Porque a venda directa xa non importa tanto como a posibilidade de fidelizar ao cliente e educar, na medida do posible, os padais dos menos iniciados, abrindo novas propostas de consumo e gastronómicas. As catas comentadas, as intervencións de avezados cociñeiros ou novos produtos que lle dan ao queixo un papel relevante que antes quedaba para as sobremesas, non fan máis que gañar adeptos. Pero non cabe dúbida tampoco de que a degustación a pé de caseta feiral segue a ser un bo reclamo para atraer aos amantes do queixo.
E como en anos anteriores, xunto coa actividade de venda dos postos, fixéronse propostas interesantes, como a da 'Hoxe', queixería lalinense que ademais de catas comentadas dalgúns dos seus produtos, presentou unha cata-maridaxe con tres sidras elaboradas na Estrada.
Outra das novidades foi a presentada pola Sociedade Cooperativa Galega Condado-Paradanta, da man do cociñeiro e directo colaborador desta empresa Fran Sotelino. Presentou cremas centradas no requeixo das Neves (Pontevedra) que poderán mercarse axiña, incluída a vía dixital, xa que a referida cooperativa prepara unha páxina web que facilitará a compra dos seus produtos.
Este domingo, a modo de avance, presentouse na Semana Verde unha crema con guacamole, maionesa, requeixo e chile jalapeño. Asegurou o impulsor da cooperativa, Alejandro Martínez, que os mestres queixeiros que probaron o requeixo das Neves aseguran que se trata dunha gran pasta aceda, coa que se poden facer moitas cousas.
A oferta en materia de queixos galegos gañou igualmente coas propostas que presentaron a Cooperativa de Productos Campo Capela, Daniberto, Cooperativa Caprina, Dona Cobina, O Casal, Queinaga, Barral, Don Crisanto e Brigantia. Non faltou tampouco a liña de produtos lácteos de Larsa, que inclúe, xunto con iogures e leite, os seus queixos.
128.000 visitantes
Ao peche da edición este domingo da XLII edición da Semana Verde, informou a organización que desde o xoves ata hoxe acudiron ao certame 128.066 visitantes, aos que lle hai que sumar algúns que se achagaron a través de determinadas entradas de autobús (uns 2.000) e tamén nalgúns automóbiles.
Tamén se procura neste caso -como se ve- andar cos tempos no reconto de asistentes, xa que o feiral contou nesta ocasión cun sistema de cámaras con 'software' intelixente situadas nas seis entradas do recinto que lle permitiron á organización obter as referidas cifras de asistencia.