Hai máis de cincuenta anos que Quesos La Montaña de Entrimo (Ourense) vende os seus produtos. Daquela, o queixo elaborado era o "país de sempre", de diferentes tamaños e de formato invariablemente redondo, sinala a propietaria desta empresa, Manuela María González González. Mudaron os tempos, os formatos e as propostas e hoxe esta empresa elabora unha ampla gama, con novidades como o queixo con arandos, noces pecanas e, sorpresa!, estrugas. Desde 2021 conta cunha tenda de venda 'en liña', coa que abre a porta a clientes de toda a península.
Nos primeiros anos, cando moita xente do rural tiña unha ou dúas vacas, o sobrante do do leite da zona vendíase e esta queixería, que tiña dúas recollidas ao día en Entrimo, Lobios e Lobeira.
Quesos La Montaña está instalada en Ferreiros de Entrimo e ten como zona preferente de distribución a provincia de Ourense e parte da de Ponvedra. Vende os seus produtos en tendas e desde hai anos que traballa en colaboración co Grupo Cuevas, que os ofrece nos seus supermercados.
Un ano con outro, esta empresa utiliza arredor duns 300.000 litros de leite para a elaboración dos seus distintos produtos, entre os que se encontran os xa referidos de estrugas -que se puxo no mercado en 2017- ou o de noces pecanas -máis recente-.
Completan a oferta o queixo Tetilla, o 'país' normal, semicurado e curado e as súas variantes sen sal, así como queixo fundido, relado en po ou elaborado con pemento. Os de máis aceptación son o de estrugas e o 'país' de toda a vida.
A empresa acudíu este ano, por primeira vez, á Semana Verde, fundamentalmente para "darse a coñecer" e "para seguir avanzando no mundo da distribución".