Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Máis de 30.000 visitantes acabaron en Friol coas existencias de queixo e pan

27/3/2023

0 Comentarios

 
Feira do Queixo e Pan de Ousá / queixosdegalicia.com
No recinto feiral vendéronse entre 14.000 e 15.000 queixos e camiño de 5.000 pezas de pan
Antonio S. Rocha

Non é novidade que na Festa do Queixo de Friol e Pan de Ousá se esgoten os dous produtos que cada ano se poñen á venda no recinto feiral. Este domingo (na XXIX edición) pasou igual, co que se cumpriron as expectativas e, as dúas e media da tarde, "non había nada que vender", en palabras do alcalde do municipio, José Ángel Santos. Así que, o que chegou tarde daquela terá agora que acudir aos fabricantes ou deixarse ver por feiras, mercados e establecementos da comarca onde o tradicional segue a ter lugar preferente.

Cumpríronse as expectativas e mellorouse a marca no número de visitantes, que o pasado ano chegaron aos 30.000 e que nesta edición crese que houbo máis, a xulgar pola información manexada pola Policía Local que, entre a unha e ás dúas e media da tarde, tivo que atender un certo colapso circulatorio, en boa medida provocado polos condutores que saían para xantar na súa casa e, se acaso,  encetar bola de pan de Ousá e na sobremesa un queixo dos de sempre.

Do recinto feiral sairon onte domingo, entre 14.000 e 15.000 queixos, e entre 4.500 e 5.000 pezas de pan. O incremento dos prezos, nun e noutro caso, parece que non tivo repercusión á hora das vendas.  A suba -que no caso dos queixos pódese situar entre 1,80 e 2 euros- vai parella ao incremento experimentado na elaboración do produto, segundo lembrou o rexedor friolés.

Festa de Interese Turístico Galego

José Ángel Santos ve tamén positivo o Decreto de artesanía alimentaria, non só para o queixo e o pan deste municipio, senón para Galicia, xa que pon en valor os produtos do agro e do mar feitos de xeito tradicional.

Tamén argumenta que o queixo de Friol está nunha "fase distinta" á de pensar nunha denominación de orixe protexida propia e que a proxección  vai "por outro camiño distinto". Sinala, neste senso, que o feiral estrea o distintivo de Festa de Interese Turístico Galego e que se pensa agora en que poida ter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.
​
Pero non todo foi este domingo queixo e pan. Na feira déronse cita tamén outros produtos artesanais e textiles, carnes, embutidos e un longo etcétera de propostas para a casa ou o agro. E ocuparon moitos metros cadrados igualmente as mesas corridas repletas de comensais dispostos a repoñer forzas. 
Feira do Queixo e Pan de Ousá / queixosdegalicia.com
Casa Zolle, en plena exposición e venda dos seus produtos este domingo

Feira do Queixo e Pan de Ousá /  queixosdegalicia.comFoto
Lácteos Conchy vende os seus últimos queixos. Camiño das dúas e media da tarde, será difícil xa conseguir algunha peza.

Feira do Queixo e Pan de Ousá / queixosdegalicia.comFoto
Pode que algunha das pezas de Teresa Fernández Lea espere algún tempo para ser degustada con calma

0 Comentarios

A Feira do Queixo volve con forza en Moeche

26/3/2023

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.comFoto
Ata o feiral achegáronse 28 queixerías, 18 de Galicia e dez de fóra. Na imaxe, 'Brigantia'
A.S.R.

O municipio coruñés de Moeche recuperou hoxe domingo o pulso da súa Feira do Queixo, despois de tres anos sen celebrarse polos problemas de todos coñecidos provocados pola pandemia. A pouco de comezar o encontro, foi xa preciso xa reforzar o servizo de autobuses para recoller aos visitantes que utilizaron o denominado Tren do Queixo, con saída de Ferrol ás once menos cuarto da mañá e regreso pola tarde en tres tandas, a partir das 14 horas.

Non volveu defraudar -desde logo- o público visitante, "ávido" e "desexoso" de participar no encontro, despois de que en 2020, a tres días da súa celebración, tivese que suspenderse", segundo lembrou a alcaldesa da localidade, Beatriz Bascoy.

Para a rexedora municipal unha das bazas importantes foi, nesta edición que se acaba de pechar,  a variedade de queixos artesáns e a calidade, procedentes de  Galicia e dalgúns puntos do Estado. De fóra, repetiu o 'gamoneu', de Asturias, e acudiu como queixería convidada Goine, de Guipúscoa, coas súas propostas de 'idiazábal'.

Á espera da cifra das vendas

Haberá que esperar para as estimacións do público asistente, que nunha anterior edición estivo en arredor dos 5.000 visitantes. Adiantou Beatriz Bascoy que para este ano, trabállase cunha ficha de avaliación para ter as cifras de vendas. O dato podería estar dispoñible este mesmo luns.

En total foron 38 os postos acollidos na nave cuberta, deles 28 queixerías (18 de Galicia e dez de fóra). Durante a xornada houbo unha visita guiada ao Centro de Transformación Agraria A Fusquenlla,, catas comentadas por Alejandro Montes, actuacións musicais ou obradoiros infantís de cerámica e de elaboración de queixo.

Feira do Queixo de Friol / queixosdegalicia.com
'Gaia', aportou ao feiral diversas especialidades do seu queixo de cabra

Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.com
A Cooperativa do Campo Capela trouxo propostas como o queixo con leite crú ou o agasallado queixo mouro

Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.com
Santo André vendeu en Moeche as súas variedades de 'cebreiro' fresco e curado
0 Comentarios

"Estamos en boa posición para seguir medrando"

9/3/2023

0 Comentarios

 
​Xosé Luis Carrera Balín, expresidente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa
Foto
Despois de 24 anos á fronte do Consello Regulador Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carrera deixa a presidencia
Xosé Luis Carrera Balín / queixosdegalicia.comXosé Luis Carrera anunciou a súa renuncia na presentación da 48 Festa do Queixo Arzúa
​
Antonio S. Rocha

Despois de 24 anos de andaina á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carrera Balín déixalle o testigo a Luis Lamas Costa, da queixería curtiense (A Coruña) Queinaga. Carrera, que seguirá xestionando a fábrica Arqueixal (en Palas de Rei-Lugo), valora o crecemento sostido do queixo emblemático  da comarca arzuana y das terras da Ulloa e o feito de que se manteña como a segunda DOP española en produción, despois da que xestiona o queixo manchego. Esta é, sen dúbida, unha boa posición que axudará a "seguir medrando", sinala.

Pregunta.- Deixa vostede a presidencia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa cadrando coa celebración da 48 festa de exaltación do produto…
Resposta.- Si, é a última etapa. Prográmanse as últimas eleccións ao consello, co que xa me retiro, despois de 24 anos. Nestas primeiras semanas de marzo xa se vai constituír o pleno do consello regulador.

P.- O feiral de exaltación do queixo vai camiño do medio século. No tempo que leva á fronte da denominación cal foi a súa evolución?
R.- Nós empezamos a certificar no ano 1998 e eu collín a presidencia no 1999, co que case todo o percorrido da denominación de orixe fixémolo nós, non desde que se constituíu, pero si desde que empezamos a certificar.

P.- Daquela acadaron xa esa segunda praza na produción dos queixos españois con denominación?
R.- Non, daquela non, pero tardamos moi pouquiño. A partir do 2004 ou 2005 xa pasamos a ocupar esa segunda posición.

P.- Agora, cando deixa a presidencia, ao Arzúa-Ulloa aínda lle queda moito por crecer?
R.- Ben, o crecemento sempre foi sostido. Estamos medrando un tres, catro ou cinco por cento, que nalgún ano foi un dez. E estamos en boa posición para seguir medrando un pouco. E creo que vai ser a propia inercia  a que turre, tal como se están a facer as cousas, presentando unha boa calidade de produto e unha boa promoción.

Os datos de 2022

P.- Cales son os datos de 2022?
R.- Son un 5,2 por cento de crecemento, superando os 4,2 millóns de unidades e arredor dos 4 millóns de quilogramos.

P.- Que en termos económicos supoñen…?
R.- Pois estamos falando duns 28 millóns de euros.

P.- Subiron os prezos e co incremento hai zonas en Galicia que teñen problemas de abastecemento de leite para a produción de queixos.
R.- Cando hai escaseza de leite, nós temos os nosos provedores. Pero se hai que incrementar algo a produción, ás veces, os  provedores están collidos noutras empresas que non son de Arzúa-Ulloa, senón de leite líquido, e costa facerse con produtores, por que cando hai falta de leite cada un retén os seus produtores. Entón, ás veces podemos ter escaseza, pero ata agora non freou o crecemento, porque, á vista está, se medramos un 5 por cento e houbo materia prima dispoñible. Pero si que é un problema que pode estar en ocasións aí, sobre todo, cando coa escaseza os prezos se disparan.

P.- De maneira que o que paga máis…
R.- Claro, pero a denominación de orixe tamén ten que ter moita conta, por que as veces non dá soportado o prezo que lle ten que pagar ao produtor para repercutilo no prezo final co que vende no mercado. En moitos casos, había xente que se tiña un contrato asinado con algunha cadea de distribución, e logo o prezo do leite era moito máis caro; e case lle compensaba non producir máis queixo. Ao menos temporalmente, por que non podía manter os prezos que tiña pactados coa distribución. Ou sexa, que isto ás veces pode ser un dilema. Pero é algo que hai que ir sorteando.

P.- Esta escaseza, por diversos motivos, padécena, por exemplo, os fabricantes da denominación San Simón da Costa…
R.- Na nosa denominación pode haber o problema que comento. Ou sexa, que materia prima haina. Pero outra cousa é que estea dispoñible, porque,  ás veces, cando hai escaseza de leite, todo o mundo quere reter aos seus provedores. Entón, en ocasións hai dificultades, por que cos teus provedores tes un prezo, pero hai que pagar moito máis por aqueles que están con outros clientes, co resultado xa sinalado na repercusión do produto final.

Vendas sostidas

P.- Os queixos subiron ata dos ou tres euros por quilogramo, por peza. Repercutíu isto nas vendas?
R.- Non. Mantemos as vendas a pesar dos incrementos. Pero o que si é certo e que esa suba para as queixerías supuxo repercutir o prezo da materia prima que se mercaba e non por outros conceptos como a man de obra, ou a suba da luz… Axustamos os prezos dabondo para que non se disparen no mercado.

P.- Como a suba é xeralizada para todo o sector, pode que se notase menos…
R.- Ao final, se os nosos queixos suben pero tamén o fan demais, seguimos mantendo o nivel de clientes que tiñamos.
​
P.- Aínda así, o queixo está caro?
R.- Non, non está caro. Encareceron máis outras cousas. Hai outros produtos que  subiron máis que o Arzúa-Ulloa. 


0 Comentarios

Arzúa: queixo e pentagrama

5/3/2023

0 Comentarios

 
48 Festa do Queixo Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
Asistencia de visitantes hoxe, cara ao mediodía, no recinto feiral 'Terra do Queixo'
A.S.R.

O municipio coruñés de Arzúa volveu pechar a festa de exaltación do seu queixo cun cheo total; e co cartel de 'non hai entradas'. Cheo total nas múltiples convocatorias programadas para este fin de semana, que, a xeito de resume,  poden concretarse no abarrotamento do recinto feiral 'Terra do Queixo'. O cartel de 'non hai entradas' -tamen habitual cada ano- foi para o amplo abano de artistas que congregaron ás súas parroquias de afeccionados, desde Leilía ou as Tanxugueiras ata Muchachito Bombo Infierno ou Sidecars.


Non é nada novo, queixo e música danse a man desde hai anos con éxito e complementariedade  aseguradas en Arzúa, sen que o pentagrama lúdico lle faga sombra ou lle reste protagonismo ao cantar gastronómico.

Na evolución da produción de queixos, as cifras falan de seu. Segundo os datos da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, no ano 1998 foron 1.188.000 os queixos contraetiquetados, cun total de 1.500.000 quilogramos elaborados. O pasado ano chegaron a 4.247.000 queixos (case catro millóns de quilogramos).

En total, dende o inicio do contraetiquetado dos queixos Arzúa-Ulloa, a denominación leva case 70 millóns de queixos certificados, que supoñen máis de 71 millóns de quilogramos. O crecemento é sostido -con crises ou sen elas- e o último dato fala dun 5,2 por cento máis de produción.

Un custo de arredor de 200.000 euros

E por seguir con cifras importantes: xestionar unha festa como a que se clausura hoxe e que impulsa o concello de Arzúa, ten un custo de arredor de 200.000 euros,  que está craro que ten un efecto multiplicador na economía local. Está logo o posicionamento desta Denominación de Orixe Protexida entre ás do conxunto do Estado, xa que é a segunda en vendas, despois da DOP Queso Manchego.

E se acaso, nesta edición, un lamento dos organizadores para a colaboración institucional, que no caso da Administración autonómica resúmese en 10.000 euros (da Consellería do Medio Rural), dos que di o Concello arzuán que, no presuposto xeral de toda a Festa do Queixo -duns 200.000 euros-  "non é nada" xa que "non dá apenas para pagar os estánds".
​
48 Festa do Queixo Arzúa / queixosdegalicia.com
As estimacións falan de máis visitantes e máis vendas de queixo que na pasada edición
0 Comentarios
    Logo Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina web

    Autor

    Blog de novas de actualidade do portal web queixosdegalicia.com



    Conselleria do Medio Rural / queixosdegalicia.com

    Galicia Calidade / queixosdegalicia.com


    Archivos

    Abril 2025
    Marzo 2025
    Diciembre 2024
    Octubre 2024
    Agosto 2024
    Junio 2024
    Mayo 2024
    Abril 2024
    Marzo 2024
    Febrero 2024
    Noviembre 2023
    Octubre 2023
    Agosto 2023
    Junio 2023
    Abril 2023
    Marzo 2023
    Febrero 2023
    Diciembre 2022
    Noviembre 2022
    Octubre 2022
    Septiembre 2022
    Agosto 2022
    Julio 2022
    Junio 2022
    Mayo 2022
    Abril 2022
    Marzo 2022
    Febrero 2022
    Diciembre 2021
    Octubre 2021
    Septiembre 2021
    Julio 2021
    Marzo 2021
    Diciembre 2020
    Octubre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Julio 2020
    Mayo 2020
    Abril 2020
    Febrero 2020
    Enero 2020
    Diciembre 2019
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Abril 2019
    Marzo 2019
    Febrero 2019
    Enero 2019
    Diciembre 2018
    Noviembre 2018
    Octubre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Mayo 2018
    Abril 2018
    Marzo 2018
    Febrero 2018
    Enero 2018
    Diciembre 2017
    Noviembre 2017
    Octubre 2017
    Septiembre 2017
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Mayo 2017
    Abril 2017
    Marzo 2017
    Febrero 2017
    Enero 2017
    Diciembre 2016
    Noviembre 2016
    Octubre 2016
    Septiembre 2016
    Agosto 2016
    Julio 2016
    Junio 2016
    Mayo 2016
    Abril 2016
    Marzo 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Diciembre 2015
    Noviembre 2015
    Octubre 2015
    Septiembre 2015
    Agosto 2015
    Julio 2015
    Mayo 2015
    Abril 2015
    Marzo 2015
    Febrero 2015
    Diciembre 2014


    Categorias

    Todos
    Agricultura Ecolóxica
    Cata Dos Queixos
    Concurso De Pinchos
    Cooperativa Caprina Gallega
    Craega
    Ecolóxicos
    García Baquero
    Inés Abril
    J. A. Fernández
    Javier Piñeiro
    Palas De Rei
    Portomeñe
    Produtos Ecolóxicos
    Queixos Da Chaira
    Queixos Ecolóxicos


    Fuente RSS


Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia