Hai arredor dun ano, e como un produto orientado fundamentalmente á exportación, saíu da fábrica, en Cuntis (Pontevedra) o 'Palo Santo al vino Albariño'. O obxectivo era dar ideas ás demandas dos consumidores de fóra, interesados en novas propostas, con queixos semicurados, neste caso de vaca.
Casan e casan ben, e entenden os seus impulsores que van ser parella para quedar no mercado. Na enquisa rápida cara aos amantes dos queixos, fálase de que se trata dun produto semicurado, cremosiño, que deixa un regusto moi suave ao Albariño, e que como pasa no caso do propio queixo 'Palo Santo', parece non cansar.
Desde que saíu á venda, foron facéndose probas diversas, na busca dun sabor óptimo, e chegouse á conclusión de que a partir dun mes ou mes e medio, o viño Albariño empezaba a notarse cunha suavidade 'intensa' no queixo.
Prezo
É, sen dúbida, un traballo ben feito, que segue a gañar adeptos nun comercio tan interesante como o exterior. E o prezo é tamén moi competitivo, posto que para os consumidores do 'Palo Santo' ten esta variedade un coste engadido dun euro ou pouco máis por peza. Ou sexa, que se está a falar de sete euros no primeiro caso e oito ou oito euros e cincuenta céntimos,como moito, no caso do 'tocado' con ese efluvio dun caldo das ribeiras vitivinícolas galegas polo que devecen mercados como o dos Estados Unidos.
Do produto gustan tamén outros como o madrileño ou o catalán, amplos e con significativa presenza galega. Hai que adaptarse as propostas e demandas que vaian xurdindo. Pero este queixo ten tamén moito percorrido no mercado galego, aínda que as expectativas estean encamiñadas cara países interesados por produtos novos e atrevidos, capaces de seducir aos mellores padales.
Parece que están feitos un para o outro, pero o certo é que o binomio Palo Santo-Albariño, debe gañar, se cabe, cunha botella do caldo cambadés, ou con calquera outro das Rías Baixas. Non en balde, chega a denominación do mesmo nome ata o municipo de Cuntis.
Do Albariño ao chocolate?
Se queixo e viño tan singulares se levan ben, hai probas e proxectos na Central Lechera Gallega que falan de investigacións en asociacións como a do queixo co chocolate,as olivas ou o xamón. Non é nada novo isto da innovación, porque así se tentou xa nos inicios da empresa láctea.
Nas instalacións faise tamén queixo da denominación de orixe Tetilla e, non hai queixo Arzúa-Ulloa porque, non hai moito, cando se ampliou ata a Estrada a denominación, "nos rezabamos para que ampliara ata Cuntis", lamenta a xefa de compras de Central Lechera Gallega, Estefanía Rozados. Ampliouse á zona do Deza, ata a Estrada, "e quedamos fóra por doce quilómetros, sabendo que había aquí, en Cuntís unha empresa láctea", engade.
Sinala Estefanía Rozados que este queixo sen denominación mantén o nome de "queixo do país", que se vende co nome de 'San Paulín', un dos queixos da fábrica que goza de maior aceptación.