Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • Cebreiro
  • San Simón Costa
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

'Tetilla', de Quesos Feijoo

26/4/2021

0 Comentarios

 
'Tetilla' de Queixos Feijoo / queixosdegalicia.comQueixo 'Tetilla', de Quesos Feijoo
​

Nome do queixo: 'Tetilla'

Procedencia: Outeiro, Acebedo do Río,
Celanova (Ourense)

Tipo de leite: de vaca pasteurizado

Tamaños dispoñibles:
​Pezas de 1 quilogramo, aproximadamente
​
Fabricante: Quesos Feijoo


Tipo de queixo//Descrición: Feijoo elabora o seu 'Tetilla' con leite pasteurizada de vaca. Trátase dun queixo de cor branca, bastante cremoso e uniforme e cun recendo lixeiramente acedo. O tacto en boca é manteigoso, recordando o sabor do leite fresco.É lixeiramente salgado e sen presenza de ollos.

A maduración en cámara ten que ser, como mínimo, de oito días, contados a partir do seguinte da elaboración. Entre as súas características está tamén a de contar cunha cortiza máis dura, que lle dá consistencia. O seu punto de acedume non é tan marcado, por exemplo, como  o que poden ter os queixos que se fabrican no norte de Galicia.

Suxestións de consumo e conservación: 
​
Esta queixería ourensá ten na provincia o seu principal mercado, pero ofrece e vende os seus productos  a calquer punto de Galicia e de España, a través da súa tenda on line, coa rapidez e os  baixos custos engadidos sobre os produtos que estes novos medios de comercialización permiten. A súa conservación recoméndase entre os catro e os seis graos centígrados, mentres que o consumo debe ser sempre a temperatura ambiente. A este respecto, recomenda a Denominación de Orixe Protexida 'Queixo Tetilla' conservalo na parte baixa do frigorífico e sacalo unha hora antes do seu consumo,para  "gozalo completamente so ou acompañado, en toros ou fundido".

 Culinariamente, é un dos queixos galegos que máis xogo da nos fogóns  pero as súas posibilidades de sempre van moito máis aló, xa que se trata dun queixo cun sabor moi especial que o converteu no queixo galego con máis proxección internacional.  Independentemente  da parella que noutros casos se lle poida buscar, o fabricante aposta por un viño branco, a poder ser un alvariño ou un godello. Calquer viño branco afroitado ou suave pode ir ben.

Quesos Feijoo ten adscrito o seu 'Tetilla' a Galicia Calidade, que lle aporta, fundamentalmente, a captación de clientes en puntos como Madrid, Barcelona ou Alacante. Iso, sobre todo, porque ao ter o selo de Galicia Calidade o queixo de Tetilla que o fabricante manda para estas zonas, asegura a queixería que lle dá un "plus" que os compradores valoran.
​
A día de hoxe, esté é o único queixo de 'Tetilla' que se elabora na provincia de Ourense, e fáise practicamente desde o momento en que se puxo en marcha a queixería - hai máis de 70 anos-. Na actualidade elabórase baixo a Denominación de Orixe Protexida do mesmo nome.
 
0 Comentarios

'San Simón', de Queixería Daniberto

18/4/2021

0 Comentarios

 
'San Simón', de Daniberto / queixosdegalicia.com'San Simón de Costa', de Queixería Daniberto

Queixo:
 'San Simón da Costa
de ‘Queixería Daniberto’

Procedencia: Rúa Pude, 2 / San
​Simón da Costa / Vilalba (Lugo)

DOP: San Simón da Costa

Tipo de leite: de vaca, pasteurizado 
 
​
Tamaños dispoñibles:
-San Simón da Costa 
(1 quilogramo, aprox.)
-Bufón (0,600 quilogramos aprox.)


Tipo de queixo//Descrición: Queixo curado durante un período de 45 días para o formato San Simón da Costa grande e de 30 días para o caso do Bufón. Afúmase con labras de bidueiro, o que lle dá o seu característico e diferenciado sabor e que, segundo destaca o produtor, convérteo nun produto exclusivo, que o diferenza de todos os queixos galegos e practicamente de todos os do mundo. Como o resto dos queixos acollidos á Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, presenta unha cotiza afumada, dura e inelástica, dun a tres milímetros de grosor, de cor amarela-ocre e algo graxenta. A pasta coa que está elaborado presenta unha textura fina, graxa, semicurada, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela. É unha pasta suave ao corte, cun aroma e sabor característicos nos que o seu afumado xoga un papel fundamental.

Para a elaboración deste queixo amparado pola DOP San Simón da Costa emprégase  leite natural e enteiro, cun procedemento que - se se atende ás lendas  que se van mantendo dunhas xeracións a outras- remóntase aos pobos da civilización castrexa, que poideran proceder das tribus celtas e que situaron nos montes da Serra da Carba e do Xistral.

Suxestións de consumo e conservación: Como todos os queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, é un produto ideal para as sobremesas e para degustar a calquera hora do día. E  tamén para traballar na cociña, sen máis límite, case, que o que veña marcado polas habilidades  e bo facer dos cociñeiros, que non dubidan en aproveitalo para elaborar exclusivas salsas, e mesmo coa propia cuberta do queixo, perfectamente comestible. Marida á perfección con viños galegos tintos e brancos, como cunha boa cervexa.

Queixería Daniberto pon especial énfase na produción, coidando valores de antano e tentando ser fiel á tradición. Busca tamén ampliar mercado e chegar a padales distintos, polo que nos últimos anos sacou novas propostas. Pero o San Simón e o Queixo de Tetilla seguen a ser os seus reclamos máis fortes cara a un consumidor esixente. Estes dous queixos están inscritos, respectivamente, nas DOP do mesmo nome, e están acollidos a Galicia Calidade, un selo da Xunta que certifica a orixe galega do produto e a súa calidade. Actualmente son unhas 140 empresas a uns 600 produtos ligados a este certificado da Comunidade Autónoma.
0 Comentarios

Queixo 'tenro',  de Leite Ulla

8/4/2021

0 Comentarios

 
Queixo 'tenro' de Leite Ulla / queixosdegalicia.comQueixo 'tenro', de Leite Ulla
​
​Queixo: 
'Tenro',  de Leite Ulla

Procedencia: A Riveira,1
Santeles, A Estrada (Pontevedra)

Tipo de leite: de vaca crú
​
​Tamaños dispoñibles: pezas
de 500 gramos e de 1 e 1,5
​quilogramos.


Tipo de queixo//Descrición:  O queixo 'tenro' de Leite Ulla, ten pouco sal, aínda que un chisco máis que o 'fresco' que elabora tamén este fabricante  (que xa está referenciado no Portal dos Queixos de Galicia). Queixo 'fresco' e queixo 'tenro'  elabóranse con leite crú. Esta é, en resume, a aposta inicial de Leite Ulla.

O queixo 'tenro' ou queixo 'país' chega ao mercado en dous momentos distintos. Pode tratarse dun queixo fresco, con máis sabor e máis potencia, que reclaman parte dos consumidores e que se vende antes. E logo está outro produto que se saca con dez días de curación.  Neste abano, vai a curación de catro, cinco e ata dez ou máis días. Se falamos de vinte ou de máis tempo, xa estamos diante do queixo 'de nabiza', que este produtor non traballa, pero que se pode encontrar no mercado. Segundo o grao de curación, a cortiza vai pasando  do branco ao amarelo. "Cando está tostada, ,xa está curado", apunta o produtor, que ironiza sobre sabor ao sinalar que o mellor piropo que lle poden dicir sobre este 'tenro' é "que lles recorda ao queixo que facía súa avoa". Nostalxia viva, xa que logo, para os amantes dos queixos de antano.
 
 Para elaborar tanto o 'fresco' como o 'tenro' non se desnata o leite, que se obtén a partir dunha alimentación dun gando que non está estabulado ao cento por cento. Traballar con leite crú ten inconvintes á hora da fabricación, por ser un proceso máis complicado, pero o resultado é o queixo que se facía hai moitas décadas, mentres que o pasteurizado é do que máis abonda no mercado e ten moito onde elixir o consumidor.
  
Aínda que se trata dun produto ao que no que se lle retirou a tona, cómpre sinalar que a materia graxa non se comporta do mesmo xeito nos queixos frescos que nos madurados. Quere dicir isto que cando se trata dun queixo fresco ou dun queixo tenro -como é o caso-, as graxas non están tan saturadas.
 
