Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Merca Queixo volve gustar na segunda edición

27/4/2026

0 Comentarios

 

Antonio S.  Rocha

A Feira de Queixos de  Pontedeume (A Coruña) volveu lucir esta pasada fin de semana con luz propia, cun amplo repertorio de actividades para todos os públicos e con reclamos  curiosos como os cantos de taberna, catas técnicas das denominacións de orixe galega ou presentacións e degustacións dalgunos dos fabricantes asistentes. E causou tamén especial atención a poxa solidaria de queixos singulares, todo por unha boa causa e mellor destino, a Asociación Española contra o Cancro en Ponteume.

Alguén comentou que con máis -moitas máis- iniciativas como a referida  faise camiño tamén para loitar eficazmente contra a enfermidade, porque o importante neste caso non é xa tanto a recadación -que tamén- como o compromiso adquirido é o exemplo que se dá cara accións futuras.

Na poxa participaron moi activamente tres queixerías, que aportaron os seus produtos. Unha a de Carlos Reixa (Santo André), que achegou unha peza de máis de dez quilogramos e oito meses de maduración da denominación de orixe protexida (DOP) Cebreiro; outra, da queixería arzuana  Galmesán, con sete quilogramos e tres meses de maduración; e a terceira,  un ‘Pata de mulo’ da queixería artesanal  Payuelos (León), de cinco meses de maduración.

Bicos con sabor a requeixo

Xunto cunha remodelación do recinto feiral -na alameda de Raxoi- que lle deu máis amplitude ao público e a os expositores e vendedores de queixo, os visitantes tiveron a oportunidade de saborear e facer un corto pero axeitado brinde ao sol, cun xeado de requeixo, elaborado no concello curuñés da Capela. É só unha das pode que varias ducias de combinacións de marca Bicos de Xeado. As terrinas que se venderon esta fin de semana debéronse achegar a os dous milleiros.

Nesta ocasión, un bo referente do número total de congregados ao peche do encontro é o das rifas por compras entregadas aos asistentes. Foron 7.800 o sábado e 8.900 o domingo. Isto, xunto coa masiva asistencia rexistrada, apunta a que esa cifra de 15.000 do ano pasado puido verse rebasada, segundo Ana Vence, socia da Tenda Campo Capela e membro do Consello reitor da Cooperativa Agraria Provincial, en representación de Bico de Xeado.
​
Tamén volveron repetir e mesmo ampliaron cifras os mellores caldos das adegas Pagos del Rei, Félix Solís e Viña Casa Solís, que convidaron a milleiros de copas de viño, con produtos propios como Rías Baixas, Godello ou Mencía. Segundo o coordinador da área norte de España, Fernando Roca, ata o mediodía do domingo repartíronse de balde máis de 5.000.


0 Comentarios

Expectación esta fin de semana diante de Merca Queixo

24/4/2026

0 Comentarios

 
Feira de Queixos de Pontedeume / queixogal@gmail.com
O ano pasado asistiron 25 queixerías de toda a Península


QdeG

A Feira de Queixos de Pontedeume (Merca Queixo) entra esta fin de semana na súa segunda edición, con moi boas expectativas, xa que o tempo adornará as dúas xornadas, nas que é previsible que se repita ou mellore a asistencia de 2025. O restante queda da man dos organizadores, que volven  propoñer un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos, incluídas as dos máis cativos.

Xunto cunha morea de queixerías en exposición e venda, haberá charlas-degustacións, charlas e maridanzas, cociña en vivo, concertos musicais, cantos de taberna, sorteos, obradoiros infantís ou sorteos de cestas de degustación  de produtos.

A feira de venta de queixos no municipio coruñés de Pontedeume terá lugar na alameda de Raxoi. Participarán fabricantes galegos e do resto de país, así como do veciño Portugal.

A xornada inaugural arrinca mañá, sábado, 25 de abril, ás dez e media, coa apertura da feira. O domingo, 26 de abril,  o feiral bota a andar ás once da mañá.


Programa do sábado

Feira de Queixos de Pontedeume /  queixogal@gmail.com

Feira de Queixos de Pontedeume / queixogal@gmail.com

Feira de Queixos de Pontedeume / queixogal@gmail.com

Programa do domingo

Feira de Queixos de Pontedeume / queixogal@gmail.com


Feira de Queixos de Pontedeume / queixogal@gmail.com
0 Comentarios

O San Simón repite éxito na súa XXX Festa do Queixo

5/4/2026

0 Comentarios

 
G.S.L.

A XXX Festa do Queixo San Simón da Costa non desmereceu das celebradas nos últimos anos, nas que os fabricantes amosáronse satisfeitos, polo que cabe concluír que o éxito segue acompañando este feiral, que conta cunha ampla representación de queixeiros de toda Galicia, así coma doutras autononomías e mesmo de fóra de España. Nesta ocasión abriu tamén un posto a European Cheese Route, asociación de concellos que persegue promocionar o queixo como oportunidade para o desenvolvemento local.

No ano 2024, a Festa do Queixo foi posiblemente a mellor. Houbo sol e os asistentes contáronse por milleiros. As vendas non quedaron atrás. Tamén no 2025, viñeron moitos visitantes e os fabricantes locais fixeron ‘caixa’ igualmente. Esta fin de semana, repetiuse a imaxe, con centos de visitantes degustando os queixos e mercando as mellores pezas, entre unha amplísima gama de referencias.

Mentres o concello vilalbés fala de que se superaron as expectativas, o Consello Regulador da  Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa recoñeceu unhas vendas “espectaculares” durante o sábado, unha referencia que o domingo se repetíu  cando menos no número de asistentes, que na hora previa ao xantar volveron abarrotar a praza, augurando unha edición que podería mellorar a das últimas cinco edicións, segundo Lucía Fraga, secretaria do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa.

Contribuiu ao éxito a aportación do apartado musical, que ten tamén un público ben sólido, sobre todo entre a mocidade. Para a ocasión contratáronse artistas como Mondra e 9Louro que congregaron o sábado a milleiros de persoas.

European Cheese Route

Un dos asistentes á Festa do Queixo foi a European Cheese Route, unha asociación de concellos que persegue promocionar o queixo como oportunidade para o desenvovemento local,  con temas como a cultura e o turismo queixeiros.

A asociación participa nas feiras galegas daqueles concellos que son socios, co que as queixerías constitúense como “embaixadoras dos nosos territorios”, segundo explicou Javier Sánchez, director da secretaría técnica deste colectivo.
​
Actualmente, forman parte do Ruta Europea do Queixo  os concelllos de Arzúa (A Coruña), Vilalba (Lugo) e Vilar dos Santos (Ourense).



0 Comentarios

As Neves coloca na súa Feira do Requeixo un 10% da produción

4/4/2026

0 Comentarios

 
Feira do Requeixo e Mel das Neves / queixosdegalicia.com
Todo preparado este sábado para recibir aos visitantes

A.S.R.

O municipio pontevedrés das Neves transfórmase cada ano durante a Semana Santa na capital do requeixo galego, recoñecemento que comparte a finais do mes agosto co concello coruñés da Capela, que tamén ensalza produto propio, curiosamente, na súa parroquia das Neves. Este venres e o sábado, a Sociedade Cooperativa Condado-Paradanta volveu levar ao evento dúas toneladas de requeixo, o que representa, aproximadamente, un 10 por cento da produción anual.


O requeixo con mel púidose degustar na carpa do recinto feiral a prezos populares (2,5 euros), ou levalo como sobremesa para a casa en paquetes dunha ducia, media ou tres unidades, sen olvidar a tarta fresca de requeixo ou a crema de requeixo.

O mel -o outro produto exaltado estes dous días- con botes dun quilogramo, 400 e 275 gramos, compartiu éxito de vendas, con propostas como a do mel con noces.

Sen variación nos prezos

Desde hai varios anos que o queixo e o mel que elabora a Cooperativa Condado-Paradanta non subiron os prezos, algo que destacou o presidente, Alejandro Martínez, quen dixo ademais que a tendencia é seguir mantendo a produción actual.

Requeixo e mel pódense comprar a través da páxina web da cooperativa, con envíos gratuitos a partir de 50 euros. 

Foto
Requeixo e mel levan a etiqueta de Artesanía Alimentaria

Feira do Requeixo e Mel das Neves /  queixosdegalicia.com
Alejandro Martínez, presidente da Cooperativa Condado-Paradanta

Feira do Requeixo e Mel das Neves / queixosdegalicia.com
As deportistas do Clube de Patinaxe As neves non perderon a ocasión para presentar un posto propio
0 Comentarios

“O queixo do Cebreiro é un orgullo colectivo”

3/4/2026

0 Comentarios

 
​Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela
Feira do Queixo do Cebreiro / queixosdegalicia.com
A pregoeira da festa do queixo deste ano, acompañada no seu discurso polo alcalde local, José Luis Raposo

Gonzalo S. Lourido 

Pedrafita brillou hoxe dobremente, pola celebración da súa feira anual do Queixo do Cebreiro e polo sol, que fixo acto de presencia e ás ledicias de milleiros de visitantes e dos máis de 150 postos de exposición e venda de productos agroalimentarios, que lle deron colorido e prestancia ao encontro. A nota documentada e en clave antropolóxica sobre a montaña lucense e as súas xentes, púxoa a pregoeira, Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo.


Na chaira do recinto feiral, ateigada de visitantantes, disque moitos procedentes de terras leonesas que se achegaron despois de asistir ás procesións da Semana Santa, Carmela López trasladóulle a veciños e visitantes “o valor que ten a xente da montaña”, porque con todas as dificultades do territorio, e deses servizos “que costa tanto traer”, o feito que se “viva aquí”, que se manteña, que se aposte por este produto -en relación co queixo- e por esta terra, “meréceo todo, porque é moi complicado vivir aquí”, reiterou.

Engadiu que a sanidade, a educación e demais servizos que para otras persoas están a dez minutos, “son algo complicado aquí”. “Para min, a xente da montaña mereceo todo, porque é moi complicado vivir aquí, e a xenta aposta polo territorio e por quedarse”, concluíu.

Queixo de primeiro e de sobremesa

Dixo tamén a pregoeira que ela podería vivir “comendo só pan e queixo”, para engadir que nas cousas máis simples esta o esencial, e iso é o que ten o voso queixo, por iso é tan especial”.
Dixo tamén que no rural non é un lugar no que faltan cousas, senón que é un lugar onde están as cousas realmente importantes.

Para a rexedora burelense, o queixo do Cebreiro é "un orgullo colectivo, o voso orgullo e o noso orgullo tamén", como igualmente “unha maneira de dicir quen somos” e “de compartir co resto do mundo o que temos”, argumentou. Por iso, valorou a importancia para un territorio manter celebracións como a de hoxe.

Fóra xa do pregón, Carmela López recoñeceu que o queixo “é o meu alimento favorito”, e que de nena, a súa avoa tiña unha tenda de ultramarinos e vendía todo tipo de queixos galegos. “Ou sexa  que coñezo o queixo desde moi pequeniña”, concluíu. 
​

0 Comentarios

Esta fin de semana, tres feiras e festas do queixo en Galicia

1/4/2026

0 Comentarios

 
Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
Os queixos galegos volverán estar esta fin de semana no escaparate de tres importantes feiras

QdeG

Galicia concentra esta fin de semana tres das súas feiras de queixos, dúas acollidas a algunha das denominacións de orixe protexida (DOP) e a terceira a do requeixo no sur da Comunidade Autónoma. As expectativas son boas, xa que os meteorólogos falan de continuidade do bo tempo. Cada unha delas, por méritos propios, colleitará milleiros de visitantes, aínda que  difíciles de concretar, co que a asistencia mídise máis pola gradualidade dos  ‘cheos’   e pola dimensión das  ringleiras de coches aparcados.


A primeira feira, como tódolos anos, desde hai 37 edicións, e coincidindo coa festividade do Venres Santo,  é a do Queixo do Cebreiro (Lugo), recoñecida como festa de Interese Turístico de Galicia.

A segunda, no concello pontevedrés de As Neves, é a Feira do Requeixo e Mel, que entra neste caso na súa 33 edición. Cadra coa de Pedrafita do Cebreiro, pero amplía a súa celebración ao sábado 4 de abril. Tamén está declarada de Interese Turístico de Galicia.

E pechando a semana, o municipio lucense de Vilalba, capital da Terra Chá (Lugo), celebra a Festa do Queixo San Simón da Costa. O domingo é o día grande, pero o sábado, día 4, tamén haberá actividades lúdicas e gastronómicas. Este queixo afumado fabrícase baixo  a denominación de orixe protexida San Simón da Costa, aínda que estes fabricantes elaboran tamén otros produtos como o  Queixo Tetilla ( Con DOP propia), o tradicional patelo desta zona, o requeixo e cada vez máis especialidades.

Pero cada feira/festa é un mundo, porque, arredor dos queixos locais ou comarcais, chegan cada vez con máis forza outros moitos queixos galegos, e algúns de España e de fóra, co que costa crer que a quen lle guste o produto non remate por mercar unha ou dúas pezas.

Máis feiras

Celebradas xa a Festa do Queixo Arzúa (A Coruña), a Feira de Moeche (A Coruña) e a do Queixo de Friol e Pan de Ousá (Lugo), e deixando  a un lado as dos próximos días,  quedan  pendentes no calendario anual galego a Feira de Queixos de Pontedeume (A Coruña), o 25 e 26 de abril; a Festa do Requeixo da Capela (A Coruña), o 30 de agosto; e a Feira do Queixo do Eume e do Mel de Goente (A Coruña), con data por decidir e que o pasado ano se celebrou o 12 de outubro. 

Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
O venres, en Pedrafita (Lugo), exaltarase o queixo do Cebreiro

Foto
O concello pontevedrés de As Neves celebra o venres e o sábado a Festa do Requeixo e do Mel

Queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
O sábado e o domingo, Vilalba (Lugo) congrega a milleiros de visitantes en torno á Festa do Queixo San Simón da Costa

0 Comentarios

Friol traslada á súa feira o incremento da produción, con 3.000 pezas de queixo máis

22/3/2026

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá / queixodegalicia.com
A asistencia de visitantes pasou dos 20.000

A.S.Rocha
 
​O concello lucense de Friol pechou esta fin de semana a súa feira do queixo e do pan con moito público -máis de 20.000 persoas, segundo as primeiras estimacións-, pero tamén se colocaron nos postos de exposición e venda 3.000 pezas de queixo máis en relación coa pasada edición. O resultado foi o esperado: camiño das dúas e media da tarde xa non quedaba nin queixo nin pan na carpa instalada na praza de Andón Cebreiro. Fóra, na contorna, ducias de postos do máis diverso seguiron amenizando e alixeirando a carteira dos visitantes, desde os postos do polbo á feira ata os de artesanía, roupa ou alimentación.


A 32 edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá volveu render homenaxe a estes dous produtos e xa foi recoñecida hai varios anos como Festa de Interese Turístico de Galicia. Non era doado, pero  isto contribuíu a que se lograse proxectar o encontro fóra da Comunidade Autónoma. A modo de exemplo, o alcalde local, José Ángel Santos, puxo a chegada ao feiral -despois do mediodía- de dous autobuses de Asturias. “Antes iso non sucedía, porque pode que a feira non fose dabondo coñecida fóra”, dixo.

Aumentou o número de visitantes e tamén o número de pezas á venda. Aínda que o concello non ten datos concretos sobre a produción de queixo no municipio, sinalou o rexedor municipal que, da produción láctea, “entre un 10 por cento e un 15 por cento vai destinado á elaboración do queixo”.

Foron 42 as queixerías asistentes,1.000 as pezas de pan expostas e vendidas e os queixos chegaron aos 13.000, uns 3.000 máis que en 2025.

Un decreto “paraugas”

En relación con que se o decreto da Xunta que regula as denominación xeográficas de calidade do sector alimentario satisface as expectativas do queixo de Friol, José Ángel Santos sinalou que está a repercutir positivamente “dalgún xeito”, pero “nós temos un problema”, porque no territorio está implantada a denominación Arzúa-Ulloa e, como están moi próximos, “Friol non ten territorio suficiente para ter unha denominación propia”, argumentou.
​
Na súa opinión, o decreto tiña que “especificar un pouquiño máis ou, incluso, darnos cobertura; que nos dera un paraugas legal para poder optar a esa denominación”, concluíu.



0 Comentarios

​Máis xente, máis queixo e máis vendas na feira de Moeche

15/3/2026

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Moeche /  queixosdegalicia.com
A partir do mediodía resultou difícil achegarse aos postos de venda, abarrotados de xente

A.S.R.

Desde o mediodía ata a hora de xantar, cando os visitantes empezararon a mudar de escenario, a nave na que se celebrou a VIII Feira do Queixo de Moeche foi un fervedoiro de xente. Todos interesados, uns por degustar produtos tan suxestivos como diversos -algún novos- e outros por aprovisionamento e para facer ideais as sobremesas no tránsito cara a primavera. O resumo do resumo está en que a esta edición acudiu máis xente, houbo máis queixo e as vendas medraron.


Os primeiros datos apuntan a que as queixerías venderon máis que na edición de 2025, dato contrastado a pé de posto de venda e coas enquisas feitas polos organizadores,  e que se apoia, por exemplo en que, ás tres da tarde, houbera xa produtores que venderan xa todas as existencias.
 
A alcaldesa do Concello coruñés de Moeche, Beatriz Bascoy, considera que o ano pasado marcou unha inflexión na asistencia de visitantes, que agora se mellora, con aportacións como a novidade de contar co Mercado de Artesanía Agroalimentaria da Deputación da Coruña.

Na súa opinión, a proposta supón a incorporación de novos postos que axudan a consolidar a feira e que supón tamén un aforro nos gastos do concello, ao asumir actividades que non pasaron desapercibidas por os visitantes, que encheron tamén  a carpa montada para a ocasión.

Tamén estivo atestada de xente a nave destinada a xantar, con centos de quilogramos de polbo  fervendo nas potas. Un dos tres panadeiros que acudiu ao feiral votou contas e concluíu que ao longo da xornada as vendas andarían polas 300 pezas de pan, das grandes, das de mollar, de Palas de Rei.

Entre os productos novos, descatou desta volta o queixo afumado -tamén de barra- de Lácteos de Moeche, así como un produto moi especial que fai Quesos Feijoo para algunhas feiras e en cantidades moi cativas, un queixo dun padal comparable  á   tetilla, boa tetilla, a de toda a vida, pode que como aquela que de cando en vez celebraba  Álvaro Cunqueiro  cando lle chegaba como agasallo da man dalgún amigo, se acaso, no coche de liña ou no da feira.                                                                                        

Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.comFoto
Lácteos de Moeche presentou na feira varios formatos de queixo afumado

Foto
Quesos Feijoo presentou para a ocasión varias ducias de 'Tetillas' que fixeron as delicias do público


Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.com
O Rexo, vendeu os seus tradicionais queixos maduros elaborados con leite cru de ovella e de vaca
0 Comentarios

35 fabricantes este domingo na VIII Feira do Queixo de Moeche

13/3/2026

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.comFoto
Quesos Feijoo, de Celanova, un dos 33 fabricantes que acudiron ao feiral en 2025
QdeG

Un total de 35 fabricantes participarán este domingo na VIII Feira do Queixo de Moeche. Na mostra, que os queixeiros consideran xa a efectos de vendas como unha das máis importantes que se celebra na comunidade autónoma, conta ademais con 32 expositores de produtos agroalimentarios.


Desas 35 queixerías, 20 son galegas e 14 proceden de distintos puntos de España. Haberá tamén un posto que ofrecerá queixos de Italia, Francia e Suíza,  co que o abano é amplo e ben representativo para os que gustan deste produto.

Como xa aconteceu na 51 Festa do Queixo Arzúa, entre as novidades deste feira destaca a presenza do Mercado de Artesanía Agroalimentaria da Deputación Provincial da Coruña.

O cociñeiro André Arzúa, promotor do centro gastronómico ‘Espazo abella’, realizará demostracións culinarias e a banda De Ninghures porá o peche musical á feira.
​
Polo demais, as actividades paralelas serán múltiples e para todos os públicos,  con catas, obradoiros, visitas ao castelo de Moeche ou a posibilidad de acudir a este evento anual desde Ferrol no ‘tren do queixo’, que lle facilita o transporte cada ano por estas datas ao concello coruñés a centos de visitantes.

Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.com
O queixo local Lácteos de Moeche, na feira do ano pasado
0 Comentarios

40.000 visitantes na 51 Festa do Queixo de Arzúa

2/3/2026

0 Comentarios

 
Festa do Queixo Arzúa / queixosdegalicia.com
A Festa do Queixo Arzúa, en plena ebulición, xusto cando a policía recalcou insistentemente ter "man da carteira"
QdeG

O concello coruñés de Arzúa congregou durante a pasada fin de semana camiño dos 40.000 visitantes na Festa do Queixo, segundo a estimación dos organizadores, que contaron coa axuda do tempo como gran aliado. Os efectos do sol levaron ao remate a un balance “moi positivo” e a cifras récord de participación, se se deixan a un lado os resultados do ano 2025 -no 50 aniversario do feiral, no que a cifra chegou ata os 50.000-.


Resultados extraordinarios como os do ano pasado e o ‘boca a boca’ entre os fabricantes de queixo fixo que nesta ocasión acudiran a Arzúa por primeira vez algúns queixeiros galegos que coincidiron en siñalar que as ventas chegaron a duplicarse e mesmo a triplicarse en relación con otras feiras galegas.
​
De feito, superáronse tamén as marcas nas solicitudes de queixerías e dos postos exteriores, ata o punto de que algún fabricante non puido chegar a instalar un punto de venda por falta de espazo. Do mesmo xeito, houbo un gran impacto nas vendas e moitas queixerías esgoraron o produto.

O éxito foi igualmente total no que se refire á asistencia ás catas e á cocina en vivo (coas 500 prazas cubertas e lista de agarda).

A programación musical, infantil e as actividades exteriores contaron tamén cunha gran afluencia de público, co que consideran os organizadores que a Festa do Queixo se consolida como unha das citas gastronómicas e culturais máis relevantes de Galicia.

Máis cifras

En total, foron admitidas 77 queixerías, ás que se uniron outras nove convidadas da Ruta Europea do Queixo, mailos catro postos institucionais.  Os noventa espazos de exposión, venda e promoción do produto ocuparon toda a pranta baixa do recinto feiral interior. A certas horas da mañá, as aglomeracións diante dos postos de queixo foron unha constante, como tamen a vixilancia e as múltiples advertencias da Policía Local e da Garda Civil para ter “man das carteiras”.

Para o exterior, rexistráronse máis de 215 solicitudes de postos de alimentación, gastronetas, artesanía e propostas multisectoriais, a cifra é a máis alta da historia da festa, o que obrigou a ampliar o percorrido, coa incorporación de novas rúas para darlle resposta á elevada demanda, pero mantendo os mesmos criterios de calidade e seguridade. A programación completouse co mercado da Deputación da Coruña 'A paisaxe que sabe', que aportou 24 postos de venda adicionais adicados aos produtos de próximidade.




0 Comentarios
<<Anterior
    Logo Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina web

    Autor

    Blog de novas de actualidade do portal web queixosdegalicia.com



    Conselleria do Medio Rural / queixosdegalicia.com

    Galicia Calidade / queixosdegalicia.com


    Archivos

    Abril 2026
    Marzo 2026
    Febrero 2026
    Enero 2026
    Diciembre 2025
    Noviembre 2025
    Octubre 2025
    Agosto 2025
    Julio 2025
    Junio 2025
    Abril 2025
    Marzo 2025
    Diciembre 2024
    Octubre 2024
    Agosto 2024
    Junio 2024
    Mayo 2024
    Abril 2024
    Marzo 2024
    Febrero 2024
    Noviembre 2023
    Octubre 2023
    Agosto 2023
    Junio 2023
    Abril 2023
    Marzo 2023
    Febrero 2023
    Diciembre 2022
    Noviembre 2022
    Octubre 2022
    Septiembre 2022
    Agosto 2022
    Julio 2022
    Junio 2022
    Mayo 2022
    Abril 2022
    Marzo 2022
    Febrero 2022
    Diciembre 2021
    Octubre 2021
    Septiembre 2021
    Julio 2021
    Marzo 2021
    Diciembre 2020
    Octubre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Julio 2020
    Mayo 2020
    Abril 2020
    Febrero 2020
    Enero 2020
    Diciembre 2019
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Abril 2019
    Marzo 2019
    Febrero 2019
    Enero 2019
    Diciembre 2018
    Noviembre 2018
    Octubre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Mayo 2018
    Abril 2018
    Marzo 2018
    Febrero 2018
    Enero 2018
    Diciembre 2017
    Noviembre 2017
    Octubre 2017
    Septiembre 2017
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Mayo 2017
    Abril 2017
    Marzo 2017
    Febrero 2017
    Enero 2017
    Diciembre 2016
    Noviembre 2016
    Octubre 2016
    Septiembre 2016
    Agosto 2016
    Julio 2016
    Junio 2016
    Mayo 2016
    Abril 2016
    Marzo 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Diciembre 2015
    Noviembre 2015
    Octubre 2015
    Septiembre 2015
    Agosto 2015
    Julio 2015
    Mayo 2015
    Abril 2015
    Marzo 2015
    Febrero 2015
    Diciembre 2014


    Categorias

    Todos
    Agricultura-ecoloxica
    Cata Dos Queixos
    Concurso De Pinchos
    Cooperativa Caprina Gallega
    Craega
    Ecolóxicos
    García Baquero
    Inés Abril
    J. A. Fernández
    Javier Piñeiro
    Palas De Rei
    Portomeñe
    Produtos Ecolóxicos
    Queixos Da Chaira
    Queixos Ecolóxicos


    Fuente RSS


Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia