Os cursos de análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) entran nuns días na súa terceira edición. Serán catro accións formativas impartidas pola catadora Salomé Beiroa en distintos puntos da xeografía galega en setembro e outubro. Dúas xornadas centraranse na iniciación e as outras dúas na formación complementaria. O obxectivo é “que as persoas vencelladas ao sector e á industria agrogandeira adquiran ou melloren competencias para poder elaboraren mellor os seus produtos”, resume a formadora.
Dado o importante aproveitamento desta formación que nas pasadas edicións obtiveron os máis de douscentos alumnos que preparou Salomé Beiroa, en 2022 propuxo de novo retomar a actividade, que está financiada con fondos europeos (Feader) así como pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Tamén colaboran os catro consellos reguladores dos queixos galegos con DOP, así como outras entidades.
Destinatarios e obxectivos
Calquera persoa vinculada ao sector agrogandeiro, produtores, elaboradores e industria transformadora poden inscribirse gratuitamente nesta actividade, non só quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén os produtores lácteos, comercializadores e outros. “Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del á industria”, argumenta Salomé Beiroa.
Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Neste sentido, a catadora apunta que “temos catro tesouros” que divulgar, en referencia ás catro DOP. Nas sesións formativas abordaranse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.
Programación e inscricións (gratuítas)
Esta terceira edición comezará coas sesións de formación complementaria, dirixidas a aquelas persoas que realizasen xa a inicial ou ben que dispoñan de coñecementos en análise sensorial. A primeira data será a dos vindeiros días 12 e 14 de setembro en Lalín e o 19 e 21 dese mesmo mes en Sergude (Boqueixón). Se ben, para a iniciación, as datas previstas son o 3 e 5 de outubro en Lalín e o 17 e 19 en Sergude.
O alumnado interesado en participar poderase inscribir, sen custo ningún, a través do enlace https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas. Debe seleccionarse a provincia -Coruña para Sergude e Pontevedra para Lalín-, o tipo de formación como presencial e o curso 'formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos con DOP', se é esa a que se quere realizar, ou 'Iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con DOP' no caso de non ter participado en anos anteriores.
A proposta pretende achegar á industria e ao sector agroalimentario aos queixos galegos con DOP (San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla).