A Semana Verde de Galicia (Silleda, Pontevedra) pechou as súas portas, cunha asistencia -nunha primeira estimación- de 100.648 visitantes (95.042 en 2022). Entre o xoves e o domingo pasados, o recinto contou con 740 expositores e entidades de dez países. A eles sumáronse 361 marcas comerciais representadas que, xunto coas empresas presenciais, ampliaron a procedencia a 24 países neste encontro multisectorial. E non volveron faltar os queixos, cunha representación significativa dos galegos, e con algunhas novidades que os amantes do produto valoraron e agradeceron.
Se o pasado ano propostas como o queixo con estrugas de Quesos La Montaña de Entrimo (Ourense) sorprenderon ao público, nesta ocasión Casa Zolle, de Friol (Lugo), destacou cun queixo de leite de vaca cru con pimentón picante de La Vera (Cáceres), mentres que Queixos Castelo de Brañas (da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro) achegou un curado, que engade ao fresco de sempre. Larsa expuxo a crema de queixo San Simón afumado, produto de moita aceptación que empresa promociona actualmente.
Houbo outras propostas, como a de Queixería Gaia (Vilar de Santos, Ourense), que foi un paso máis alá do seu queixo de cabra, para convertelo en delicatessen elaboradas con pesto, trufas, arandos, noces e mel ecolóxica, mazás ou castañas. Por non falar dos recoñecidos queixos de CampoCapela, que traballa agora, xunto co concello coruñés da Capela, na tradicional festa do requeixo de agosto do municipio coruñés. Abriu tamén posto de exposición e venda Quesos La Montaña de Entimo.
Queixos 'añejos', ecolóxicos, multipremiados
E pola banda da Terra Chá, presentou exposición no recinto feiral de Silleda a Queixería Don Crisanto, cun 'añejo' da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, difícil de atopar en ocasións pola súa limitada produción.
Cabe reflectir tamén neste último caso, o 'rédito' desta fábrica vilalbesa derivado do recoñecento hai varios anos do seu San Simón da Costa e do seu queixo madurado de vaca como os mellores de España.
Unha vez máis, volveron acudir ao recinto feiral fabricantes como Dona Cobina (Agolada, Pontevedra), que ofreceu produtos ecolóxicos -incluíndo queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa- elaborados con leite cru-; ou queixería Queinaga, que conseguiu dúas medallas de ouro na ultima Cata dos Queixos de Galicia.
Houbo outros expositores -seguindo os datos da organización da Semana Verde- . Foron a queixería Brigantia (San Sadurniño, A Coruña); Restrebas (Monfero, A Coruña), especializada na podución de requeixo; Queserías del Ulla (Vedra, A Coruña); e Lácteos Anzuxao (Madriñán/San Adrián, Pontevedra).