O sábado 18 de abril, ademais da emisión el directo do programa 'Aquí Galicia', da TVG, e a actuación de dúas orquestas con motivo da promoción turística do municipio, ofrecéuse na Praza do Concello, as oito e media do serán, unha degustación de queixo e produtos da zona, para rematar cun concerto as dez da noite na Praza de Galicia.
O recinto feiral abriuse o domingo as dez da mañá e as doce e media deu o pregón o ex conselleiro e ex senador Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que converteu a súa intervención nun acto de recoñecemento das queixeiras ulloanas.
Á unha da tarde procedéuse ao nomeamento dos membros da Encomenda do Queizo da Ulloa, co ingreso nesta ocasión, ademais do pregoeiro, do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e do responsable do grupo García Baquero, Miguel Ángel García Baquero. Todos eles, como leva aparellada a distinción, comprometéronse a defender e degustar o queixo Arzúa-Ulloa sempre que teñan ocasión.
Concurso de pinchos e tapas
Tamén o domingo, á unha e media da tarde, tivo lugar a entrega de premios aos gañadores do concurso de pinchos e tapas. A pulpería Casa Camiño foi o establecemento gañador do concurso, que organizou a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa , como acto complementario ao feiral.
O pincho, denominado 'Un celta na terra da Ulloa' foi o merecedor da puntuación más a elevada do xurado, que estivo formado polos profesores do Instituto de Educación Secundaria de Foz Conchi Carreiras Vizoso e Juan Luis González Rivero, pola cociñeira María Pampín Penas, por Divina Agra Soengas en representación do Concello de Palas de Rei, e polo xerente do consello regulador, Óscar Pérez Ramil.
O segundo posto foi para 'Porco, pataca e mel', da Parrillada Ponterroxán, mentres que en terceiro lugar quedaron os 'Buñuelos de queixo Arzúa-Ulloa con xarope de fresa e golpe de canela', do Albergue Buen Camino.
Os doce establecementos de hostalería da vila de Palas de Rei que participaron, elaboraron as súas creacións con queixo cedido gratuitamente polo consello regulador.
Este feiral celébrase cada ano de xeito rotativo polos tres concellos lucenses amparados pola Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla.