Non debe haber fogar galego no que non entre algunha das súas referencias, e senón ás marcas, presentes en grandes áreas, supermercados e diversas tendas de alimentación. É o caso dos cremosiños 'Nai', 'Plus' e 'A queixeira'; o dos queixos de barra 'Hoxe', 'Neno', 'Neno semigraxo' ou do 'Neno parafinado'; do 'Curado Hoxe' e 'Livián Hoxe'; do denominado 'Lendas do Deza'; e, por suposto, do 'Arzúa-Ulloa Hoxe' e do 'Tetilla Hoxe', acollidos estes dous últimos ás respectivas denominacións de orixe protexida.
A cooperativa comezou a súa actividade no ano 1971, pero non se empezaron a facer queixos ata 1973. Nesta primeira etapa, lembra o seu xerente, o silledense Lito Andión, que arrancou o proxecto cos mellores gandeiros de toda a comarca do Deza. Eran arredor de 250 produtores.
Creóuse a sociedade pola necesidade de vender leite, pero contaba tamén o colectivo con outros servizos. Non en balde se denominaba, entón como agora, 'Cooperativa de criadores de ganado selecto y comercialización de productos agrarios Hoxe'. Os seus obxectivos incluían a compra de gando, de fertilizantes e a comercialización do leite a unha ou varias empresas.
Cando apertaron os tempos de crise no sector lácteo e unha empresa que aínda mantén a súa actividade, deixou de recollerlle o leite, víronse obrigados a elaborar produtos que permitiran seguir comercializando o leite.
Foi entón cando se decidiron a montar a queixería, que lamentablemente, funcionou pouco tempo. Os membros da directiva, co apoio dun técnico, decidiron facer un queixo distinto ao que había no mercado, o queixo 'Jaroslav', que ao parecer se facía nunha zona de Polonia. Era salgado e duro. Todo o contrario ao que se comercializaba en Galicia, polo que tempo despois, debido á mala saída do produto, víronse abocados ao peche da coperativa, camiño de finais dos anos 'setenta'.
A cooperativa deu en creba, e a situación levou á unha división grande e a fortes enfrontamentos pola presidencia. Xusto nese momento, Xosé Pampín, de Vila de Cruces e actual presidente, xunto con outros socios, decidiron comprarlle aos demais a súa parte. O equipo asumiu as débedas existentes e botou a andar de novo o proxecto.
Menos gandeiros, máis leite
'Hoxe' ten unha elevada e variada produción de queixos que en máis dun 95% véndense en Galicia. A fábrica conta na actualidade con moito máis leite, pero con moitos menos produtores que antano. "Cando eu comecei aquí había máis de 200 gandeiros, e recollíase unha terceira parte do leite que entra agora, que aportan uns cen gandeiros", apunta Lito Andión.
A cooperativa adícase exclusivamente á fabricación e venda de queixos, ao verse perdido o mercado do leite pasteurizado fresco, por non poder loitar contra o leite UHT. Algo parecido pasou cos iogures, que aínda que se vendían ben, requerían uns prezos que a cooperativa non era capaz de asumir, igual que pasou no caso do queixo fundido.
Fanse todos os queixos con leite de vaca; nalgúns casos fíxose algún con leite de cabra e de ovella, de dúas explotacións que había en Silleda. Agora, tan só hai un queixo curado que leva un estracto de leite de ovella.
Dez millóns de litros anuais
Anualmente, 'Hoxe' recolle unos dez millóns e medio de litros de leite, que equivalen en queixos a arredor dun millón catrocentos mil quilogramos, o que supón mensualmente a recollida duns 850.000 litros é algo máis de cen mil quilogramos de queixo fabricados. A facturación sitúase nos seis millóns de euros. Sen contar os recolledores de leite, a cooperativa conta cun cadro de persoal na fábrica formado por 26 traballadores.
O 95 % da producción véndese en Galicia e vai en boa parte para Vegalsa-Eroski, Froiz, Gadis e Carrefour, e logo hai tamén distribuidores nalgunhas zonas que lle venden ás tendas.
Na ampla gama de produtos que ofece a cooperativa, os prezos son moi homoxéneos, coa salvedade do queixo 'Lendas do Deza', de maior tempo de curación.
'Hoxe' ten un primer premio ao mellor queixo de España de 2003, pero non participa desde hai anos na Cata de Queixos de Galicia, por entender que a mostra deberíase coller no mercado, afirmando que se están preparando queixos para o concurso, que entende que "está totalmente adulterado". Non obstante, recoñece "o intento" da Xunta do pasado ano para cambiar o procedemento.
Máis que en productos novos, a cooperativa traballa agora na optimización do sistema produtivo, cunha nova cuba, un novo centro de limpeza para facer o lavado de toda a fábrica, a climatización da sala de fabricación ou a recente introdución dunha nova cámara de maduración.