Entre as novidades deste ano -ademais da asistencia ao feiral da denominación de orixe asturiana Gamonéu- destacou a alcaldesa a presenza de máis queixerías que na anterior edición, algunhas delas cun curto pero máis que interesente percorrido, como é o caso da queixería de Guitiriz (Lugo) Biscato, cun queixo moi especial que haberá que ir descubrindo, e que foi un dos que hoxe vendeu todo.
Reclamos importantes foron os obradoiros para os máis pequenos, que puideron experimentar no campo da cerámica, con máis actuacións musicais que en 2018. E concentraron tamén a atención dos asistentes as catas de queixos.
Pero houbo máis novidades, como a presencia do queixo Galmesano (Arzúa/A Coruña), que se puxo no mercado no 2017 e que viña ao feiral a facer unha promoción que rematou a media xornada co cartel 'fin de existencias'.
Queixo ecolóxico local
E dentro do panorama local, houbo propostas importantes tamén, xa que Lácteos de Moeche presentou un queixo ecolóxico, acollido no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega). Trátase, en palabras da rexedora municipal, "dun éxito", ao lograr un queixo ecolóxico feito con leite dunha gandaría do municipio (Lavandeira) que acadou o certificado de leite ecolóxico, o que interpreta como un "unha alegría e un plus" xa que, ademais dos sesenta anos que leva Lácteos Moeche elaborando produtos no concello, estase a enriquecer con este recoñecemento "o sector lácteo noso", sinalou.
Valorou a alcaldesa a importante resposta dos visitantes pola mañá -co respaldo do bo tempo- e recalcou que o feito de programar actividades pola tarde, permite encher novamente o recinto feiral (de 1.200 metros cadrados) , non na mesma medida de horas antes, pero si coa intensidade suficiente para manter visitantes e actividades de todo tipo que teñen na gastronomía e na proxección do sector lácteo a clave do encontro anual.
A importancia da innovación e das vendas no exterior
E un dato tan novidoso como importante, o alcalde da localidade asturiana de Onís, José Manuel Aveledo Viesca, invitado hoxe á feira en representación dun queixo tan emblemático como o Gamonéu, sinalou que Galicia ten potencial para producir queixo e comercializado e que co respaldo da Administración " ten que saír máis ao exterior", dixo, para recalcar que na súa estancia en Galicia, viu nos queixeiros galegos unha importante cualidade "á innovación".