Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • Cebreiro
  • San Simón Costa
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Os mellores queixos galegos: listos para sentenza

10/12/2022

0 Comentarios

 
XXV Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
XXV Cata dos Queixos de Galicia

QdeG
​
Disque o queixo, o galego, é para todos os días. E hai quen di -hoxe mesmo, sen ir máis lonxe- que unha xornada con outra cae unha xenerosa ración, cando remata a actividade laboral. É un exemplo que se repite. O queixo está omnipresente nos fogares galegos, así como os sabores do leite procesado e transformado  nun produto de referencia ao que cada vez se lle presta máis atención. Para quedar coa mellor peza, compren todos os sentidos. Degustar é a clave. Todo isto virá feito nos vindeiros días para os neófitos.

 Para dar co mellor, hai que prestarlle máis interese ao que transmiten os queixos, polo sabor direto nas papilas gustativas, polo arrecendo non menos intenso e importante que lle chega ao narís -vía pituitaria amarela- ou por todo o que entra polos ollos, que falan de matices, de cores, tamaños, estructuras, interioridades (como os ollos da peza ou a súa consistencia).

Todos os descritos son aspectos clave para converter a un consumidor nun amante dos queixos. Pero, como máis se aprende, é accedendo ás mellores elaboracións. Porque bos, hoxe por hoxe, son todos. Deste labor encargáronse hai nadiña unha ducia de especialistas, na XXV Feira dos Queixos de Galicia.

Con isto, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), volverá premiar a excelencia do sector, en colaboración cos consellos reguladores das catro denominacións de orixe dos queixos galegos (Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro).

Así que, previsiblemente, antes do Nadal, poderemos desfrutar dos mellores queixos do país da campaña 2022. Darannos o traballo feito.

Apuntes  e conclusión

E, se acaso, dous apuntes; un de grande interese: a importancia de "pasear" o queixo logo de comelo. E o segundo, un dos últimos datos do consumo de queixo (de 8,2 quilogramos por persoa e ano en Galicia. No conxunto do Estado, a media  está nos 7,8 quilogramos).

Pero hai que quedar cunha gran conclusión: sempre, sempre, o queixo, despois de comelo, hai que "pasealo". Palabra de médico. 
​
XXV Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
Salomé Beiroa, en plena cata

Certificación e 'experiencias de calidade' para os doce catadores, da man do director da Agacal, José Luis Cabarcos
XXV Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
Foto de familia dos participantes na XXV Cata dos Queixos de Galicia
XXVCata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
A cata rematou cunha comida no santiagués CIFP Compostela
0 Comentarios

Os mellores queixos, "en breve"

1/12/2022

0 Comentarios

 
Xosé Luís Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Cata de Queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
O director da Agacal, Xosé Luís Cabarcos, na clausura da cata de queixos deste ano

QdeG

Hai que supervisar, contrastar e confirmar datos sobre a cata dos queixos de Galicia deste ano - dos queixos e dos meles, claro, que van felizmente unidos desde hai xa unhas décadas-. Os catadores veñen de facer  o seu traballo, despois de tres días de análise. O control dos datos e as conclusións dos analistas hai xa tres anos que se procesan dixitalmente. O papel, a goma de borrar e o lápis van quedando atrás. "En breve", en palabras do director da Axencia Galega  da Calidade Alimentaria (Agacal), Xosé Luís Cabarcos, coñeceremos cales serán os gañadores. Se non hai contratempos, antes do Nadal, teremos a oportunidade de regalar ou seguirnos entregando ao desfrute dun dos máis espectaculares sabores gastronómicos galegos. Agora, con ese plus de calidade que aportan os mellores do ano.

Pregunta.-Péchase unha nova edición da cata dos queixos e meles de Galicia, que balance se pode facer desde a Xunta de Galicia?

Resposta.- O primeiro balance relevante é contrastar e confirmar a importancia do queixo na economía do sector primario e os éxitos acadados. Na clausura da cata comprobamos unha parte deses éxitos na calidade que amosaron, pero tamén podemos confirmar que está a ser un sector capaz de estar resistindo moi ben todas as problemáticas que hoxe vivimos. Co cal, digamos que é un caso de éxito onde, ademais da oitava rexión europea en produción de leite, como é Galicia, está demostrando  unha capacidade para xerar valor engadido dentro do territorio e xerar riqueza nun produto tan  significativo como son os nosos queixos.

P.- O 81% das queixerías galegas acudiron á cata deste ano. Que indica esta porcentaxe e ese 19% que non acudiu a competir?

R.- Indica que cando nós fixemos a convocatoria amosou interese en participar nestas catas esa cantidade de produtores. Dos que quedan fóra non podo opinar, pero si convidalos a que en próximas convocatorias poidamos contar con eles. Por que aquí, o que nos interesa é non xa escoller o queixo coa categoría de ouro, senón poder contrastar ano tras ano que as calidades están mellorando e que estamos tendo unha maior potenciación dos nosos produtos, e que se están facendo ben e conforme aos regulamentos que marcan os respectivos consellos reguladores.

P.-  Cando coñeremos os gañadores, en breve, antes do Nadal?

R.- Si, case con toda seguridade, será en breve.

P.- Como estamos os galegos en consumo de queixo entre os españois?

R.- Non temos datos de consumo, xa que nós parámonos nos datos de produción e na parte de valor engadido do territorio, pero o que si podemos contrastar é que os produtos certificados englobados no sector do queixo están tendo datos moi bos, e crecendo. 
​
Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
Hai xa tres anos que os datos da cata dos queixos de Galicia contrólanse dixitalmente
Cata dos Queixos de Galicia/ queixosdegalicia.com
Un momento de descanso na cata dos queixos deste ano
0 Comentarios

43 queixos galegos, a exame

22/11/2022

0 Comentarios

 
Cata dos queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
A cata de queixos e a cata de meles de Galicia celébranse do 23 ao 25 deste mes en Santiago
QdeG
​
Esta semana celébranse en Santiago  a XXV cata dos queixos e a XXI cata dos meles de Galicia. Desenvólvense do mércores 23 ao venres 25 de novembro, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela. Nas catas de queixos competirán un total de 30 fabricantes, pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida, con 43 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e a categoría Arzúa-Ulloa curado, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro.
 
Este certame agroalimentario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agaca), dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras  (Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro).
 
No caso dos meles, concursan 20 industrias, que inscribiron un total de 33 meles nas categorías monofloral e multifloral Así, algo máis da metade das industrias inscritas na IXP participarán neste certame, mentres que que a porcentaxe de empresas que participan nas catas en relación coas queixerías inscritas nas DOPs é do 81%.

Paneles de cata
 
O persoal da Agacal, en colaboración cos conxelllos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías as catas, nas que se escollen os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.

O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos expertos téñense en conta criterios como a súa formación, coñecemento no sector, experiencia en catas, representación de asociacións de restauradores e catadores ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.

0 Comentarios

Tempo de catas: queixos para os máis esixentes

1/11/2022

0 Comentarios

 
Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
Un momento da cata de queixos celebrada en decembro de 2015, organizada pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos consellos reguladores

QdeG

 A Cata dos Queixos e Meles de Galicia 2022 xa está en marcha. O pasado xoves, 27 de outubro, a Consellería do Medio Rural pechou o prazo de inscrición para participar nesta nova edición, que se celebra en colaboración cos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexida dos queixos e da indicación protexida Mel de Galicia.

O encargado de desenvolver con todas as garantías, o rigor e a seriedade dun dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia é o persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores. Nel escóllense os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.
 
Cata a cegas
 
Para salvagardar o anonimato da marca de cada concursante, as mostras dos queixos participantes non poden levar a súa etiqueta habitual nin calquera outro elemento que os poida identificar.
​
No caso dos meles, e dada a gran diversidade dos envases empregados na súa expedición comercial, as mostras recolleranse en envases de cristal transparente sen marcas, debuxos nin calquera outro elemento que poida levar á súa identificación.
 
Nos dous casos, as mostras son etiquetadas e numeradas cun díxito que substitúe á etiqueta identificativa habitual do produto, e quedan rexistradas xunto coa marca comercial, categoría e o número de lote na acta de recollida correspondente. Tanto os queixos como os meles etiquetados introdúcense nunha caixa na que figura unicamente o nome da categoría ou subcategoría e transpórtase ata o lugar da celebración da cata, onde permanecen refrixeradas e precintadas ata o inicio desta.

Promoción e premios
 
Con estas catas,  a Consellería do Medio Rural pretende recalcar a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como "uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da comunidade autónoma".
 
No caso dos queixos, a organización outorga un trofeo e un diploma co posto acadado (distinción de ouro, prata e bronce) nas categorías de: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa (que inclúe tamén a subcategoría de Arzúa-Ulloa curado), Cebreiro (que tamén inclúe a subcategoría de Cebreiro curado) e San Simón da Costa.  
 
No que se refire aos meles, este ano cataranse tres categorías: meles monoflorais, meles multiflorais e mel de melada ou de bosque, que recibirán tamén un trofeo e un diploma acreditativo do posto acadado neste certame.
​
Cata dos Queixos de Galicia / queixosdegalicia.comFoto
As mostras dos queixos que participan na cata non levan nada que os poida identificar
0 Comentarios

Goente volve ás súas marcas: queixo e mel

9/10/2022

0 Comentarios

 
XI Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente / queixosdegalicia.comImagen
Entre as propostas deste ano destacou a cociña en directo do chef Antonio Díaz
A.S.R.

A XI Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente non desmereceu moito das de edicións anteriores e,  parte dos asistentes, que tiveron propostas moi variadas para pasalo ben e facer algunhas compras, montaron corros durante parte da mañá diante das evolucións didáctico-culinarias dun recoñecido cociñeiro -Antonio Díaz-. Houbo degustacións, tapas e petiscos para os interesados en coñecer as novidades do chef. Na elaboración das receitas non faltou nin o queixo nin o mel.

E no recinto cuberto desta parroquia do concello coruñés das Pontes  -por mor da ameaza da choiva que case sempre soe acompañar a celebración- ducias de postos de venta acapararon a atención dos compradores e curiosos que, en función das súas preferencias, mercaban aquí, petiscaban alá ou reclamaban acolá información dos produtos. Expuxéronse,  por exemplo, fungos tan solicitados como os níscalos (lactarius delicious), cantarela (cantharellus cibarius)  e a lingua de vaca  (hydnum repandum).

Entre os queixos, ademais dalgunha representación da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa ou das terras luguesas de Friol, a marca local: Queserías del Eume vendeu as súas especialidades, algunhas galardoadas en repetidas ocasións; a última co Cincho Internacional de Prata 2022, celebrado en Zamora.

Nesta ocasión non houbo os típicos e máis que coñecidos e solicitados freixós -do que se lamentaron moitos visitantes-. Á hora de valorar sobre o número de asistentes, Queserías del Eume achacou esa certa redución a que todos os anos "se fixeron os freixós na carpa e, este ano, non". Haberá freixós na próxima feira?. 
​
XI Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente / queixosdegalicia.comImagen
O posto de Queserías del Eume, en plena faena de atención aos clientes
0 Comentarios

Comeza a segunda parte dos cursos de análise sensorial dos queixos con DOP

2/10/2022

0 Comentarios

 
Cursos análise queixos / queixosdegalicia.comImagen
Cursos análise queixos / queixosdegallicia.comagen

QdeG
A terceira edición das accións formativas de análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) chega mañá luns ao seu ecuador, cun curso de iniciación destinado ás  persoas vencelladas  ao sector e á industria agrogandeira que desexen adquirir ou mellorar competencias para elaborar os seus produtos.
                                     
O curso celébrase no concello pontevedrés de Lalín (Pazo de Anzuxao) e terá continuidade o mércores, 5 de outubro. Posteriormente, os días 17 e 19 de outubro, está programada unha nova acción formativa de inicio, que se desenvolverá, neste caso, no concello coruñés de Boqueixón (en Sergude).

Ao longo do mes de setembro xa se celebraron nas dúas localidades galegas de referencia outros dous cursos de perfeccionamento, complemento dos de inicio desenvolvidos na edición anterior.

 Dado o importante aproveitamento desta formación que nas pasadas convocatorias obtiveron máis de douscentos alumnos, a directora dos cursos -a catadora Salomé Beiroa-  propuxo en 2022 retomar de  novo a actividade, que está a ter o mesmo éxito de participación.

Esta interesante proposta está financiada con fondos europeos (Feader) e pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Tamén colaboran os catro consellos reguladores dos queixos galegos con DOP, así como outras entidades.
 
 Calquera persoa vinculada ao sector agrogandeiro, produtores, elaboradores e industria transformadora tiveron a aportunidade de inscribirse gratuitamente nestes últimos cursos, que non só se dirixen directamente á fabricación de queixos, senón tamén aos produtores lácteos, comercializadores e outros.
 
Promoción e protección da calidade
​

Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Nas sesións formativas de inicio e formación complementaria abordanse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.
  
Trátase, en definitiva, de achegar a industria e o sector agroalimentario aos queixos galegos con DOP (Tetilla, San Simón da Costa, Cebreiro e Arzúa-Ulloa).
0 Comentarios

Chega a terceira edición de análise sensorial dos queixos galegos DOP

7/9/2022

0 Comentarios

 
Cursos análise sensorial / queixosdegalicia.com
Os cursos, impartidos pola catadora Salomé Beiroa, celebraranse en Lalín e Sergude (Boqueixón)
QdeG

Os cursos de análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) entran nuns días na súa terceira edición. Serán catro accións formativas impartidas pola catadora Salomé Beiroa en distintos puntos da xeografía galega en setembro e outubro.  Dúas xornadas centraranse na iniciación e as outras dúas na formación complementaria. O obxectivo é “que as persoas vencelladas  ao sector e á industria agrogandeira adquiran ou melloren competencias para poder elaboraren mellor os seus produtos”, resume a  formadora.
 
Dado o importante aproveitamento desta formación que nas pasadas edicións obtiveron os máis de douscentos alumnos que preparou Salomé Beiroa, en 2022 propuxo de novo retomar a actividade, que está financiada con fondos europeos (Feader) así como pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Tamén colaboran os catro consellos reguladores dos queixos galegos con DOP, así como outras entidades.
 
Destinatarios e obxectivos
 
Calquera persoa vinculada ao sector agrogandeiro, produtores, elaboradores e industria transformadora poden inscribirse gratuitamente nesta actividade, non só quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén os produtores lácteos, comercializadores e outros. “Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del á industria”, argumenta Salomé Beiroa.
 
Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Neste sentido, a catadora apunta que “temos catro tesouros” que divulgar, en referencia ás catro DOP. Nas sesións formativas abordaranse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.
 
Programación e inscricións (gratuítas)
 
Esta terceira edición comezará coas sesións de formación complementaria, dirixidas a aquelas persoas que realizasen xa a inicial ou ben que dispoñan de coñecementos en análise sensorial. A primeira data será a dos vindeiros días 12 e 14 de setembro en Lalín e o 19 e 21 dese mesmo mes en Sergude (Boqueixón). Se ben, para a iniciación, as datas previstas son o 3 e 5 de outubro en Lalín e o 17 e 19 en Sergude.
 
O alumnado interesado en participar poderase inscribir, sen custo ningún, a través do enlace https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas.  Debe seleccionarse a provincia -Coruña para Sergude e Pontevedra para Lalín-, o tipo de formación como presencial e o curso 'formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos con DOP', se é esa a que se quere realizar, ou 'Iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con DOP' no caso de non ter participado en anos anteriores.
 
A proposta pretende achegar á industria e ao sector agroalimentario aos queixos galegos con DOP (San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla).

Curso análise sensorial queixos / queixosdegalicia.com
A catadora, con máis de quince anos de experiencia, volverá impartir o curso de análise sensorial dos queixos galegos con DOP
0 Comentarios

O requeixo da Capela congrega milleiros de visitantes

29/8/2022

0 Comentarios

 
XXXII Festa do Requeixo da Capela / queixosdegalicia.com
O sol aconsellou que os máis previsores xa cubrisen a cabeza cun pucho desde primeiras horas da mañá
Gonzalo S. Lourido

Despois de tres convocatorias que non puideron ser, había ganas de festa na Capela (A Coruña). E este domingo acudiron á convocatoria anual de exaltación do requeixo local milleiros de visitantes, en liña con edicións anteriores. Tamén se ofertaron arredor de 10.000 terrinas do produto, para as que se calcula que se precisaron 15.000 litros de leite crú.

Houbo máis expositores de venda, moi pouca representación de queixerías galegas, e un pregoeiro -o axudante técnico sanitario Xosé Ramón Bouza Rodríguez- que se encargou de glosar os tempos da pandemia, de lembrar aos que se foron e de recoñecer o papel que xogaron todos os colectivos, sen excepción, que deron axuda e solucións en tempos de incerteza.

Festa, requeixo e sol na Capela

A Cooperativa Campo Capela -que colabora cada ano co concello coruñés na organización do evento- é a que elabora este requeixo que se vendeu no recinto feiral, xunto con outros queixos de produción propia igualmente afamados, recoñecidos e premiados nacional e internacionalmente.

O presidente da cooperativa, Fernando Rodríguez, avaliou como "moi positiva" a celebración do encontro no seu conxunto, tanto pola asistencia como polas vendas.

A primeiras horas da mañá xa se auguraba un día de moita calor, pero o termómetro non impedíu que os visitantes acudisen tamén pola tarde e pola noite, nunha xornada na que non faltaron as atraccións musicais.
​
XXXII Festa do Requeixo da Capela / queixosdegalicia.com
O axudante técnico sanitario Xosé Ramón Bouza foi o encargado de ler o pregón
0 Comentarios

Este domingo, requeixo da Capela

27/8/2022

0 Comentarios

 
XXXII Festa do Requeixo da Capela / queixosdegalicias.com
O programa deste ano inclúe actividades que se veñen desenvolvendo desde o venres
G.S.L.

A conta atrás está ao límite. Despois de varios anos de espera -polas razóns dabondo coñecidas- este domingo hai unha celebración importante na parroquia das Neves. Volve a Festa do Requeixo do Concello coruñés da Capela, un produto de gran aceptación do que  se volverán vender milleiros de terrinas para consumo familiar; mentres outras moitas vanse converter en aperitivo ou en sobremesa daqueles que aproveitan  o día para visitar, mercar, desfrutar e degustar un produto polo que moitos devecen é que está chamado a ser parte destacada no panorama queixeiro galego.

Pois si. O requeixo, presente en toda Galicia- gaña adeptos- pero tamén precisa dun empurrón definitivo para revelarse ampliamente como unha exquisitez cara ao seu consumo.  Ao local e ao cotián -se son de lei  e de raíz-  hai que darlle recoñecemento e valor engadido. O futuro ten que pasar por iso.

Hai fabricantes que elaboran requeixo para atender unha pequena demanda -porque hai que estar no mercado-. E tamén hai quen inclúe o produto como proposta para tendas, hostalería, supermercados e grandes áreas comerciais. Pero todos, precisan dun paraugas legal.

Este domingo, nas Neves, celébrase a XXXII Festa do Requeixo, cunha exhibición de cans de pastoreo, pasarrúas, pregón, xantar, charanga e concerto musical. Ademais, está a tradicional exposición de maquinaria agrogandeira e forestal, un obradoiro de táboas de artesanía e oficios e os postos de alimentación habituais.

Venres e sábado celebráronse tamén actividades  complementarias, como a ExpoFest A Capela. 

XXXII Festa do Requeixo da Capela / queixosdegalicia.com
A covid impediu que a festa puidera celebrarse nas edición de 2019, 2020 e 2021
0 Comentarios

Un 'país' de estrugas, arandos e noces pecanas

28/7/2022

0 Comentarios

 
Quesos La Montaña / queixosdegalicia.com
Manuela González, propietaria de Quesos La Montaña, cun dos seus produtos máis vendidos: o queixo con estrugas
Gonzalo S. Lourido

Hai máis de cincuenta anos que Quesos La Montaña de Entrimo (Ourense) vende os seus produtos. Daquela, o queixo elaborado era o "país de sempre", de diferentes tamaños e de formato invariablemente redondo, sinala a propietaria desta empresa, Manuela María González González. Mudaron os tempos, os formatos e as propostas e hoxe esta empresa elabora unha ampla gama, con novidades como o queixo con arandos, noces pecanas e, sorpresa!, estrugas. Desde 2021 conta cunha tenda de venda 'en liña', coa que abre a porta a clientes de toda a península.

Nos primeiros anos, cando moita xente do rural tiña unha ou dúas vacas,  o sobrante do do leite da zona  vendíase e esta queixería, que tiña dúas recollidas ao día en Entrimo, Lobios e  Lobeira.

Quesos La Montaña está instalada en Ferreiros de Entrimo e ten como zona preferente de distribución a provincia de Ourense e parte da de Ponvedra. Vende os seus produtos en tendas e desde hai anos que traballa en colaboración co Grupo Cuevas, que os ofrece nos seus supermercados.

Un ano con outro, esta empresa utiliza arredor duns 300.000 litros de leite para a elaboración dos seus distintos produtos, entre os que se encontran os xa referidos de estrugas -que se puxo no mercado en 2017- ou o de noces pecanas -máis recente-.

Completan a oferta o queixo Tetilla, o 'país' normal, semicurado e curado e as súas variantes sen sal, así como queixo fundido, relado en po ou elaborado con pemento. Os de máis aceptación son o de estrugas e o 'país' de toda a vida.
​
A empresa acudíu este ano, por primeira vez, á Semana Verde, fundamentalmente para "darse a coñecer" e "para seguir avanzando no mundo da distribución". 

Quesos La Montaña /queixosdegalicia.com
A queixería ourensá presentou este ano os seus produtos na Semana Verde
0 Comentarios
<<Anterior
Adelante>>
    Logo Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina web

    Autor

    Blog de novas de actualidade do portal web queixosdegalicia.com



    Conselleria do Medio Rural / queixosdegalicia.com

    Galicia Calidade / queixosdegalicia.com


    Archivos

    Agosto 2023
    Junio 2023
    Abril 2023
    Marzo 2023
    Febrero 2023
    Diciembre 2022
    Noviembre 2022
    Octubre 2022
    Septiembre 2022
    Agosto 2022
    Julio 2022
    Junio 2022
    Mayo 2022
    Abril 2022
    Marzo 2022
    Febrero 2022
    Diciembre 2021
    Octubre 2021
    Septiembre 2021
    Julio 2021
    Marzo 2021
    Diciembre 2020
    Octubre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Julio 2020
    Mayo 2020
    Abril 2020
    Febrero 2020
    Enero 2020
    Diciembre 2019
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Abril 2019
    Marzo 2019
    Febrero 2019
    Enero 2019
    Diciembre 2018
    Noviembre 2018
    Octubre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Mayo 2018
    Abril 2018
    Marzo 2018
    Febrero 2018
    Enero 2018
    Diciembre 2017
    Noviembre 2017
    Octubre 2017
    Septiembre 2017
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Mayo 2017
    Abril 2017
    Marzo 2017
    Febrero 2017
    Enero 2017
    Diciembre 2016
    Noviembre 2016
    Octubre 2016
    Septiembre 2016
    Agosto 2016
    Julio 2016
    Junio 2016
    Mayo 2016
    Abril 2016
    Marzo 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Diciembre 2015
    Noviembre 2015
    Octubre 2015
    Septiembre 2015
    Agosto 2015
    Julio 2015
    Mayo 2015
    Abril 2015
    Marzo 2015
    Febrero 2015
    Diciembre 2014


    Categorias

    Todos
    Agricultura Ecolóxica
    Cata Dos Queixos
    Concurso De Pinchos
    Cooperativa Caprina Gallega
    Craega
    Ecolóxicos
    García Baquero
    Inés Abril
    J. A. Fernández
    Javier Piñeiro
    Palas De Rei
    Portomeñe
    Produtos Ecolóxicos
    Queixos Da Chaira
    Queixos Ecolóxicos


    Fuente RSS


Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia