G. S. Lourido
Para os amantes do queixo, poucas experiencias tan gratificantes despois dun xantar frugal como atacar na sobremesa un requeixo dos de sempre con mel ou marmelo, ou con algo tan sinxelo como un chorreón de viño tinto. Para a ocasión, o concello pontevedrés de As Neves pon a materia prima o venres e o sábado desta semana. Iso e unha feira na que non falta de nada, incluído un cociñeiro dos que fan parroquia a pouco que se remanguen.
Pois si, o chef Iñaqui Bretal, do restaurante pontevedrés o Eirado da Leña, estrella Michelín e integrante do Grupo Nove, será o encargado de porlle solfa gastronómica á XXIX Feira do Requeixo e Mel das Neves. Será o o día de Venres Santo, ás doce da mañá, unha hora despois de que se abra o encontro.
Ao longo do día hai moitas propostas, animacións musicais, a entrega dos Premios do Concurso de Receitas con Requeixo das Neves, unha actuación infantil ou actividades para a mocidade. E xa que logo, despois dunha xornada gastronómica ao gusto de consumidores e petos, unha regalía para os oídos como a actuación de Guadi Galego, aló polas nove do serán.
E o sábado, 16 de abril, volta a empezar, coa apertura da feira as 11 da mañá, cunha xornada técnica sobre o mel a cargo de Adolfo González, un 'vermú' musical e un concerto. E ás sete, de volta á casa, cada un con quen veu, iso si, con agasallos e reservas de requeixo para chegar sen sobresaltos ao fin da Semana Santa e á volta ao traballo.