Suxestións de consumo e conservación: Á hora de casar produtos e sabores, e tirando das experiencias de compradores, require o 'tenro' viños con algo máis de corpo que os que se poideran utilizar para o 'fresco' e ten este produto nas  anchoas un dos seus mellores aliados. E na cociña promete o xogo de queixos como o Arzúa-Ulloa. 

Se andando os días colle, non mofo, senón una certa pátina branca -porque non leva parafina nen ningún tipo de conservante-, abonda con cepillalo. Non hai ningún problema se se lava, pero entón hai que secalo ben. Tamén é ideal para degustar con pan de millo, con uvas ou con confeituras. E pode comerse todiño, codia incluída, xa que é totalmente natural e provocada polo paso dos días no proceso de curación. 
​
0 Comentarios

Queixo 'curado', de Santo André

24/3/2021

0 Comentarios

 
Queixo 'curado' de Santo André / queixosdegalicia.comImagenQueixo 'curado', de Santo André
Nome do queixo: 'Curado', de  Santo André
Procedencia: San Andrés de Barredo, 17; Castroverde (Lugo)
DOP: Cebreiro
Fabricante: Queixería Santo André
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tamaños dispoñibles:  pezas de 2 quilogramos 


​
Tipo de queixo // Descrición:
 Queixo curado, de pasta branca, branda e granulosa, que mantén o método totamente artesanal  de antano que esixe a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro. Non ten conservantes nen aditivos. O seu aspecto é tamén o característico de todos os queixos que se fabrican baixo esta denominación, ao semellar un fungo ou sombreiro de cociñeiro, aínda que hai que aclarar que este é o único fabricante dos catro acollidos actualmente  na denominación que elabora queixo curado.

Mentres que o queixo fresco de Santo André está listo para o consumo ás poucas horas de pasar o proceso de elaboración, o queixo curado  debe experimentar un período de conservación de 50 días como mínimo -que chega neste caso ata os 70 días- e que o converte nun queixo moi especial que non deixa de gañar adeptos.

No proceso de maduración, a pasta vai collendo unha cor amarelada que pode gañar en intensidade, cun sabor con matices metálicos e picantes, mantendo o sabor lácteo, o recendo característico do queixo fresco da DOP e un toque lixeiramente acedo. As técnicas e cuidados empregados, con mofos naturais recubrindo o exterior, potencian sabores e aportan complexidade ao produto.

Suxestións de consumo e conservación: Este queixo, por eses especiais matices que lle da a curación, é ideal para degustar só. Pero serven igualmente as considercións que aporta a Denominación de Orixe Protexida sobre o queixo fresco para  saborealo cun bo mel, marmelo ou noces. E constitúe tamén un excelente produto na cociña para elaborar pratos de todo tipo. Hoxe, grazas ás aportacións de restauradores e reposteiros, e tamén das asociacións e consumidores en xeral, pódese falar dun produto tradicional de mútiples aplicacións na arte culinaria.

No etiquetado está a referencia para o seu tempo de consumo. A curación deste Cebreiro permite  que alongue amplamente a súa conservación, o que entronca directamente coa idea de que en séculos pasados poidese chegar en condicións a diversos puntos de Europa.

Teñen os queixos do Cebreiro, ademais dun amplo percorrido no mundo da degustación e dos fogóns, un terreo propicio para a súa relación cos magníficos viños que se elaboran en Galicia. Tamén neste caso hai gustos e moito onde elixir para un curado tan especial como este que ofrece o fabricante.
​
Tanto o fresco como o curado Santo André son as últimas incorporacións en queixos dalgunha das catro denominacións de orixe protexida que forman parte de Galicia Calidade,  selo da Xunta de Galicia que garante a calidade de determinados produtos e servicios que se xeran, elaboran ou se transforman na Comunidade Autónoma. 
0 Comentarios

Cebreiro 'fresco', de Santo André

9/2/2021

0 Comentarios

 
Queixería Santo André / queixosdegalicia.comQueixo Cebreiro 'fresco', de Santo André
Nome do queixo: 'Fresco',
de Santo André

Procedencia: San Andrés de
Barredo, 17; Castroverde
(Lugo)

DOP: Cebreiro
Fabricante: Queixería Santo
André

Tipo de leite: de vaca,
pasteurizado

Tamaños dispoñibles: pezas
​de 500 gramos




Tipo de queixo // Descrición: Queixo fresco, de pasta branca, branda e granulosa, que mantén o método totamente artesanal  de antano que esixe a Denominación de Orixe Protexida (DOP) 'Cebreiro'. Non ten ningún tipo de conservantes nen aditivos. O seu aspecto é tamén característico para todos os queixos que se fabrican baixo esta denominación, ao semellar un fungo ou sombreiro de cociñeiro. Poden encontrar os consumidores no produto sabores de manteiga, iogur ou nata, cun sabor moi particular en relación con outros queixos frescos dos que se fabrican en Galicia.

O 'fresco' de Santo André (elabora tamén un queixo curado,  igualmente premiado e de gran aceptación, e tamén baixo o a DOP Queixo Cebreiro) está listo para o consumo as poucas horas de pasar o proceso de elaboración. O queixo curado deste mesmo fabricante debe pasar por un período de conservación de 50 días como mínimo -que chega neste caso ata os 70 días- e que o converte nun queixo moi especial que non deixa de gañar adeptos e do que faleremos nunha próxima ocasión.

Suxestións de consumo e conservación: Este queixo, como lembra o propio Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, é ideal para tomar só, con mel ou con doce de froitas e constitúe tamén un excelente produto na cociña para elaborar pratos de todo tipo. Hoxe, grazas ás aportacións de restauradores e reposteiros, e tamén das asociacións e consumidores en xeral, podemos falar dun produto tracional de aplicación na cociña galega, española ou internacional. Non hai máis que ver o propio recetario da DOP Queixo Cebreiro, onde caben pratos para entrantes e ensaladas; verduras e pastas; peixes; carnes; sobremesas; sopas e purés; e así, ata preto de medio cento de receitas.

No etiquetado está a referencia para o seu tempo de consumo. A súa conservación, unha vez mercado e aberto para degustar (retirada a protección plástica que o envolve), ten o seu lugar no frigorífico, envolvido nun pano lixeraimente humedecido. Para a súa degustación, como sucede co resto dos queixos, debe retirarse da neveira coa antelación precisa para que poida ser degustado en plenitude de sabor.

Teñen os queixos do Cebreiro, ademais dun amplo percorrido no mundo da degustación e dos fogóns, un terreo propicio para a súa relación cos magníficos viños que se elaboran en Galicia. Tamén neste caso hai gustos e moito onde elixir.

Tanto o fresco como o curado Santo André son as últimas incorporacións en queixos dalgunha das catro denominacións de orixe protexida que forman parte de Galicia Calidade,  selo da Xunta que garante a calidade de determinados produtos e servicios que se xeran, elaboran ou se transforman na Comunidade Autónoma. 
​
0 Comentarios

Queixo 'fresco', de Leite Ulla

30/1/2021

0 Comentarios

 
Leite Ulla, queixo 'fresco' / queixosdegalicia.comImagenQueixo 'fresco', de Leite Ulla

​Queixo: 'Fresco',  de Leite Ulla

Procedencia: A Riveira, 1, Santeles,
A Estrada (Pontevedra)

Tipo de leite: de vaca crú
​
​Tamaños dispoñibles: pezas
de 500 gramos e de 1 e 1,5
​quilogramos por encargo.


​Tipo de queixo//Descrición: Este queixo fresco faise con menos sal que o do 'país' que elabora tamén este fabricante. Preséntase en formato de medio quilogramo, pero por encargo pódense pedir pezas dun quilo ou quilo e medio. Tratase dun produto elaborado con leite crú que hai que consumir moi rápido para poder disfrutar en plenitude de todo o seu sabor. Para elaborar calquera destes dous queixos ('fresco' e 'país') non se desnata o leite, que se obtén a partir dunha alimentación dun gando que non está estabulado ao cento por cento. A aposta polo leite crú está presente desde a inauguración da fábrica, na que daquela se elaboraba só queixo fresco. Algún mestre queixeiro esixía para asesorar á empresa  que se utilizase leite pasteurizado, pero non chegou a prosperar esa idea.
 
Traballar con leite crú ten incovintes á hora da fabricación, por ser un proceso máis complicado, pero o resultado é o queixo que se facía antano, mentres que o pasteurizado é do que máis abunda no mercado.
 
É este un queixo artesán que se prensa ou se escoa para introducilo rapidamente no mercado. E hai que consumilo con rapidez, "a xente que pide queixo fresco quéreo da véspera ou da antevéspera, non quere queixo de hai quince días", argumenta o fabricante.
 
Aínda que se trata dun produto no que se lle retirou a tona, cómpre sinalar que a materia graxa non se comporta do mesmo xeito nos queixos frescos que nos madurados. Quere dicir isto que cando se trata do fresco, as graxas non están tan saturadas. "De feito, os médicos están aconsellando que se queres queixo, comas queixo fresco", lembra o fabricante.

Suxestións de consumo e conservación: Á hora de casar produtos e sabores, e tirando das experiencias de compradores desta marca, hai xente que o utiliza para tomar con marmelo, ou con anchoas (aínda que neste último caso recoméndase especialmente o queixo curado de Leite Ulla), pero como para gustos existen tamén sabores, hai a quen lle vai ben con azucre ou con marmeladas.  E mesmo se leva á " sartén" para elaborar  diversos pratos. Confiemos que nos cheguen algúnhas destas últimas receitas.
 
Un queixo 'fresco' de vinte días, de se manter as normas elementais de conservación, pódese levar perfectamente á mesa, o que sucede é que vai cambiando o sabor ao tempo que madura.
 
Tres, catro, cinco días ou, como máximo, unha semana, é o tempo de espera deste 'fresco' na neveira da casa. Unha vez encetado, chega con envolvelo nun simple pano, cunha reixa no fondo que facilite a perda de soro. Pero non hai que esquecer que é queixo de consumo rápido.
0 Comentarios

'Ecolóxico de Carmiña', de Casa Grande de Xanceda

17/1/2021

0 Comentarios

 
'Ecolóxico' Casa Grande de Xanceda / queixosdegalicia.comQueixo 'Ecolóxico de Carmiña', de Casa Grande de Xanceda

Queixo:'Ecolóxico de Carmiña', de Casa Grande de Xanceda
Procedencia: Casa Grande de Xanceda s/n 15685 Mesía (A Coruña)
Tipo de leite: de vaca pasteurizado
​Tamaños dispoñibles: pezas de 600 gramos


Tipo de queixo//Descrición: Casa Grande de Xanceda elabora este queixo (de pasta branda e cremosa, de cor marfil e amarelado)  co leite das súas vacas, que saen a pastar todos os días a pradarías ecolóxicas totalmente libres de pesticidas, herbicidas e abonos químicos.
 
Estas ausencias e o proceso de elaboración ofrecen un produto moi especial con matices que falan dun sabor suave e láctico, lixeiramente salgado e con aromas intensos a nata e iogur. Ten corteza amarela coa tonalidade da cor da palla, que identifica ao  produtor cunha coidada maduración.  

Suxestións de consumo e conservación: É unha boa proposta degustalo só, con calma, apreciando os matices dun queixo que apoia o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega).  Convídase tamén a probalo coas galletas mariñeiras da Veiga, mel ecolóxico de brezo -á que tamen se lle pon marca (Sovoral)- ou con doce de marmelo 'eco amorodo', que  adianta a queixería que se pode atopar na súa despensa ecolóxica.
 
Casa moi ben, xa que logo,  con pans arteanais e marmelo, pero tamén con froitos secos. E recoméndase acompañalo de viños xoves. O queixo  debe estar entre os 18 e os 20 grados para o seu consumo.
 
Segundo informa o produtor é ideal 'para todos os públicos', rico en calcio, fósforo e proteínas. E unha advertencia importante, é apto para todos os consumidores, a non ser para os intolerantes ou alérxicos á lactosa e/ou a proteína láctea.
 
A conservación non difire da doutros moitos queixos galegos, mantendo o produto nun lugar fresco e no caso de atoparse no frigorífico ter a precaución de sacalo varias horas antes do seu consumo, para poder apreciar todos os matices do seu sabor.

0 Comentarios

'Cabra', de Lácteos Terra de Melide

17/11/2020

0 Comentarios

 
Lácteos Terra de Melide / queixosdegalicia.comQueixo de cabra, de Lácteos Terra de Melide
​

​Queixo: 'Cabra', de Lácteos Terra de Melide

Procedencia: Orois, s/n 15800 Melide (A Coruña)

Tipo de leite: de cabra, pasteurizado




Tipo de queixo//Descrición: Lácteos Terra de Melide fabrica tanto queixo Tetilla como queixo Arzúa-Ulloa e desde hai xa máis de dous anos e medio elabora tamén  queixo de cabra, con leite que lle aporta unha explotación  do concello coruñés de Arzúa e que lle vai  vendendo a medida que o mercado demanda este tipo de queixo. Como cabería esperar, non é doado introducir un novo produto como este no mercado galego. Trátase dun queixo máis curado e hai tamén unha competencia de queixos de cabra que veñen de fóra.

Aínda así, este queixo de cabra, segundo  lle  confirman ao fabricante os propios compradores, ten xa unha boa aceptación. Pero o primeiro obstáculo que houbo que superar foi a dúbida de se sería en realidade queixo da fábrica, porque en Galicia "cabras non hai", ironiza o propietario de Lácteos Terras de Melide, Salvador José Carreira. Pero si, si que hai cabras en Galicia e deben pasar xa da media ducia as fabricas galegas que inclúen o queixo de cabra nas súas propostas ou que se dedican exclusivamente a súa produción.  Este queixo, curado, faise con leite pasteurizado de cabra, fermentos lácteos, callo e sal, e leva un recubrimento antimofo na codia.

Suxestións de consumo e conservación: O sabor do queixo de cabra depende moito da alimentación animal que, no caso de Galicia é "moito máis suave e moito máis verde" que noutros puntos de España. O resultado é un sabor diferenciado, que se reflicte na demanda e que -entende o fabricante melidense- que está axudando ao incremento das vendas. Tal e como se apunta na etiqueta do produto, a recomendación para a súa conservación está entre os 4 e os 8 graos centígrados e Láceos Terra de Melide aconsella -para este como para o resto dos seus produtos- que o mellor é prescindir da frigorífico, aínda que é algo que non sempre e posible.

No que se refire a un aspecto tan fundamental como é o da conservación -ao que se soe prestar en ocasións máis ben pouca atención- insiste este fabricante que, se fose posible,o ideal sería que o queixo estivese sempre fóra do frigorífico. Pero sucede que, hoxe, a calefacción axuda a que "súen os queixos". Por iso, a recomendación neste caso e que "se está fóra, factores como a calefacción nos pisos ou a saída da neveira para volver entrar logo, teñen a súa incidencia na prestancia do produto.

Uns viños brancos frescos ou con matices afroitados, como no caso dos acollidos na Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas, ou viños tintos novos, das distintas denominacións galegas, son candidatos insuperables para maridar con este queixo de cabra da factoría melidense. 
0 Comentarios

'O Camiño', de Cooperativa Hoxe

8/9/2020

0 Comentarios

 
'O Camiño', de Cooperativa Hoxe / queixosdegalicia.comImagenArzúa-Ulloa 'O Camiño', de Cooperativa Hoxe
​
Queixo:
 'O Camiño', de Cooperativa Galega Hoxe

Procedencia: Borralla, 34
36512 Lalín (Pontevedra)

DOP: Arzúa-Ulloa

Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
​
Tamaños dispoñibles: pezas de 740 gramos




​Tipo de queixo//Descrición: A Cooperativa Galega Hoxe vén de facer con este novo produto "unha homenaxe, unha lembranza", ao Camiño de Santiago e a tantos peregrinos que visitan  Galicia e pasan por esta queixería lalinense, que se atopa en plena Vía da Prata, co Camiño Sanabrés e o Camiño de Inverno. E nada mellor que facelo que ás portas do Xacobeo 2021.

 As características deste queixo veñen marcadas polas pautas que impón  o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa. Trátase dun produto suave con sabor lácteo e un toque lixeiramente acedo, pouco salgado e manteigoso. É de pasta cor branco marfil con poucos ollos e corteza fina.

Aquí, na fábrica lalinense, elabóranse queixos desde fai mais de 40 anos de forma tradicional, con callada enzimática en cuba, enchido de moldes e prensado. O secado fáise en cámaras con control de humidade e temperatura e logo envásase segundo as distintas variedades en caixas de cartón. O queixo de Cooperativa Hoxe  é un produto totalmente natural, obtido por callado enzimático do leite de vaca con alimentación en pastoreo na maior parte do ano.

Na súa elaboración só se empregan materias primas naturais, leite, callo, fermentos lácticos e sal.

Este, como os restantes queixos da marca, non contén ingredientes con colorantes nin aromas e só os que levan codia se recobren con conservante de uso alimentario para que non teñan mofos.

Suxestións de consumo e conservación: 'O Camiño' preséntase como un  manxar con marmelo, con mel de Galicia, con pan artesano ou mesmo só. Fácil de usar na cociña porque funde moi ben, por exemplo, en pizzas ao forno. É bo tamén para fritir e incluso para untar sobre pan ou nas coñecidas galletas 'mariñeiras' galegas. Pero as posibilidades gastronómicas van moito máis alá.

O tempo de maduración fíxase a partir de oito días.
​
Combina estupendamente con viños brancos novos, ácedos e frescos, como os Ribeiros ou con tintos galegos novos.

0 Comentarios

'Tetilla', de Lácteos Terra de Melide

11/8/2020

0 Comentarios

 
'Tetilla' de Lácteos Terra de Melide / queixosdegalicia.comQueixo Tetilla, de Lácteos Terra de Melide
​
Queixo: 'Tetilla', de Lácteos Terra de Melide

Procedencia: Orois, s/n 15800 Melide
 (A Coruña)

DOP: Queixo Tetilla

 Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
​​


​
Tipo de queixo//Descrición: Lácteos Terra de Melide fabrica tanto queixo Tetilla como queixo Arzúa-Ulloa. Son, nos dous casos, procesos de produción moi semellantes. O leite e o mesmo, adquirido cada día aos mesmos gandeiros. É certo que cando se fai o 'Tetilla', é preciso que non sexa tan cremoso, xa que perdería esa consistencia da que precisamente fai gala o seu nome. Polo demais, están moi presentes neste  caso a suavidade e a cremosidade, cun sabor intenso a leite.
 
As características deste queixo veñen marcadas polas pautas que impón  o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) do mesmo nome. Pártese exclusivamente de leite, callo, fermento e sal para a elaboración do produto.

A DOP é moi clara, e cosegue baixo a denominación que se obteña unha produción uniforme, pero están logo os matices e as peculiaridades de cada quen. Inflúen  nesas particularidades, o xeito de facer de cada fabricante, sobre todo no que se refire aos tempos. Tamén se utilizan leites distintos. E depende igualmente de factores como unha maior ou menor humidade nas cámaras. O leite, segundo as épocas do ano, aporta variacións que teñen logo a súa incidencia no queixo.

Suxestións de consumo e conservación: Na cociña ofrece este queixo múltiples posibilidades. "Vai con todo", en palabras do fabricante, quen recalca que "funde moi ben", como sucede co Arzúa-Ulloa - que tamén fabrica Terra de Melide- e da "moito sabor". É ideal para cociñar con pastas e carnes ou como ingrediente destacado para facer empanadas. Para un produto que antes só se ofrecía para sobremesa, estase a empregar cada vez máis na restauración, por exemplo, na elaboración de cremas. Para maridar, o fabricante decántase por un bo viño branco galego.

No que se refire a ese aspecto tan fundamental como é o da conservación, ao que se soe prestar en ocasións máis ben pouca moita atención, recomenda este fabricante que se fose posible,o ideal sería que o queixo estivese sempre fóra do frigorífico. Pero sucede que hoxe, a calefacción axuda a que "suen os queixos". Por iso, a recomendación neste caso e que "se está fóra, debe seguir fóra". Un queixo cremoso que se saca da neveira, colle calor e logo, se se volve gardar, perde parte da súa prestancia. "Ao queixo non lle gusta estar pechado", polo que se recomenda  Lácteos Terra de Melide  que, mesmo nas neveiras, conviña porlle unha pequeña reixa ou aireación que permita que o aire circule por debaixo do produto.  Tal como sinala a etiqueta de venda, debe estar entre os 4 e os 8 graos para unha boa conservación. 

0 Comentarios
<<Anterior
Adelante>>
    Logo da páxina Queixos de Galicia  / queixosdegalicia.com

    Queixo a Queixo

    Todos os queixos que se poden atopar en Galicia, un a un, irán aparecendo neste apartado.

    Arquivos

    Mayo 2022
    Enero 2022
    Diciembre 2021
    Junio 2021
    Mayo 2021
    Abril 2021
    Marzo 2021
    Febrero 2021
    Enero 2021
    Noviembre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Junio 2020
    Mayo 2020
    Enero 2020
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Septiembre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Enero 2017
    Septiembre 2016
    Abril 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Noviembre 2015

    Categorías

    Todos

    Fuente RSS

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia