastronómicas só limitadas pola imaxinación. Os Arzúa-Ulla teñen nun bo viño tinto galego un dos seus maiores aliados, aínda que para gustos hai unha non menos poderosa gama de brancos para ter en conta.
 
Unha vez aberto, o segredo da súa conservación pasa por tapalo cun pano lixeriamente húmido no frigorífico para evitar que se reseque.
 
Hai quen valora un certo toque de maduración, con queixos que van evolucionando cara a novos matices e sabores e que teñen no Arzúa-Ulloa un excelente referente, un curado incluído igualmente na Denominación de Orixe protexida que este fabricante ten tamén á venda.
 
Do mesmo xeito que Diqueixa obtivo a distinción de ouro nas Catas de Galicia de 2021, Artelac -do que falaremos en breve- acadou o mesmo recoñecemento ese ano na modalide de Arzúa-Ulloa curado.

0 Comentarios

'Fresco', de Queixos Estevo

22/5/2022

0 Comentarios

 
?Fesco', de Queixos Estevo / queixosdegalicia.com'Fesco', de Queixos Estevo
​​
Queixo: 'Fresco', de Queixos Estevo

Procedencia: Narón nº 7, Becerreá (Lugo)
​
Tipo de leite: Leite crú de vaca
​Tamaños dispoñibles: 
Redondo, de 500 gramos de peso


Tipo de queixo//Descrición: Trátase dun queixo de sabor suave, con pouco sal e notas lácteas moi agradables, acrecentadas no proceso de maduración, unha vez retirado o envoltorio de protección para encetalo. Leite, callo e sal son os seus ingredientes, non hai máis segredos. No proceso de elaboración, o fabricante inclúe como variante neste produto o mel, de xeito que tamén se pode mercar coa incorporación desta doce substancia.

Este queixo elaborouse inicialmente con leite da raza holstein e agora está variando á raza jersey, porque para facer queixos esta última aporta máis graxa e máis proteína do leite. Ten este fabricante unha pequena produción, que se vende en Becerreá (Lugo), atendendo tamén clientela cara a capital da provincia e, sobre todo, cara aos Ancares. O obxectivo último é transformar en queixo todo o leite das arredor de 40 vacas da cabana gandeira, atendendo especialmente ás características dun produto fresco cara a súa comercialización en tendas e supermercados. O queixo, ao estar envasado ao vacío, ofrece un mes de garantía para o consumo.
​
Unha vez aberto, o segredo da súa conservación pasa por tapalo cun pano lixeriamente húmido na neveira para evitar que se reseque. Pero hai consumidores aos que lle gusta curalo no propio refrixerador, con que se vai creando unha tona e vai adquirindo un grao máis cremoso.

Suxestións de consumo e conservación: É un queixo pouco graxo, baixo en sal, pensado para a sobremesa e que se presta tamén para traballar na cociña. Elabórase con iogur (que fai o papel do callo). Algúns restaurantes utilizan este  'fresco' para a elaboración de tartas e tamén para preparar salsas. E préstase tamén para untar. 
0 Comentarios

'Ahumadito', de Queixerías Prestes

1/5/2022

0 Comentarios

 
Ahumadito de Queixerías Prestes / queixosdegalicia.com'Ahumadito', de Queixerías Prestes
Queixo: 'Ahumadito', de Queixerías Prestres

Procedencia: Polígono Industrial Sete Pontes Parcelas 49-50,
​27816 Vilalba, Lugo

Tipo de leite: Leite enteiro pasteurizado de vaca
​
​Tamaños dispoñibles: Redondo, de 450 gramos de peso




​Tipo de queixo//Descrición: Trátase dun queixo de sabor suave, con notas lácteas e agradable gusto a froitos secos e manteiga. Ten un regusto afumado suave a abedul, que é a madeira coa que se afuma o produto estrela dos queixos que se elaboran na comarca lucense de Vilaba: o San Simón da Costa. Ese toque máis delicado no proceso de curado con fume, faíno apetecible a outros gustos que teñen  especial interese por este produto vilalbés.

Os ingredentes cos que está feito este queixo, ademais do leite pasteurizado de vaca, son os seguintes: fermentos lácteos, cuallo, lisozima (procedente do ovo), cloruro cálcilo e sal. Leva conservantes no recubremento da corteza.

Queixería Prestes elabora tamén este mesmo producto en formatos de 8,5 quilogramos e 4 quilogramos, envasado ao vacío e destinado á venda en charcuterías. Comercialízase neste caso co nome de Prestes 'especialidades', un graxo madurado, igualmente afumado e para a venda por peza ou ao corte en establecementos comerciais.
​
Suxestións de consumo e conservación: Este queixo,envasado ao vacío, ten un amplo período de conservación. Hai que gardalo refrixerado.  Marida con viños brancos fermentados, en barrica e tintos de crianza. Tamén recomenda o fabricante degustalo cun mencía da Ribeira Sacra ou do Bierzo, así como con cervexas lixeiras. 
0 Comentarios

Queixo 'tenro', de Campo Capela

24/1/2022

0 Comentarios

 
Queixo 'Tenro', de Campo Capela/queixosdegalicia.com'Queixo tenro' , da Cooperativa de Produtores Campo Capela
​

Queixo: 'tenro', da Cooperativa de
Produtores Campo Capela

Procedencia: Os Calzados s/n 
A Capela (A Coruña)

Tipo de leite: crú de vaca.

Peso: 0,500 gramos, 700 gramos,
1 quilogramo e 3 quilogramos,
aproximadamente



​Tipo de queixo // descrición: O 'Queixo tenro' é un dos clásicos da Cooperativa de Produtores de Campo Capela elaborado con leite crú.Trátase dun produto preparado artesanalmente, que evoluciona en cada época do ano, ata o punto de que o seu sabor vai experimentado lixeiros cambios, dependendo da alimentación  que en cada momento reciba o gando dos distintos produtores asociados.  O resultado é, en todo caso, un queixo moi suave para o padal, no que sobresae o inconfundible sabor do leite crú.

Suxestións de consumo e conservación: Trátase dun queixo moi cremoso, que se pode consumir para untar -algo que buscan moitos amantes desta clase de produtos-, con esa característica xa destacada de que é un sabor moi distinto dos que se fan con leite pasteurizado.

Destaca o fabricante deste queixo do país que é un bo acompañante de marmelos e marmeladas, que se pode  utilizar na elaboración de purés, cremas, salsas ou calquera outro tipo de acompañamento.  Engádese que resulta de especial utilidade para a elaboración de gratinados. Non son poucas as propostas, pero as posibilidades e a experimentación hoxendía na gastronomía e nos fogóns  teñen  só na creatividade os límites.
​
É, xa que logo, un queixo dun sabor moi contrastado, que polas súas características, precisa estar -unha vez encetado- nun lugar fresco ou refrixerado. No caso de optar pola solución máis acaída hoxe, a do frigorífico, procede envolvelo nun pano lixeiramente humedecido, o que contribuirá a que non se reseque e manteña as súas características. E, para o consumo, acertarase sempre se se saca da neveira varias horas antes, co que se porá na mesa un produto pleno de sabor. Para os amantes dos viños -brancos ou tintos- terá nos xoves unha boa proposta para acompañar. 
0 Comentarios

'Cremoso picante', de Casa Zolle

8/1/2022

0 Comentarios

 
'Cremoso picante' de Casa Zolle / queixosdegalicia.comQueixo 'cremoso picante', de Casa Zolle
Queixo: 'Cremoso picante', de Casa Zolle

Procedencia: Polígono Industrial de Friol,
27270 Friol (Lugo)

​Tipo de leite: de vaca crú
​
Tamaños dispoñibles: 
​
A peza ten entre 800 gramos e un quilogramo





Tipo de queixo//Descrición: O 'cremoso' de Casa Zolle  é un queixo de pasta  elaborado sempre  dun xeito artesanal, que se fai agora tamén con pemento picante de Herbón. Do mesmo xeito que noutros casos se traballa con diversos pementos españois para conseguir darlle ese caracterísito sabor picante. Co engadido ou non desta esencia picante padronesa de Herbón, é este un queixo cremoso, de leite crú, que busca manter o xeito tradicional do que se facía antano nas casas, cunha textura e sabor diferenciados. E agora pódese degustar nesta nova e interesante variante. 

A colaboración de Casa Zolle con Pementos Carmucha (Herbón / A Coruña) foi unha casualidade. Permentos Carmucha seca e deshidrata o produto para facer logo pemento moido. A firma padronesa propúxolle  a Casa Zolle facer un queixo combinando os dous produtos. O proxecto foi adiante, e despois da presentación na Cidade da Cultura de Santiago, contou co respaldo do mundo da restauración gastronómica galega.

Como se trata dunha elaboración que depende en boa parte das reservas do producto elaborado por Pementos Carmucha, o queixo vai chegando aos consumidores ata agoar as existencias. Nestas festas de Nadal e na víspera da festividade de Reis, estaba á venta nos anaqueis de tendas e centros comerciais  nos que está presenta este fabricante lucense do Concello de Friol.

Trátase dunha edición limitada. E, chegado o momento,  pode que haxa que esperar a mellor ocasión para facerse co produto. É dicir, cando vaia vindo unha nova colleita de pementos de Herbón, que 'Carmucha'  aporta a este proxecto innovador no mundo do queixo galego.

 Suxestións de consumo e conservación: Trátase dun queixo que ten nas sobremesas un papel destacado,  amparando por un dos  sabores máis recoñecidos a nivel estatal -como son os pementos de Herbón- e por o 'cremoso' de leite crú que aporta Casa Zolle. 

Como  para sabores hai tamén consumidores e receitas, este queixo, deste que está á venda, hai quen o utiliza na elaboración de tostas; hai outros que o funden ou que o consomen con anchoas, e os que o utilizan na tradicional xuntanza co marmelo. É tamén reclamo o para os restaurantes, que o estar a utilizar  nas súas receitas gastronómicas.

Apunta o fabricante que este queixo, en particular, vai mellor cun viño blanco galego, como pode ser un bo Rías Baixas. Pero hai que darlle marxe a quen degusta,  e aínda que sexa só por cuestións de proximidade, podería xogar un bo papel na maridaxe un mencía de Chantada. Para apreciar este queixo en todo o seu sabor, debe sacarse do frigorífico dúas ou tres horas antes do seu consumo. 
​
0 Comentarios

'Semicurado de cabra', de Milkabra

26/12/2021

0 Comentarios

 
Semicurado de cabra de Milkabra / queixosdegalicia.comQueixo semicurado de cabra de Milkabra

Queixo: Semicurado de cabra, de Milkabra

Procedencia: Picoto, s/n / Areas /
Ponteareas (Pontevedra)

Tipo de leite: de cabra, pasteurizado 

 Tamaños dispoñibles:
- Peza de 500 gramos, aproximadamente


​Tipo de queixo//Descrición: O queixo semicurado de cabra de Milkabra pesa arredor de medio quilogramo e ten unha curación de 25 días. É un queixo que se presenta como artesanal, cen por cen natural, elaborado con leite pasteurizado, callo, fermentos lácteos e sal.
 
Ten a particularidade de que é un queixo cuxo proceso de maduración é en madeira de piñeiro galego -o que contribúe a darlle un sabor especial-. Os queixos semicurados deste fabricante, todos de cabra, sempre se fixeron con pasta branda, pero non é caso do que presenta hoxe queixosdegalicia, que é de pasta dura.
 
As cabras coas que se elabora este e cinco ou seis productos máis  do fabricante están en pastoreo e non proban o penso-só os cereais- un sabor seco que contrasta, por exemplo, co sabor amargo que ten outro dos queixos da fábrica: o de malta.

Suxestións de consumo e conservación: Esa agradable e novidosa sensación de sequidade que produce na gorxa reclama un viño tinto "potente" para acompañar este queixo, por exemplo, un Ribeiro.
 
Un queixo curado coma este, unha vez adquirido e cunha semana  máis no frigorífico, pode estar fóra xa sen problema durante un bo período de tempo.  Pasados sesenta días, o queixo está curado e a súa conservación é doada.  



0 Comentarios

'San Simón 200 días', de Queixería Daniberto

26/6/2021

0 Comentarios

 
San Simón da Costa Daniberto / queixosdegalicia.comImagen'San Simón da Costa 200 días', de Queixería Daniberto
​
​Queixo: 'San Simón da Costa -200 días de curación-,
de ‘Queixería Daniberto’
Procedencia: Rúa Pude, 2 / San Simón da Costa /
Vilalba (Lugo)
DOP: San Simón da Costa
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 Tamaños dispoñibles:
- 1 quilogramo, aprox.




Tipo de queixo//Descrición: O queixo de vaca curado San Simón da Costa durante 45 días (son 30 no caso do 'bufón', que pesa arredor da  metade) conta cun irmán maior, que se somete a 200 días de curación. Se os dous primeiros transmiten xa o pleno e rotundo sabor que lle dá o afumado con madeira de bidueiro, o máis requintado -se acaso-  concentra esencias e sabores e convértese para os seus amantes nun novo capricho para o padal. É, fundamentalmente -pola fortaleza do seu sabor- quintaesencia deste queixo lucense da Terra Chá.

A súa elaboración é reducida, polo tempo de espera para dispor del. Así que convén pedir o produto con tempo, porque non esta dispoñible todo o ano. E esta circunstancia non é exclusiva da Queixería Daniberto, senón doutros fabricantes da Denominación de Orixe Protexida lucense, que o teñen no catálogo para os tempos de maior consumo, como pode ser a celebración da propia feira de exaltación deste queixo.

O afumado,  con labras de bidueiro, dalle a este queixo un característico e  diferenciado sabor que, segundo destaca o produtor, convérteo nalgo exclusivo, que o diferenza de todos os queixos galegos e, practicamente, de todos os do mundo. É argumento válido para o de 45 días e, por suposto, para o de 200 días de curación, xa que se resalta aínda máis o sabor e o recendo dun xeito de conservación de sempre para os galegos: o do fume.   
 
Como o resto dos queixos acollidos á Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, presenta unha codia afumada, dura e inelástica, dun a tres milímetros de grosor. A pasta coa que está elaborado ten unha textura fina, graxa, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela. É unha pasta suave ao corte - máis sólida no caso do San Simón de 200 días de afumado-, cun aroma e sabor característicos nos que o efecto do fume de bidueiro  xoga un papel fundamental.

Para a elaboración deste queixo, amparado pola DOP San Simón da Costa, emprégase  leite natural e enteiro, cun procedemento ancestral que - se se atende ás lendas  que se van mantendo dunhas xeracións a outras- remóntase aos pobos da civilización castrexa, que poideran proceder das tribus celtas e que se situaron nos montes da Serra da Carba e do Xistral.

Suxestións de consumo e conservación: Como todos os queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, é un produto ideal para as sobremesas e para degustar a calquera hora do día. E  tamén acaído para traballar na cociña, sen máis límite, case, que o que veña marcado polas habilidades  e bo facer dos cociñeiros, que non dubidan en aproveitalo para elaborar salsas exclusivas, e mesmo coa propia cuberta do queixo, perfectamente comestible.

Marida á perfección con viños galegos tintos e brancos, ou cunha boa cervexa. E como nesta caso estamos a falar dun queixo máis intenso, cabe pensar en caldos algo potentes, que diso temos tamén excelentes mostras.

E falando de irmáns maiores' a deominación apunta que, por primeira vez, xa viu a luz un limitado número de pezas, froito dun "cuidadoso e laborioso proceso de elaboración que durou máis dun ano", xunto o que corresponde co seu período de curación. Estes queixos só se poden adquirir baixo petición e encargo previos.

Queixería Daniberto pon especial énfase na produción de todos os seus produtos, coidando valores de antano e tentando ser fiel á tradición. Busca tamén ampliar mercado e chegar a padales distintos, polo que nos últimos anos sacou novas propostas. Pero o San Simón e o Queixo de Tetilla seguen a ser os seus reclamos máis fortes cara a un consumidor esixente.
Os queixos afumados - mesmo o 'San Simón de 200 días de curación'- están inscritos DOP do mesmo nome, e están acollidos a Galicia Calidade, un selo da Xunta que certifica a orixe galega do produto e a súa calidade. Actualmente son unhas 140 empresas a arredor de 600 produtos ligados a este certificado da Comunidade Autónoma.
0 Comentarios

'Tetilla', de Queixería Daniberto

19/6/2021

1 Comentario

 
'Tetilla' de Queixería Daniberto / queixosdegalicia.comQueixo Tetilla, de Queixería Daniberto
​​
​Queixo: 'Tetilla',
de Queixería Daniberto

Procedencia: Rúa Pude, 2 / San
​Simón da Costa / Vilalba (Lugo)

DOP: Queixo Tetilla

Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 




Tipo de queixo//Descrición:  O queixo Tetilla Daniberto, da Denominación de Orixe (DOP) Queixo Tetilla, é produto que o fabricante resalta fundamente cara ao consumidor como artesanal e que conta cunha denominación recoñecida a nivel europeo. É, como os seus compañeiros de DOP, un produto san e equlibrado, cun sabor moi especial que convence a  padales variados e esixentes.

Ten no seu olor e sabor o toque de suavidade que buscan moitos entusiastas dos queixos, cunha textura cremosa que o converte en ideal para desfrutalo en calquera momento do día. É un  queixo semicurado, elabordo con leite de vaca, e ten un período de maduración mínimo de sete días.

Falamos dun queixo cunha codia fina e elástica, de menos de 3 milímetros de espesor, cunha cor amarela palla natural e sen mofos. O seu aroma, é suave e lixeiramente acedo e con lembranzas ao leite de procedencia. O sabor e lácteo, manteigoso, lixeiramente acedo e salgado suave.

Suxestións de consumo e conservación: Este queixo ten esa peculiar forma cónica cóncava-convexa, dos 'Tetilla', máis achaparrado que outros da denominación -pero sempre dentro dos parámetros esixidos- que lle da unha particular vistosidade. Recomenda Queixería Daniberto que se conserve o seu 'Tetilla' na parte baixa do frigorífico e que se saque unha hora antes de que se teña previsto consumilo. Con isto, garantízase que estea  pleno de sabor e totalmente preparado organolepticamente para sorprender o padal.

Na cociña, no hai máis que atender as propostas que da a propia DOP Queixo Tetilla, que non só aporta información sobre as delicias deste produto coas receitas dos mellores cociñeiros, senón que busca incentivar "o cociñeiro que levas dentro", que non deixa de ser un paso cualitativo no consumo dun queixo que está recoñecido como o mais internacional dos galegos.
​
E para unha breve mostra, os rotundos enunciados de dúas receitas: 'Rolo de tenreira galega reenchido de algas e queixo Tetilla ao mencía' ou 'Pescada de Celeiro con repolo, gratinada con Queixo Tetilla', para a ocasión o que fabrica Queixería Daniberto.

O 'Tetilla' de Daniberto forma parte de Galicia Calidade, firma da Xunta de Galicia que certifica a calidade -avalada pola orixe galega, a elaboración na Comunidade Autónoma, a materia prima ou o deseño galego- dos produtos e servizos que sexan merecentes desta distinción, unha vez que se contraste mediante os controis establecidos. Daniberto ten tamén baixo o paraugas da marca de garantía Galicia Calidade os queixos que fabrica na denominación San Simón da Costa.

1 Comentario

'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao

13/6/2021

0 Comentarios

 
Queixo ,Arzúa-Ulloa', de Anzuxao /queixosdegalicia.com'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao
​
​
Queixo: 'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao

Procedencia: Madriñán, 2  
Lalín (Pontevedra)
DOP: Queixo Arzúa-Ulloa
​
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
​
​Tamaños dispoñibles: 800 gramos,
1 quilogramo, 2 quilogramos,
​3,7 quilogramos​


Tipo de queixo//Descrición: Queixo de pasta branda, de sabor suave e poucos ollos. En liña co resto dos produtos da queixería e tamén coas demandas dos seus consumidores, ten algo menos de sal que a maioría dos queixos á venda no mercado.

​Para a súa elaboración emprégase leite de vaca pasteurizado, procedente de produtores rexistrados na comarca de Lalín. Priorízase o leite de vacas en pastoreo, algo que non fai máis que darlle valor engadido ao produto final, con queixos máis amarelos que melloran a textura e o sabor.

 Suxestións de consumo e conservación: Este, como os restantes queixos da Denominación de Orixe Protexida (OPE)  Arzúa-Ulloa, ten na cremosidade e na suavidade dúas das súas principais características, e convértese en produto para todo tipo de padales (trátase da segunda denominación de orixe que máis vende en toda España). Só a calquera hora do día, para a sobremesa,  ou acompañado co tradicional complemento do marmelo. Pero ten tamén, cada vez máis, unha maior aceptación na cociña, onde pode resolver pratos como o mellor dos complementos e mesmo como protagonista. A modo de exemplo, sinala o fabricante que se presta para elaborar unha tortilla francesa, para darlle corpo a unha sopa de verduras ou, se buscamos experiencias novas, para degustalo en compaña dunha boa bica de Trives; haberá que probalo, xa que é recomendación expresa de Lácteos Anzuxao.
​
A conservación deste queixo debe buscarse, como na maioría dos casos, en lugares frescos, como as adegas e, no seu defecto, gardalo no frigorífico, onde é fundamental mantelo protexido -por exemplo, cun pano  lixeiramente humectado, para evitar que se reseque, sobre todo se xa está aberto-. Débese ter a precaución de retiralo da neveira coa suficiente antelación para que se poida degustar a temperatura ambiente, o que permitirá apreciar plenamente as súas bondades, que non son poucas  nos Arzúa-Ulloa.

O queixo 'Arzúa-Ulloa'de Lácteos Anzuxao conta con diversos recoñecementos e galardóns e, desde finais de 2016, este produto dispón do certificado de Galicia Calidade, un selo impulsado pola Xunta de Galicia que destaca a queixería lalinense que lle aporta recoñecemento e un plus de prestixo cara ao consumidor que se comproba alí onde chega o derivado lácteo. Tamén lle permite participar nas diferentes accións de promoción que desenvolve Galicia Calidade. Do mesmo recoñecemento goza o seu queixo 'Tetilla'. O selo Galicia Calidade duplicou o número de produtos que certifica e triplicou case o de empresas nestes últimos seis anos, segundo datos deste mesmo mes de xuño.  
0 Comentarios
<<Anterior
    Logo da páxina Queixos de Galicia  / queixosdegalicia.com

    Queixo a Queixo

    Todos os queixos que se poden atopar en Galicia, un a un, irán aparecendo neste apartado.

    Arquivos

    Julio 2023
    Mayo 2022
    Enero 2022
    Diciembre 2021
    Junio 2021
    Mayo 2021
    Abril 2021
    Marzo 2021
    Febrero 2021
    Enero 2021
    Noviembre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Junio 2020
    Mayo 2020
    Enero 2020
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Septiembre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Enero 2017
    Septiembre 2016
    Abril 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Noviembre 2015

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia