O encontro, no que se entregaron tamén as distincións de ouro para a XVI Cata dos Meles de Galicia, celebrouse en Vilalba (Lugo), nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen garantiu o compromiso co sector agroalimentario galego por medio do Plan de promoción da calidade agroalimentaria 2020, para que o sector siga medrando e para que Galicia se poida consolidar como "sinónimo de calidade", dixo. Engadiu que esta iniciativa conta cunha dotación de 34 millóns de euros.
Ademais de impulsar -a través das denominacións de orixe e identificacións xeográficas- o crecemento dun sector fundamental para o desenvolvemento do rural, Núñez Feijóo sinalou tamén que dito plan ten en conta a necesidade de loitar contra a competencia desledal, facendo especial fincapé na importancia da correcta identificación dos productos, algo que as propias D.O.P. dos queixos demandan especialmente.
Pratas e bronces
Entre os mellores queixos de 2017, por decisión dun experto equipo de catadores, houbo distincións tamén de prata e de bronce, e diversos diplomas. Na categoría de prata están Casleiras (D.O.P. San Simón da Costa), Gran Despensa -Real Abadía de Samos (D.O.P. Cebreiro), Bo Queixo (D.O.P.Tetilla) e Castillo de Pambre (D.O.P. Arzúa-Ulloa) .
As disticións de bronce foron para as marcas Queinaga (D.O.P. Tetilla), El Labrador Estradense (D.O.P. Arzúa Ulloa) e Don Crisanto (D.O.P. San Simón da Costa).
Boa saúde do sector
As 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas existentes no ámbito agroalimentario, ás que habería que engadir as produccións ecolóxicas certiticadas galegas, poñen de manifesto "a boa saúde do sector", segundo destacou o presidente da Xunta, quen argumentou tamén que o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona supón unha oportunidade económica, fixa poboación e consolida a agricultura e a agroindustria como sectores de futuro. Como mostra, aludiu ás cifras destas denominacións de calidade: máis de 400 millóns de euros de produción certificada, 23.000 produtores en activo implicados e preto de 1.000 industrias.
Na XVI Cata dos Meles de Galicia, a distinción de ouro na categoría de multiflorais foi para Alfimel - Josefa Paz Vizoso (Burela-Lugo), que obtivo tamén o primeiro premio para a categoría de meles monoflorais.