
Queixo: 'Arzúa-Ulloa', de Lácteos Anzuxao
Procedencia: Madriñán, 2
Lalín (Pontevedra)
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tamaños dispoñibles: 800 gramos,
1 quilogramo, 2 quilogramos, 3,7 quilogramos
Tipo de queixo//Descrición: Queixo de pasta branda, de sabor suave e poucos ollos. En liña co resto dos productos da queixería e tamén coas demandas dos seus consumidores, ten algo menos de sal que a maioría dos queixos á venda no mercado. Para a súa elaboración emprégase leite de vaca pasteurizado, procedente de produtores rexistrados na comarca de Lalín. Priorízase o leite de vacas en pastoreo, algo que non fai máis que darlle valor engadido ao produto final, con queixos máis amarelos que melloran a textura e o sabor.
Suxestións de consumo e conservación: Este, como os restantes queixos da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, ten na cremosidade e na suavidade dúas das súas principais características, e convértese en produto para todo tipo de padales (trátase da segunda denominación de orixe que máis vende en toda España). Só a calquera hora do día, para a sobremesa, ou acompañado co tradicional complemento do marmelo. Pero ten tamén, cada vez máis, unha maior aceptación na cociña, onde pode resolver pratos como o mellor dos complementos e mesmo como protagonista. A modo de exemplo, sinala o fabricante que se presta para elaborar unha tortilla francesa, para darlle corpo a unha sopa de verduras ou, se buscamos experiencias novas, para degustalo en compaña dunha boa bica de Trives; haberá que probalo, xa que é recomendación expresa de Lácteos Anzuxao.
A conservación deste queixo atende, como na maioría dos casos, a lugares frescos, como as adegas e, no seu defecto, ao frigorífico, onde é fundamental mantelo protexido -por exemplo, cun pano lixeiramente humectado, para evitar que se reseque, sobre todo se xa está aberto-, coa precaución de retiralo da neveira coa suficiente antelación para que se poida degustar a temperatura ambiente, o que permitirá apreciar plenamente as súas bondades, que non son poucas nos Arzúa-Ulloa.
O queixo 'Arzúa-Ulloa'de Lácteos Anzuxao conta con diversos recoñecementos e galardóns e, desde finais de 2016, este produto dispón do certificado de Galicia Calidade, un selo impulsado pola Xunta de Galicia que destaca a queixería lalinense que lle aporta recoñecemento e un plus de prestixo cara ao consumidor que se comproba alí onde chega o derivado láctep. Do mesmo recoñecemento goza o seu queixo 'Tetilla'.