A 49 Festa do Queixo culminará na primeira fin de semana de marzo en Arzúa un ano de traballo para exaltar o produto, cuxas credenciais falan dun recoñecemento que o sitúa como o de maior produción de queixo de leite de vaca de Galicia e como a segunda Denominación de Orixe Protexida (DOP) de España, por detrás da do queixo manchego. Onte presentouse o programa completo da festa, que nos grandes números resúmese en 53 queixerías e 68 expositores no recinto Feiral Terra do Queixo; e no plano musical nun abano que inclúe o sábado, 2 de marzo, os grupos: Tu Futura Exmujer, La Plazuela, Arde Bogotá e Grande Amore; e o domingo: De Vacas, Guadi Galego e Fillas de Cassandra.
Queixo e música, esa é a proposta principal, aínda que hai unha manchea de actividades máis que comezan xa o lúns, 26 de febreiro, coas catas comentadas de Queixo DOP Arzúa-Ulloa. O martes, día 27, están programados dous obradoiros en centros educativos. O xoves, 28, haberá unha 'masterclass': Paraísos da Arzúa-Ulloa. E o venres será tempo de resolver o concurso de tapas e petiscos Festa do Queixo, que organiza a DOP e establecementos hostaleiros da vila.
Pregón de María Vázquez
O sábado, 2 de marzo, ás once e media da mañá, a actriz viguesa María Vázquez dará o pregón e, pola tarde, o Festival do Queixo encherá o Campo da Feira de Arzúa de boa música.
Ás dez da mañá do domingo, 3 de marzo, abrirá o recinto feiral, ao que 53 fabricantes levarán sabor e variedade á primeira festa de exaltación de 2024 dun queixo galego. Nove queixerías pertencen á DOP Arzúa-Ulloa, coa presenza tamén das outras tres denominacións de orixe galegas (Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Igualmente, hai unha zona reservada para seis fabricantes co certificado de Produtores Lácteos Tradicionais (TPL) e estarán presentes o Concello de Boimorto e a Asociación Melide Terra Doce.
A proposta complétase con queixos recoñecidos procedentes de Francia e Italia, así como outros de Asturias, Aragón, Baleares, León, A Mancha ou Estremadura. E logo, boa música, ata pechar a xornada.
Falta de apoio institucional
A presentración da Festa do Queixo estivo presidida polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, que recalcou o apoio da Deputación da Coruña ao evento, cuns 30.000 euros, e a falta de colaboración da Xunta. Augurou o rexedor que Arzúa vai estar "chea a reventar".
Asistiu tamén o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (CRDOP) Arzúa-Ulloa, José Luis Lamas; o director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso; o concelleiro de Cultura arzúan, José Luis García; e unha das estrelas do festival, Guadi Galego.
A artista cedeirense mostrouse "convencida" de que non vai chover nos concertos da fin de semana, aínda que os asistentes estarán a cuberto, para que poidan disfrutar dunha oferta musical que se pregoa aberta, gratuíta e de calidade.