Este docente estivo en Monterroso sete anos, como profesor e director do instituto local. E no pregón falou da lembranza que ten do municipio, da acollida que lle deu toda a xente da zona e dos alumnos, aos que reñeceu entre os asistentes - a man alzada- en pleno pregón, e dos que dixo "que lles ten especial cariño". Bo anfitrión, e mellor divulgador do queixo, asevera que sempre o regala cando ten ocasión.
E falou igualmente o pregoeiro da súa relación co produto motivo de exaltación, "porque na miña mesa, o queixo da Ulloa sempre estivo presente". Tanto, que lembrou para a audiencia do recinto feiral que ía co seu avó mercar o queixo a Palas de Rei no 'SEAT 850' e que había, sempre, "un poco de queixo na mesa despois das comidas".
Cultura romana
Gómez Vila argumentou -fóra xa do pregón- que a cultura que expandiu comer o queixo foi sempre a dos romanos, e que, nese sentido, "eu sempre me considero moi romano" polo que "na miña mesa sempre hai queixo e, cando poido, sempre lle regalo queixo aos demais".
Se a este profesor da Universidade de Santiago lle fixeran unha oferta para cambiar un Arzúa-Ulloa por outro queixo dunha denominación de orixe galega (San Simón da Coste, Tetilla ou Cebreiro), bromea sinalando que a proposta tiña que ser "moi ventaxosa para aceptar", porque "o meu avó sempre viña buscar queixos a Palas", para engadir que "polo, tanto, eu sigo a tradición de meu avó".
Coidado coa etiqueta
A normativa recolle que dentro do recinto feiral non pode haber queixos sen etiqueta, co que esta ano, en Monterroso, estivo todo en regra, segundo sinalou o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DOP) Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carrera Valín, quen insistiu que no recinto feiral non pode haber queixos que incumpran esa norma.
Advertiu que "sempre estamos enriba disto" e que a primeira condición que se pide nas feiras que afectan á denominación nas que participan como co-organizadores ou como colaboradores de forma activa é que todo produto cumpra obrigatoriamente o requisito. Todo isto pasa nas feiras, "nas que nós controlamos como denominación de orixe", asegurou.
En todo caso, dixo Xosé Luis Carrera que a presencia de queixos sen etiqueta e, polo tanto, sen control, é cada vez menor, aínda que recoñeceu que é algo que "debería ir máis rápido do que pensamos", pero que "aí andamos", porque é algo que, polas súas consecuencias, pode ser constitutivo de delito.
Trátase dun problema no que as distintas admistracións, e tamén a propia denominación de orixe, teñen a súa responsabilidade, aínda que avanza o presidente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa que é "un camiño que temos que percorrer" e que o produto debe estar perfectamente etiquetado, "o que non lle quita nin lle pon ningunha calidade", conclúe.