José Antonio Fernández Álvarez, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia
Sinala o presidente do Craega que hai uns anos estimábase que entre un 60% e un 70% dos produtos ecolóxicos ía para a exportación. Pero cre que hoxe está a aumentar o consumo interior. Hai moito percorrido aínda para pasar dos dos 21 euros por consumo por habitante en España aos máis de 160 de Dinamarca, ou os 160 de Luxemburgo. Neste proceso, os queixos ecolóxicos galegos non poden facer máis que gañar en marcas, en produción e en consumo interior.
Que representa en termos relativos a produción da agricultura ecolóxica respecto do conxunto do agro galego?
A superficie agraria útil no último estudo que se fixo con carácter europeo fala de España, e no caso de Galicia entendo que estamos no medio da táboa dos consellos reguladores, que estaba por enriba do 6 por cento da superficie agraria útil certificada como agricultura ecolóxica.
Neste contexto, cal é o papel dos productos lácteos en xeral e da elaboración de queixo en particular?
O consello creouse en base á produción selvícola de horta. O primeiro regulamento de produción ecolóxica que saiu foi para producir os vexetais. No 2001, a Unión Europea aprobou outro regulamento para as producións animais e é a partir de aí, xa no ano seguinte, é cando se empezan a inscribir explotacións gandeiras. E un grupo destas explotacións gandeiras, non moi grande, pero si bastante potente en produción, fixo que desde hai moitos anos sexa o principal producto de facturación do consello regulador o producto lácteo e derivados.
Quen entra neste tipo de produción é para quedar?
Cando é unha explotación pequena pode ser que empece e que vexa que non é viable e que o deixe. Pero estes son casos residuais, o normal e que a maioría estean cunha liña de produción ecolóxica, que normalmente continúan. Pero tamén pode ser o caso de que, por cambio de mercado ou outras razóns, abandoen. Non obstante, cos crecementos que estamos a ter, cada ano poderíase dicir que están sendo redisuais os casos dos que abandoan. A maioría das explotacións teñen unha liña de explotación ecolóxica.
A máis industrialización hai máis problemas para optar pola modalidade da producción natural, primeiro coa cota láctea, e logo coa súa desaparición?
Non entro en estatísticas, pero supoño que se dará unha situación similar a cando falaba da inscrición destas explotacións, aínda, que xa digo, son explotacións importantes. Naquel momento, estaban as cotas lácteas, con explotacións que ou se hipotecaban e compraban cota para poder vender ou se reestruturaban. Eu creo que as explotacións que están con nós o que fixeron foi seguir avanzando pero sen comprar cota. Se unha vaca dá 40 litros, pois baixa e pasa a dar 20 litros. Aumentarían as vacas e a superficie e quedarían coa cota que tiñan naquel momento. Entendendo que lles foi moi factible, porque non tiveron que facer este desembolso de cartos. Que pasa hoxe?, hai explotacións que están deixando de recoller o leite; non sei se é unha solución ou non. O que está claro é que as nosas explotacións non están tan dependentes como unha pequena parte desas de Galicia que prácticamente dependen todo do exterior na súa produción.
Como ve o problema dos baixos prezos do leite?
Como xa dixen, moitas empresas teñen unha liña ecolóxica, pero o que é certo é que a meirande parte os produtores e industrias ecolóxicas confían plenamente nos ciclos pechados. Unha gran base confía na venta directa ou nesa venta en mercados. E algúns dos nosos produtores non lle digas de vender a unha gran superficie porque non o van facer. E certo que os nosos produtos empezan a verse en todos os lineais das grandes superficies, pero a base da cultura ecolóxica, nun principio, sempre foi esa, a venda directa, eliminar intermediarios e non estar suxeito a que outros che estean a dicir o como tes e o que tes que facer.
Desde o Craega como se defende ese valor engadido dun queixo elaborado sen nengún artificio e seguindo unhas pautas que o converten en máis apetecible pero tamén en algo máis caro?
En Galicia e en España eu creo que hai un problema de concienciación cara ao consumidor, porque non se lle está a explicar todo o que lle pode aportar ese produto. Porque hai moita xente que xa di que cando compras un producto ecolóxico é tan importante o que que deixas de comer como o que comes. Existen estudos ao respecto. María Dolores Raigón, que estivo nunha xornada con nós, hai unhas semanas, leva feito uns estudos parametrizados, que non se pode dubidar deles. Ela traballa moito con productos vexetais e di ao comparar un producto ecolóxico e outro convencional, que os primeiros teñen un 30% máis de sustancias beneficiosas para noso organismo que os segundos. Ademais, están exentos dos típicos residuos de pesticidas, nitratos e un montón de produtos máis que che están contaminando o corpo. Entón, ela di que se contas cun produto ecolóxico, aínda que puidera ser un 30% máis caro, estas consumindo os mismos nutrientres que os dun convencional un 30% máis barato e estás deixando de consumir eses productos non beneficiososos para o organismo. Iso por un lado. Logo está a conciencia medioambiental. En Europa é un factor moi importante á hora de consumir productos ecolóxicos.
Como está a ser esa evolución cara ao ecolóxico?
Creo que foi a finais do ano pasado cando o ministerio do ramo fixo un estudo para analizar como os consumidores normais se comportaban cos produtos ecolóxicos. Nese estudo saía que gran parte da poboación española consumía produtos ecolóxicos, algúns sen sabelo, porque xa están nos lineais, cunha boa presentación e cun bo prezo, e que este consumo ia medrando cada vez máis. Outro estudo, igualmente recente e que a nós nos toca moito, sinala que España é o país que máis hectáreas ten certificadas da Unión Europea. Pero, por exemplo, Dinamarca estaría con máis de 160 euros de consumo anual por habitante, seguida de Luxemburgo, con casi 160 tamén, e España queda nos 21 euros por consumo por habitante. En Suíza habería que multiplicalo por 10 en relación con España, con 210 euros. Neste aspecto, imos un pouco atrasados respecto a Europa. Os europeos consomen e producen, sobre todo consomen, porque a maioría das nosas producións estanse a exportar. Isto danos un indicador do que vai vir.
Estanse a exportar queixos ecoloxicos galegos?
Si que houbo negociacións e si que estiveron saíndo. Pero nos controlamos a produción de principio a fin, pero non recollemos os datos, por dicilo dalgún xeito, do que se vende en Galicia, en España e en Europa.
E hai queixerías exclusivamente ecolóxicas?
Si. Un exemplo, unha de San Simón da Costa é exclusivamente ecolóxica e outra creo que se está á inscribir ou xa está inscrita en productos ecolóxicos. E, aínda que de pequena produción, creo que hai algunha máis.
A Xunta sacou non hai moito un decreto que, entre outras cousas, fala da obligatoriedade da etiqueta nos queixos...
Eu, o único que pido, é que se aplique ese decreto. Que non sexa un decreto para sacalo, que estea aí habendo feiras con produtos sen etiquetar ou que non se lle fagan inspeccións a esa xente. Iso non me parece nada lóxico. Paréceme perfecto que se empece a regular, pero que se aplique o decreto.
Cal e a media na que se incrementa o prezo dun queixo ecolóxico sobre un tradicional?
Ao meu parecer, e no caso concreto dos queixos, non podo falar dun tanto por cento, o que se pode falar e de que é algo mais caro. Hai que pensar, por exemplo, no caso da gran distribución, que decide nun momento dado por de oferta eses queixos e que o produtor vai pagar a metade da oferta. Esa é unha das fórmulas que utilizan con frecuencia. Entón, o que podo dicir é que ten que ser máis caro. Máis caro, falando no caso do queixo, porque ten que pagar unha certificación, que é cara. No noso Consello Regulador hai 12 persoas traballando, ás que lle hai que pagar. Están ademais os gastos que se orixinan; temos que facer moitas análises e a propia certificación cóstanos moitísimos cartos... É un sistema moi complexo. Nós temos que facer unha visita obrigatoria a todos os medios de produción, máis un tanto por cento bastante elevado de visitas aleatorias sen previo aviso. Iso por un lado. Por outro, e volvemos ao caso do leite, non é na fabricación onde se encarece o producto, pero si na produción. Así, unha vaca que pasa de dar de 40 litros a 20 non é por un capricho, é porque a esa vaca non se lle pode dar a mesma cantidade de penso, aínda que existan pensos que son iguais que os convencionais, porque eses cereais para facer ese pienso encarecen moito esas fórmulas. Por exemplo, no caso do millo ou a soia, coa contaminación transxénica fai que haxa que traela de países de fóra da Unión Europea, cun encarecemento brutal. Entón, se estás encarecendo o pienso, poñamos por caso, un 20 por cento, lóxicamente, hai que trasladado ao leite. Normalmente, o que se fai e darlles menos cantidade para eliminar algúns deses gastos, pero tamén che baixa a produción. De todos modos, é máis caro. A limitación de vacas por hectárea, a propia produción da forraxe aquí, ao non poder utilizar produtos químicos como os demais produtores, porque básicamente o que se utilizan son fósforos, ou sexa, minerais naturais-, os tratamentos das vacas..., todos esas cousas fan que o litro de leite teña que ser máis caro que co producto convencional.
O consumidor de produtos ecolóxicos ademais de preocupado pola calidade, pola exquisitez ou pola saúde, soe estar compremetido tamén en terreos como o mediambiental?
Eu coñezo xente comprometida, cando o consumidor está moi formado. Pero cando non é así, é máis doado marealo. Vas a un supermercado, empezas a ver etiquetas e saes dalí coa idea de que xa non compras, porque o que a tiche interesa, ou realmente non se le ou as veces mesmo non o pon. O que digo, aínda que é unha cousa que non está probada, é que cada vez temos máis consumidores que se preocupan pola súa saúde. E consumidores que teñen nenos pequenos e que o que dicía antes do 30 por cento vitaminas e productos beneficiosos para a nosa saúde si que lles preocupa. E preocúpalles moito non contaminar aos seus fillos. Xa non digo de cancro pero as alerxias da poboación, de onde veñen... Aínda que non haxa estudos, porque nos non os podemos pagar e porque desde o outro lado, como é o caso dos insecticidas e da venda destas sementes que traen estas multinacionais que pagan estudos para criticarnos e non nos dan afundido aos da produción ecolóxica, como é o caso dos transxénicos tamén, hai xente que empeza a facerse preguntas. E ti ,un día, óuvelas e segues memorizando que si eu estou consumindo productos que foron producidos deste xeito o lóxico é que parte deses productos queden no meu organismo e que deriven a certas situacións, a certas enfermidades. E de aí eu creo que estamos a conseguir moitos consumidores.
Hai axeitada e suficiente información para incitar á xente a consumir estes produtos; onde están as garantías?
A agricultura ecolóxica sempre se fundamentou na súa venda directa. Moita da produción véndese a clientes habituais. Hoxe vas a un supermercado e o máis normal é ver verduras, hortalizas envasadas. Eses produtos teñen todas as garantías. Nós temos outro sistema de venda que ao mellor os consumidores non o saben. E como teñen ese costume de comprarlle a xente xa coñecida, non lle fai falta. Pero se vas a unha tenda destas e pides que che acrediten que é un produto ecolóxico, vanche dar un volante de certificación dese produto. Una vez que o comerciante firma ese volante, ti vas tranquilo para a casa. O que pasa é que por comodidade, nunca se pide.
No caso dos produtos ecolóxicos, as garantías de control multiplícanse...
O noso control vai desde a semente, que ten que ser ecolóxica, ata onde se sementeou. Incluso sabemos cando se recolleu..., o control e total.
Pasa como coa trazabilidade da carne...
Claro, cando ese producto fose para un plato de quinta gama, todos os pasos que leve teñen que estar certificados. E ao mellor hai catro ou cinco persoas que moveron ese produto. Todos os pasos deben estar certificados e controlados.
As ventas destinadas ao exterior que importancia teñen?
Para a Unión Europea non se pode dicir, porque non sabemos o que facturan o resto dos produtores , porque non se especifica o queda aquí ou canto sae. As facturas non se analizan ata ese punto. Estábase a falar hai uns anos de que se exportaba entre un 60 e un70% , pero eu creo que está descendendo. Está aumentando o consumo interior.
Como se presentan as previsións de cara ao corto e medio prazo na proxección das vendas en ecolóxico?
Despois da crise, que entendo que empeza a quedar un pouco atrás, o certo é que todos os anos estamos crecendo na facturación un 15%, un 20 %. Isto danos unha idea de como van evolucionando as cousas. Se falamos que noutros países da Unión Europea se está a multiplicar por cinco, por oito, o consumo por habitante, imaxínese cando un consumidor español consuma 150 ou 170 euros.
No caso dos queixos ecolóxicos como está a evolucionar a demanda de cara ao resto de España?
Hai xente que está pensando en se se inscribe ou non, e estanse a facer estudos de mercado. Creo que no caso do queixo é unha cousa relativamente fácil de facer, ten que ser un pouco máis caro, pero creo que vai afectar tamén un pouco no rendemento do queixo. Se compras un leite con máis graxas, con máis vitaminas, pois, ao final, vai ter menos perdas en soro á hora de facelo e, en calidade, indudablemente, ten que ser mellor. Eu creo que o queixo ecolóxico é un produto que ten moito que crecer.