Arzúa celebra os vindeiros 4,5 e 6 de marzo a súa 47 Festa do Queixo. Despois de moitos desacougos e incertezas e dunha edición -o ano pasado- que quedou nunha celebración dixital, en 'streaming', o econtro volve ás rúas e será o máis parecido posible "ao normal", segundo anunciou esta semana o alcalde do municipio coruñés, José Luis García, na presentación do evento.
Para lograr este obxectivo, se algunha partida orzamentaria se incrementa este ano é a da seguridade. Haberá polo tanto, controis de entradas e saídas ao recinto Feira Terra do Queixo e unha limitación de asistentes más reducida, pero os concertos seguirán sendo gratuítos. E, na rúa, tamén se contará con reforzos importantes, por exemplo, de axentes das policías municipais da contorna.
Este ano, a presentación da Festa do Queixo celebrouse a poucos quilometros de Arzúa, na Queixería Verbas (Granxa A Curiscada-Burres) , na que se elabora un queixo con leite crú, á espera só do visto e prace oficial da Administración para respaldar o queixo artesanal que xa fabrican co amparado, agora, Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
56 postos con queixos
Na festa instalaranse 56 casetas para a venda de queixo, ademais doutras dez para expoñer produtos diversos. A entrada ao recinto feiral Terra do Queixo estará controlada para manter en todo momento o máximo permitido de asistentes, polo que haberá un único acceso de entrada e saída.
Acudirán, ademais de queixerías das catro denominacións de orixe protexida (DOP) galegas, outros recoñecidos queixos chegados de Francia, Italia, Asturias, Aragón, Baleares, León, A Mancha ou Estremadura. Os anfitrións aportan 12 queixerías da DOP Arzúa-Ulloa, xunto a outras seis con certificado de Produtores Lácteos Tradicionais (PLT). Tanto os queixos industriais como os artesanais e o resto dos productos alimentarios contarán co obrigatorio rexistro sanitario.
No primeiro andar celebraranse as actividades infantís do Pequequeixos, un concurso de escritura e haberá diversas sorpresas.
Festival do Queixo
As condicións de acceso polo miúdo ao Festival do Queixo pódense atopar na páxina número 30 do programa aínda que, a grandes rasgos, haberá que reservar entrada; pero todos os concertos seguiranse celebrando baixo carpa, e serán de balde.
Neste caso haberá tamén limitación de entrada, estimada actualmente en 1.000 persoas por concerto, que poderán estar de pé, pero usando sempre a máscara. E non haberá mostradores para o consumo de bebidas, nin se poderá acceder ao interior con elas nin con comida.
Adiantou o alcalde -que compareceu xunto coa conselleira de Cultura, Aurora Varela,- que a reserva de entradas para pregón, o sábado ao mediodía, para a actuación do 'Queixo maquetón' -que terá lugar a continuación- e para a sesión vermú (o domingo), realizaranse nas oficinas de Cultura do Concello. Para os concertos da noite do sábado terase que reservar a entrada para cada un deles 'online' en www.ataquilla.com.
Charlas e encontros sobre os queixos, exposicións, concurso de tapas e petiscos, catas comentadas ou os premios 'Arzuáns do ano 2021', constitúen outros dos atractivos destes tres días intensos de festa, cun pregón que ofrecerá a médico viguesa Susana Rodríguez, campioa paralímpica en Triatlón en Tokio, catro veces campioa do mundo e dúas veces campioa de Europa.