Esta semana celébranse en Santiago a XXV cata dos queixos e a XXI cata dos meles de Galicia. Desenvólvense do mércores 23 ao venres 25 de novembro, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela. Nas catas de queixos competirán un total de 30 fabricantes, pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida, con 43 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e a categoría Arzúa-Ulloa curado, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro.
Este certame agroalimentario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agaca), dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras (Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro).
No caso dos meles, concursan 20 industrias, que inscribiron un total de 33 meles nas categorías monofloral e multifloral Así, algo máis da metade das industrias inscritas na IXP participarán neste certame, mentres que que a porcentaxe de empresas que participan nas catas en relación coas queixerías inscritas nas DOPs é do 81%.
Paneles de cata
O persoal da Agacal, en colaboración cos conxelllos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías as catas, nas que se escollen os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.
O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos expertos téñense en conta criterios como a súa formación, coñecemento no sector, experiencia en catas, representación de asociacións de restauradores e catadores ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.