No acto de entrega dos premios, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos premiados da cata deste ano como a proba de que no rural galego hai oportunidades e que “segue a ser un espazo xerador de riqueza e emprego", dixo.
Participaron nestas nova edición 59 queixos, 24 de Queixo de Tetilla, 22 de Arzúa-Ulloa, dez de San Simón da Costa e tres de Cebreiro. As catro denominacións de orixe galegas colocaron no mercado en 2013 case cinco millóns de quilos de queixo, o que supón aproximadamente o 25% da producción autonómica, cun volume de facturación de 32 millóns de euros.
Excelencia e calidade
Durante a entrega dos premios da XVII Cata dos Queixos de Galicia e da XIII Cata dos Meles de Galicia, que este ano rexistraron un récord de participación, Feijóo afianzou o compromiso da Xunta na mellora da produtividade, competitividade e posta en valor dos produtos do sector. “Estamos comprometidos coa mellora da produtividade, coa transformación, coa comercialización e coa promoción dos produtos do sector agroalimentario”, manifestou.
Recalcou tamén o titular do Goberno Autonómico a excelencia e a calidade dos produtos galegos que "ofrecemos aos visitantes", argumentando que a enogastronomía é o segundo motivo polo que os viaxeiros escollen Galicia e apuntou que, segundo as enquisas, un de cada tres turistas asegura que a gastronomía é o principal factor de atracción da comunidade autónoma.
Cata a cegas
Esta cata a cegas anual de queixos de Galicia está organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas catro denominacións de orixe protexidas. Celebrouse na tarde do mércores 3 de novembro e na mañá do xoves 4. O sistema de cata a cegas garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos premiados non se coñeceron ata hoxe, día da entrega de premios.
Doce expertos en análise sensorial encargáronse de escoller os mellores queixos das catro Denominacións de Orixe Protexidas (D.O.P.) recoñecidas en Galicia. Neste grupo de catadores, ademais de varios membros do panel dos queixos de Galicia e mestres de hostelería, había escritores expertos na arte da gastronomía e cociñeiros e cociñeiras especialistas en pratos elaborados cos queixos obxecto da cata, algún deles con estrela Michelín incluída.