A XI Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente non desmereceu moito das de edicións anteriores e, parte dos asistentes, que tiveron propostas moi variadas para pasalo ben e facer algunhas compras, montaron corros durante parte da mañá diante das evolucións didáctico-culinarias dun recoñecido cociñeiro -Antonio Díaz-. Houbo degustacións, tapas e petiscos para os interesados en coñecer as novidades do chef. Na elaboración das receitas non faltou nin o queixo nin o mel.
E no recinto cuberto desta parroquia do concello coruñés das Pontes -por mor da ameaza da choiva que case sempre soe acompañar a celebración- ducias de postos de venta acapararon a atención dos compradores e curiosos que, en función das súas preferencias, mercaban aquí, petiscaban alá ou reclamaban acolá información dos produtos. Expuxéronse, por exemplo, fungos tan solicitados como os níscalos (lactarius delicious), cantarela (cantharellus cibarius) e a lingua de vaca (hydnum repandum).
Entre os queixos, ademais dalgunha representación da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa ou das terras luguesas de Friol, a marca local: Queserías del Eume vendeu as súas especialidades, algunhas galardoadas en repetidas ocasións; a última co Cincho Internacional de Prata 2022, celebrado en Zamora.
Nesta ocasión non houbo os típicos e máis que coñecidos e solicitados freixós -do que se lamentaron moitos visitantes-. Á hora de valorar sobre o número de asistentes, Queserías del Eume achacou esa certa redución a que todos os anos "se fixeron os freixós na carpa e, este ano, non". Haberá freixós na próxima feira?.